Toque de atención ós supermercados polas ofertas de leite

Unións Agrarias pediulle a tres cadeas da distribución que retirasen ofertas de leite no entorno dos 57 céntimos o litro. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo trasládalle as preocupacións dos gandeiros ós grupos políticos do Parlamento galego

Toque de atención ós supermercados polas ofertas de leite

Os gandeiros vixilan a evolución dos prezos do leite nos supermercados.

Os gandeiros continúan a vixilar os prezos de venda do leite no supermercado, pois todo prezo de venda ó público por baixo dos 60 céntimos orixina perdas no conxunto da cadea do leite, granxas, industrias e nos propios supermercados. Unións Agrarias comunicoulle hoxe a tres cadeas, Alcampo, Mercadona e Froiz, que detectara ofertas nos seus establecementos no entorno dos 57 céntimos, unha cuestión que os supermercados se comprometeron a solucionar, segundo a organización agraria.

O uso do leite como produto reclamo está a baixar no conxunto de España, segundo un informe do Ministerio de Agricultura publicado a finais do 2015. As vendas de leite por baixo de 60 céntimos representaron no último trimestre do ano un 22%, fronte ó 28% que copaban en agosto. En Galicia, son habituais prezos a 59 céntimos, un valor no que os gandeiros sitúan a liña vermella. Con toda oferta por baixo dos 59 céntimos, os produtores, como primeiro paso, inician contactos coa correspondente cadea para pedir a súa retirada.

Reunións da Plataforma no Parlamento
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia proseguiu este luns cos contactos cos grupos políticos do Parlamento Galego, ós que lles trasladou a necesidade de medidas urxentes para apoiar ás granxas. Tras a reunión a pasada semana co PP, a Plataforma mantivo contactos hoxe co Psoe, con Alternativa Galega de Esquerda (Age), co Bloque e co grupo mixto.

A idea da Plataforma é que o Parlamento aprobe, co consenso de todos os grupos políticos, unha proposición non de lei para que o Goberno autonómico traballe no sentido de lograr garantías para a recollida de todo o leite a prezos de mercado. As organizacións que integran a Plataforma tamén piden unha recuperación dos prezos en Galicia ata equiparalos á media española e unha xestión ordenada dos excedentes a nivel estatal, de xeito que a regulación dos excedentes non recaia só sobre unhas poucas explotacións galegas, con casos como o da cooperativa Codegui, que leva tres semanas mandando toda a súa producción para leite en po.

Resposta do comisario de Agricultura
Precisamente, sobre o problema da cooperativa Codegui advertiu a eurodeputada Lidia Senra (Age) ó comisario europeo de Agricultura, Phil Hogan. En contestación a Senra, Phil Hogan indícalle que “chame a atención das autoridades españolas sobre o problema, dado que o Ministerio de Agricultura é o gardián dos acordos lácteos que inclúen, entre outros aspectos, un compromiso sobre a recollida do leite”.

Hogan argumenta que a liberalización do mercado non implica necesariamente que as granxas deban producir máis, senón “producir na cantidade para a que teñan mercado”, sinalando que todos os operadores da cadea deben seguir os “sinais do mercado”. Desde Alternativa Galega de Esquerda cuestionan esta postura e avogan por medidas públicas de control dos mercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información