O Fondo Español de Garantía Agraria fixo público estes días o listado de beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC) no 2017. A análise dos datos depara sorpresas, pois no Top-30 dos principais perceptores galegos, o maior número de beneficiarios está nos Concellos (9), seguidos de cooperativas agrarias (5).
O ránking encabézao Proláctea (Quesería Entrepinares), unha firma adicada á elaboración de soro en po, que percibiu un importe de 2,1 millóns de euros para a execución de instalacións en Vilalba (Lugo). Outras dúas industrias lácteas, Dairylac e Innolact, figuran tamén entre as principais perceptoras de fondos agrícolas europeos.
O número 2 do listado correspóndelle a Coren, con 1,3 millóns de euros, que tamén sitúa ó matadoiro Novafrigsa, do que é propietaria, entre os dez primeiros do ranking, con preto de medio millón de euros de importe recibido.
Completan o top-30, entre outros beneficiarios, 3 consellos reguladores, 2 empresas de castaña (Alibós e ‘Lemos y Balboa’), unha adega (Martín Códax) e unha firma avícola (Poulet Royal).
Ganderías e fondos agrícolas
A recepción dos fondos agrícolas europeos asóciase habitualmente ós pagos directos que perciben as granxas, pero entre o top-30 de principais perceptores galegos só aparece unha gandería, precisamente no posto 30, Finca Canedo (Frades, A Coruña), con 172.000 euros.
Os fondos agrícolas divídense entre fondos Feaga, os correspondentes ós pagos directos ó agro, e os fondos Feader (Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural), que permiten, entre outras cuestións, a financiación de investimentos para o rural por medio de industrias, empresas forestais ou Concellos. É esta liña a que predomina entre os maiores perceptores dos fondos agrícolas europeos en Galicia.
Se se analizan os arredor de 200 beneficiarios galegos destes fondos que recibiron máis de 100.000 euros o pasado ano, aparecen só arredor dunha quincena de ganderías beneficiarias de pagos directos, en tanto que destacan, polo seu número, os Concellos, as cooperativas, as empresas forestais e, en menor medida, as comunidades de montes.
Limitacións dos pagos
Os datos permiten tamén constatar que a proposta da Comisión Europea de limitar os pagos directos a explotacións agrarias a un máximo de 100.000 euros anuais a penas tería efecto en Galicia. Só hai 17 ganderías que percibiron o pasado ano máis de 100.000 euros, cantidades que en ocasións débense a investimentos realizados con axudas e que non se corresponden cos pagos regulares que se perciben outros anos.
A limitación dos pagos directos ás explotacións agrarias a un máximo de 100.000 euros a penas tería impacto en Galicia
Na Coruña, foron Finca Canedo (Frades), 172.000; Casa Grande de Xanceda (Mesía), 151.000; Devesa Langueirón (Ponteceso), 108.000; Herdanza (Santiago), 104.000 e Ugasma (Boimorto), con 101.000.
En Lugo, Granxa Carlota (Castroverde), con 168.000; María Ángela López (Friol), con 124.000; Antonio Ferreiro (Antas de Ulla), con 121.000; Eliseo López (Cospeito), 119.000; Sat A Campiña (Lugo), con 106.000; Gandería Piquín (A Fonsagrada), con 102.000 e José Eduardo Arias (Lugo), con 100.000.
En Pontevedra, figuran Grobarexoia (Oia), con 137.000; Sat Vila (Lalín), con 104.000 e Ganados Umiadeza (Silleda), con 101.000.
Outras dúas ganderías completan a lista en Ourense: Manuel Carballo, en Montederramo, con 164.000; e Domingo Pablos Hernández, en A Veiga, con 108.000.
Os pagos ás ganderías en Galicia contrastan coa situación noutras comunidades caracterizadas polas propiedades latifundistas, caso de Andalucía. Se se analiza por exemplo a provincia de Córdoba, o segundo máximo perceptor de fondos agrarios é unha sociedade da Casa de Alba, Euroexplotaciones Agrarias, con 976.000 euros.
Pódense consultar os beneficiarios dos fondos agrícolas europeos neste enlace.
Maiores beneficiarios en Galicia de fondos agrícolas europeos
Beneficiario | Concello | Importe (euros) | |
---|---|---|---|
1. | Proláctea (Quesería Entrepinares) | Vilalba (Lugo) | 2.124.000 |
2. | Coren, sociedade cooperativa galega | Ourense | 1.350.000 |
3. | Consello Regulador DO Rías Baixas | Pontevedra | 1.164.000 |
4. | Lasurgal (Dairylac) | Melide (A Coruña) | 977.000 |
5. | Bodegas Martín Códax | Cambados (Pontevedra) | 707.000 |
6. | Innolact | Castro de Rei (Lugo) | 681.000 |
7. | R Cable | A Coruña | 500.000 |
8. | Poulet Royal | A Coruña | 499.000 |
9. | Consello Regulador DO Ribeiro | Ribadavia | 495.000 |
10. | Novafrigsa | Lugo | 488.000 |
11. | Cooperativa O Rodo | Rodeiro (Pontevedra) | 446.000 |
12. | Consello Regulador IXP Ternera Gallega | Santiago (A Coruña) | 413.000 |
13. | Alibós Galicia | Monterroso (Lugo) | 390.000 |
14. | Lemos y Balboa | Samos (Lugo) | 282.000 |
15. | Boaga – Federación de Razas Autóctonas de Galicia |
Coles (Ourense) | 256.000 |
16. | C Grupo de Empresas de Comunicación, Marketing e Investigación de Mercados (Bap & Conde) |
A Coruña | 249.000 |
17 | Avega | Agolada (Pontevedra) | 241.000 |
18. | Concello da Estrada | A Estrada (Pontevedra) | 241.000 |
19. | Concello de Vilalba | Vilalba (Lugo) | 227.000 |
20. | Concello de Oza – Cesuras | Oza – Cesuras (A Coruña) | 227.000 |
21. | Cusoviame | Curtis (A Coruña) | 221.000 |
22. | Cooperativa Icos | Chantada (Lugo) | 202.000 |
23. | Cooperativa do Perpetuo Socorro | Arzúa (A Coruña) | 200.000 |
24 | Concello de Abadín | Abadín (Lugo) | 197.000 |
25. | Concello de Sober | Sober (Lugo) | 190.000 |
26. | Concello de Pantón | Pantón (Lugo) | 180.000 |
27. | Concello de Portomarín | Portomarín (Lugo) | 179.000 |
28. | Concello de Silleda | Silleda (Pontevedra) | 177.000 |
29. | Concello de Toén | Toén (Ourense) | 175.000 |
30. | Finca Canedo | Frades (A Coruña) | 172.000 |
*Nota: Os datos, que o Fega atribúe á campaña 2017, corresponden a pagos no periodo 16 de outubro 2016 – 15 de outubro do 2017.