Toma de conciencia sobre os corredores de protección contra o lume

A lexislación que obriga a manter despexado o terreo forestal arredor de casas e vías de comunicación está vixente desde hai unha década, pero é agora cando Xunta, Concellos e propietarios comezan a poñela en práctica

Toma de conciencia sobre os corredores de protección contra o lume

Plantación que mantén unha franxa despexada á beira dunha pista forestal.

Os lumes do pasado outono están a provocar un cambio na Administración e nos propietarios forestais, tanto particulares como comunidades. Se ata o de agora era práctica habitual aproveitar case ata o último metro de monte para a produción forestal, o escenario está a cambiar e o conxunto do sector forestal vai tomando conciencia sobre a necesidade de crear franxas de protección contra o lume.

A propia Administración, que mantiña un escaso control nos montes conveniados sobre as distancias das masas forestais a vivendas, núcleos de poboación e vías de comunicación, está iniciando actuacións para retirar o arborado de zonas perigosas. Na última poxa de madeira convocada na provincia da Coruña en montes públicos e en montes veciñais conveniados coa Administración, sacáronse a subasta 10 lotes no Barbanza e en Cedeira para cumprir coa lexislación de distancias.

A propia Administración está a iniciar a habilitación de franxas de protección en montes conveniados da Coruña

A normativa que obriga a manter franxas de protección en torno a vivendas e vías de comunicación está en vigor, con diversos cambios, desde o 2007, pero é agora cando Administración, Concellos e as propias comunidades de montes están a iniciar actuacións para crear eses corredores de seguridade.

Concellos
Entre as administracións locais, o Concello de Ribadeo foi dos primeiros en tomar a iniciativa de controlar a distancia de piñeiros e eucaliptos ás vivendas, que desde este ano ten que ser dun mínimo de 50 metros. O goberno local enviou máis de 600 notificacións a propietarios para que retranqueen as súas masas e solicitou de Medio Rural que controle a execución dos traballos, que de non facerse, derivarán previsiblemente en multas.

Concellos como Ribadeo ou Ponteareas son pioneiros na planificación das áreas de protección a despexar

Outro dos Concellos que traballa na cuestión é o de Ponteareas, que está a elaborar un plan de defensa contra incendios no que definirá as franxas que deben quedar libres de arborado. Posteriormente, comunicaralle ós propietarios forestais e ás Administracións que corresponda a súa obriga de asumir as cortas nas zonas delimitadas, a parte de executar os traballos que sexan da súa competencia.

Valoracións
“Estase vendo unha certa iniciativa de parte dos Concellos e tamén interese nas propias comunidades de montes, que nalgúns casos están delimitando franxas de seguridade arredor dos núcleos de poboación” -destaca Xosé Covelo, director da oficina da Asociación Forestal de Galicia en Ponteareas.- “Tamén percibimos unha maior actividade de inspección para facer cumprir a lexislación por parte de Medio Rural, tanto no relativo á normativa de distancias coma ó levantamento de plantacións forestais en solos agrícolas”.

Desde a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) coinciden na necesidade de crear franxas de seguridade, se ben descartan que sexa posible un “cumprimento universal” da normativa. “Temos que ser conscientes do medio rural que temos, marcado polo envellecemento, a despoboación e o minifundio” -expón o responsable de Asefoga, Jacobo Feijoo-. “Cumprir a normativa de distancias de xeito xeralizado non será posible, pero si que é preciso crear plans de emerxencia municipais e definir franxas e rutas de saída en caso de perigo, que si deben estar despexadas de xeito prioritario”, analiza.

“Non é posible un cumprimento universal da normativa, pero si a creación de plans de emerxencia que definan áreas prioritarias a despexar” (Jacobo Feijoo)

Outra cuestión candente é a que Administración lle correspondería executar de xeito subsidiario as cortas e rozas nos casos en que non o fagan os propietarios. A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ten advertido de que os Concellos carecen de persoal e medios para iniciar eses procesos. Desde o punto de vista de Jacobo Feijoo, “unha alternativa é que os terreos afectados pola normativa de distancias pasen a ser considerados unha servidume do propietario a Medio Rural, de xeito que en determinados casos a Consellería poida executar as cortas e rozas oportunas, sen custo para os propietarios”.

Situación tras os lumes
Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes, por último, consideran que a cuestión da creación de franxas de seguridade está agora nun segundo plano. “Temos un problema prioritario, que é a falta dun protocolo de actuación da Consellería nos terreos afectados polos lumes do outono. As cortas de madeira queimada están moi retrasadas, sobre todo en áreas afectadas por Patrimonio, onde non se dan permisos, e se ademais non hai apoios da Xunta para novas plantacións, imos entrar nun círculo de abandono, selvatización do territorio e máis lumes”, conclúe o presidente da Organización, Xosé Alfredo Pereira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información