Toma corpo unha folga de entregas de leite, pero aínda sen o suficiente respaldo no agro

Agromuralla confirma o seu apoio a suspender o suministro de leite ás industrias a partir do día 15 de decembro, en liña coa decisión da plataforma Ganaderos Lácteos Unidos, pero o resto de organizacións agrarias asegura que carece de información sobre tal convocatoria

Toma corpo unha folga de entregas de leite, pero aínda sen o suficiente respaldo no agro

Bloqueo dunha industria láctea no 2015. / Arquivo.

O conxunto do sector gandeiro de leite comparte o mesmo diagnóstico sobre os problemas de encarecemento de custos que atravesan as granxas. Tamén hai unanimidade en que a única posible solución para as ganderías pasa por unha suba do prezo do leite no campo. Pero aí acábase o entendemento. En demanda dese aumento de prezos do leite, non é só que cada organización propoña unha estratexia distinta ou faga as súas mobilizacións particulares. É que nin sequera hai un diálogo entre as distintas organizacións do agro.

A plataforma Ganaderos Lácteos Unidos, na que participa Agromuralla, tivo días atrás unha reunión na provincia de León na que acordou convocar unha folga indefinida de entregas de leite a partir do 15 decembro “se as industrias lácteas non lle pagan ós gandeiros 41 céntimos / litro, o custo mínimo de produción”, sosteñen.

No comunicado que emitiron tras a reunión, no que falan dunha folga de entregas de leite a nivel de toda España, sinalan que se convocarán “reunións polas distintas rexións” para planificar a folga e organizar “piquetes informativos nas estradas”.

Con esa folla de ruta marcada, a plataforma Ganaderos Lácteos Unidos pide que tanto o Ministerio de Agricultura como as consellerías do ramo das distintas comunidades autónomas tomen cartas no asunto para mediar na busca de solucións, antes de que se inicie a folga de entregas a partir do día 15 de decembro.

Reaccións
A cuestión é que en Galicia o resto de organizacións agrarias carecen de información sobre tal convocatoria de folga de entregas. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego apuntan que nin as directivas de Agromuralla nin a plataforma Ganaderos Lácteos Unidos, ligada á OPL, lles trasladaron ningunha proposta de folga de entregas de leite.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, avoga por “planteamentos serios que o sector estea disposto a respaldar”.

Vilalba sinala que desde hai meses están en contacto con diversos colectivos de gandeiros, organizacións e cooperativas, na liña de recuperar as mobilizacións unitarias coa que se creara no 2015 a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo.

“Nesa liña de contactos, falamos con ganderías que forman parte da base de Agromuralla, e temos sintonía con elas nas demandas do sector, pero a directiva de Agromuralla en ningún momento nos trasladou ningunha proposta de folga de entregas nin doutro tipo de mobilización. Non podemos facer valoración dun feito que non coñecemos” -conclúe-. “Tampouco nos consta que ese tipo de mobilización se abordara en Galicia en asembleas coa xente das granxas ou que se falara dalgún xeito”.

Desde Unións Agrarias apuntan tamén que nin Agromuralla nin Ganaderos Lácteos Unidos lles trasladou ningunha proposta sobre unha folga de entregas de leite. En calquera caso, ao longo dos próximos días en Unións teñen previstas reunións cos seus afiliados de leite para valorar a estratexia de mobilizacións a seguir. “Faremos o que digan os nosos afiliados”, conclúen.

En sentido similar se pronuncia o Sindicato Labrego. Isabel Vilalba non descarta “ningún tipo de mobilización”, pero aposta por que sexan mobilizacións nas que estea todo o sector de acordo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información