Tofu Landeira, unha aposta galega polas proteínas vexetais do campo ó prato

A firma galega leva máis de media década producindo e elaborando tofu coa súa propia soia. Os seus produtos pódense atopar en diferentes tendas, pero tamén chegaron a colexios da Coruña

Publicidade
Tofu Landeira, unha aposta galega polas proteínas vexetais do campo ó prato

José Antonio Landeira, CEO e copoprietario de Tofu Landeira, durante a celebración do Foro Sustentable de Chantada

O tofu é un alimento vexetal cunha base proteica moi interesante, xa que a súa cadea de aminoácidos é idéntica á da proteína animal. Aos poucos, este tipo de produtos están a incorporarse á dieta omnívora, deixando de ser algo exclusivo de dietas veganas ou vexetarianas. O aumento do interese por unha alimentación saudable e que busca alternativas ás proteínas animais levaron a José Antonio Landeira e a Marta García a crear Tofu Landeira. Trátase dunha firma que mestura a tradición e a innovación, obtendo así un produto único que aposta pola revalorización do rural.

Un dos principais obxectivos desta firma galega é servir de alimento á terra e ás persoas, sen esquecer a sostibilidade como factor diferencial. Ademais, leva a cabo un aproveitamento das terras en abandono e convérteas en terras de cultivo nas que se saca un produto de calidade.

Nacemento de Tofu Landeira
Esta empresa “nace da idea dun enxeñeiro agrónomo que está vinculado de sempre ao sector lácteo, que son eu”, indica José Antonio Landeira, CEO e cofundador da empresa, e engade que xurdiu coa finalidade de levar a cabo o ciclo pechado, producir a materia prima e elaborar o produto final. “Estou canso de ver que producimos a mellor materia prima e non vendemos ese produto final elaborado”, laméntase este emprendedor. Por iso, a principios de 2018 lanzou este proxecto, que dispón do obradoiro en Sigrás (Cambre, A Coruña).

Temos un produto valorado como de alta calidade con respecto ao resto dos que hai no mercado

Logo de viaxar por países de Asia, entre eles Tailandia, observaron que había un nicho de mercado nos produtos vexetarianos, en especial co tofu. “En Tailandia o tofu era un alimento do día a día, como aquí pode ser o queixo”. Ademais, observaron que este mercado está en constante crecemento e que lle faltaban produtos de calidade.

Tras producir soia forraxeira para alimento de gando vacún de leite empezaron paralelamente cun estudo do cultivo e o deseño e implantación dun pequeno obradoiro. O crecemento foi progresivo ata que chegaron ás dúas hectáreas que teñen agora de cultivo, pero xa valoran plantar catro. “Estamos obtendo un produto valorado como de alta calidade con respecto ao resto dos que hai no mercado, con calidades organolépticas moi diferenciadas. É un tofu que se pode comer en cru, fronte ao resto que son como cartóns”. Afirma que é un produto de máxima calidade e a súa vez elaborando a súa propia materia prima.

Imaxe de produción de soia. Cedida

Imaxe de produción de soia. Cedida

Tofu natural e afumado
Os procesos de cultivo da soia son totalmente ecolóxicos, tal e como garante o selo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que se pode ver na etiquetaxe de todos os produtos. Destaca porque teñen un tofu de calidade cunhas características organolépticas diferenciadas con respecto ao resto de produtos que se poden atopar no mercado, xa que se basea nun cultivo innovador e ecolóxico, plantado en Galicia.

Actualmente contan con tofu natural e afumado. Realmente son o mesmo, pero o afumado obtense coa madeira de faia. “Nós afumamos en madeira, non empregamos elementos adicionais químicos para afumar”.

Este tofu pode consumirse fresco, en ensaladas ou cociñado (fritido, empanado ou á prancha), pero tamén é unha excelente base para salsas, cremas patés ou recheos.

Somos a única entidade, a nivel nacional e case a nivel mundial, que producimos a nosa propia soia de maneira ecolóxica e obtemos o tofu en base a esa soia propia

Puntos diferenciais da marca
Lograr unha marca con base na soia é a finalidade de Tofu Landeira. O seu obxectivo centrouse en introducir o produto emblema da marca e, a partir de aí, diversificar en distintos produtos desta índole, coa base da soia cultivada por eles mesmos. En definitiva, buscaron ter unha marca de alimentación.

Para poder acadar unha posición no mercado, esta firma galega destaca por varios puntos diferenciais. Un deles é que son a primeira entidade, con respecto á soia, a nivel nacional e case a nivel mundial, que “producimos a nosa propia soia de maneira ecolóxica e obtemos o tofu en base a esa materia que producimos nós. Iso xa nos fai singulares de por si”, resalta Landeira. Isto transmítese na calidade organoléptica que ten o produto final, posto que a xente o aprecia e aínda que sexa un pouco máis caro que os produtos que se poden atopar nos lineais, “a xente valórao porque a diferencia é bastante grande”.

Tofu natural e afumado, as dúas variedades que teñen dispoñibles. Cedida

Tofu natural e afumado, as dúas variedades que teñen dispoñibles. Cedida

Para comercializalo, traballan con distribuidoras e tamén con tendas, froiterías que coidan estes produtos, tendas de alimentos vexetarianos e veganos, restauración ou mesmo os comedores Inditex dos colexios propios da zona da Coruña. “Chegar a tantos puntos só se puido lograr con moito traballo e chamando a moitas portas e crendo no produto que tes nas mans. É o máis complexo, que crean en ti e que vexan que hai xente que demanda este tipo de produtos e que demandan unha calidade”.

Un rural con futuro
José Antonio teno claro: “Estamos nun sitio privilexiado do mundo tanto para vivir como para producir alimentos: o rural”. Por iso, considera que deberíase facer un maior esforzo en producir alimentos coa máxima calidade a nivel mundial. “Debemos fixarnos no que temos e na calidade que podemos ofrecer ao mercado. Ademais, as institucións públicas teñen que axudarnos para logralo e non poñernos trabas. Nese sentido, considero que a lexislación está por detrás da sociedade”.

Pide que se lexisle considerando que hai alternativas dende o punto de vista ecolóxico e sostible, que poden ser rendibles. Para iso, indica que haxa axudas desde os diferentes estamentos, porque os que lexislan deben ser os mesmos que poñan ferramentas de axuda e “non tanto control”.

Este emprendedor ten claro que no rural galego hai futuro, “se non o crese non me lanzaría a estes proxectos, non houbese sido enxeñeiro agrónomo nin me houbese dedicado ao sector rural”. Landeira cre no rural galego, “nun rural sostible e beneficioso para o medio, no que nos sintamos orgullosos dos produtos que producimos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información