Europa deseñou un ambicioso proxecto, o Next Generation, para impulsar a recuperación do continente das consecuencias económicas e sociais da Covid. O obxectivo principal céntrase en lograr unha economía máis competitiva baseada en tres piares: transición verde, dixitalización e emprego. Son todas elas cuestións nas que o agro pode atopar encaixe, polo que os fondos Next Generation configúranse como unha gran oportunidade.
Explicamos a continuación as posibilidades.
Que fondos adicionais recibirá España para abordar a recuperación económica trala Covid?
No marco dos fondos Next Generation, a España correspóndenlle 155.000 millóns de euros no periodo 2021 – 2027, dos que arredor de 80.000 millóns serán axudas a fondo perdido e o resto créditos.
Estes fondos non chegarán de xeito automático a España, senón que o Goberno teralle que presentar a Bruxelas un Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia antes do 30 de abril de 2021. Ese Plan debe ser validado por Bruxelas.
En que áreas se investirán os cartos que chegan a España?
Nos presupostos 2021, o Goberno prevé recibir arredor de 26.000 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación. Deses cartos, uns 17.000 millóns destinaranse á transformación da economía cara a axenda verde e á dixitalización. Outros 9.000 millóns irán para emprego e políticas sociais (saúde, educación, etc.).
Que partidas poden chegar ó agro?
O Ministerio de Transición Ecolóxica xestionará arredor dun 25% dos fondos de recuperación dos presupostos do 2021, polo que configúrase como un dos principais organismos que pode aportar fondos para proxectos ligados ó rural e ó agro.
En decembro do 2020, este Ministerio mantivo aberta unha convocatoria para localizar proxectos tractores que loitasen contra a despoboación do rural. En concreto, buscábanse actores interesados en desenvolver proxectos en municipios de menos de 5.000 habitantes e que contribuísen á bioeconomía -incluíndo o aproveitamento de recursos agrarios e forestais-, á transición enerxética, á conectividade dixital ou á atención e coidado das persoas, entre outras cuestións.
Como se xestionarán as axudas?
Unha das principais vías para a xestión dos fondos de recuperación son os chamados PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica). Trátase de iniciativas público – privadas ás que se lles outorga unha gran capacidade de arrastre para o crecemento económico e o emprego.
Estes PERTE, nos que participarán actores privados, terán que ser aprobados polo Consello de Ministros a partir de criterios obxectivos.
Outra vía de xestión dos fondos serán as axudas de concurrencia competitiva, como as que lanzará o Ministerio de Agricultura este ano. Tamén se prevé que haxa fondos específicos nos Plans de Desenvolvemento Rural 2021 – 2027.
Que convocatorias de axudas directas lanzará o Ministerio de Agricultura no 2021?
No marco dos fondos Next Generation, o Ministerio de Agricultura lanzará este ano convocatorias por importe de 307 millóns de euros, dos que 83 millóns irán para xestión de residuos gandeiros e subprodutos, 68 millóns para enerxías renovables e economía circular, 36 millóns para agricultura de precisión (orientada á maquinaria) e 120 millóns para modernización de invernadoiros.
Aproveitará Galicia os fondos Next Generation?
Os principais movementos da Xunta en relación co agro orientáronse a captar fondos dos proxectos tractores que impulsan o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Ministerio de Industria. Hai dous ámbitos principais nos que se está a mover o Goberno galego:
- Captación de fondos para a recuperación de terras agrarias abandonadas e para desenvolver aldeas modelo. A Consellería do Medio Rural vén de lanzar unha convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos. A Xunta habilitou un correo electrónico, proxectos.medio-rural@xunta.gal, para captar o interese de entidades interesadas en participar nos proxectos tractores. En concreto, a Administración sinala en nota de prensa que “anima ó sector primario e agroalimentario galego a presentar iniciativas que sexan susceptibles de optar ó Plan de Recuperación deseñado polo Goberno central”.
A convocatoria da Xunta para as pequenas empresas do agro chega sobre a campana, pois o Goberno central ten que ter presentado o seu plan en Bruxelas antes do 30 de abril
A convocatoria da Xunta chega sobre a campana, pois o Goberno central ten que ter presentado en Bruxelas o seu Plan o 30 de abril. Con esta convocatoria da Xunta, búscase implicar a pequenas e medianas empresas e cooperativas do rural, logo de que durante os últimos meses o esforzo do Goberno autonómico se centrase en proxectos con grandes empresas, en distintos sectores.
- Posta en marcha dunha planta de viscosa para crear fibras téxtiles a partir da madeira. En novembro do 2020, o Goberno galego anunciou que solicitaría 950 millóns de euros para impulsar unha planta de viscosa orientada á produción de fibras téxtiles a partir da madeira. É un proxecto que aparece ligado a Inditex.