Tocaron teito os prezos do leite?

As cotizacións dos produtos lácteos seguen en máximos históricos, pero a baixada das importacións chinas está xa a notarse no mercado internacional. En Europa, sen embargo, continuan subindo os prezos no campo, ata chegar a unha media de 48,5 céntimos en xuño

Tocaron teito os prezos do leite?

Liña de envasado nunha factoría galega. / Arquivo.

O mercado de produtos lácteos industriais (manteiga, leite en po, queixos, etc.) comeza a dar sinais de que os prezos xa tocaron teito. Durante o último mes, o leite en po desnatado baixou en Europa dos 400 euros / 100 quilos, quedándose en 383 euros. Aínda así, continúan sendo valores históricos. Similar situación se dá na manteiga, que baixou levemente tamén no último mes, pero segue en cifras nunca vistas (716 euros / 100 Kg.), incluso por riba do record do 2018, cando rondara os 650 euros.

Nos queixos, en cambio, a tendencia do último mes en Europa amosa a continuidade dunha liña de prezos lixeiramente ascendente, co produto en valores históricos. O Edam cotiza por exemplo a 517 euros / 100 Kg, un 57% máis que hai un ano, cun 4% de crecemento nos últimos dous meses.

Os valores históricos dos produtos lácteos dispararon o prezo do leite equivalente adicado a manteiga e leite en po, que se sitúa a inicios de agosto en 64,3 céntimos, cando a comezos de ano rondaba os 35 céntimos.

Unha evolución semellante experimentaron os datos oficiais sobre o prezo do leite spot (cisternas de leite). O Observatorio do Mercado Lácteo da UE situaba en xaneiro o prezo do leite spot en Italia en 45 céntimos e na actualidade chegou ós 65,1 céntimos.

Prezos no campo
En paralelo á boa situación do mercado internacional de lácteos, os prezos do leite no campo tamén evolucionaron á alza nos últimos meses, chegándose en xuño a unha media de 48,5 céntimos en Europa, fronte ós 35,7 de hai un ano. É unha mellora que se explica tamén en parte pola suba dos custos de produción no campo e pola redución da produción nos últimos meses ( – 0,8 % na UE no periodo xaneiro – maio).

A baixada da produción vén motivada polo aumento dos custos de alimentación animal e nos últimos meses tamén se está a deixar notar o efecto da seca, ata o punto de que en xuño en España as entregas de leite baixaron un 2,7%. Esa situación mantén unha alta competencia no campo polo leite entre as industrias lácteas.

China e a evolución das entregas, os dous principais factores a ter en conta

Entre tanto en Europa o mercado interno mantense forte, en Nova Zelanda, a subasta quincenal de lácteos de Fonterra (Global Dairy Trade) encara unha liña descendente desde o 15 de marzo. Das últimas 9 poxas, 8 remataron cun descenso de cotizacións. Esas baixadas débense principalmente a unha reducción das importacións chinas, das que é fortemente dependente Nova Zelanda.

En China, no segundo trimestre do ano caíu sensiblemente a demanda, en parte polos bloqueos xeralizados nas cidades debidos á Covid 19, o que está afectando á economía. Con esa situación, as importacións chinas de lácteos caeron arredor dun 25% no segundo trimestre, o que afecta ó mercado internacional.

A parte positiva é que a redución mundial da produción mitigou en boa medida a baixada das compras chinas. De cara ós próximos meses, as dúas cuestións principais son as seguintes. Primeira, recuperarase a demanda china no segundo semestre do ano?. E segunda, o aumento dos prezos do leite xerará un aumento da produción a nivel mundial?.

Se aumentase a produción e China continuase reducindo importacions, poderíase iniciar unha caída nos prezos dos lácteos e do leite no campo. Se pola contra, China aumenta as compras e mantense a contención na produción de leite a nivel mundial, os prezos poden seguir en niveis altos en todo o mundo.

En Estados Unidos, o leite de clase III (4,2 de graxa) cotiza actualmente no campo a 58,8 céntimos, en tanto en Nova Zelanda, Fonterra está a pagar 42,8 céntimos polo leite cun 4,2 de graxa e 3,35 de proteína. Tralas últimas subastas á baixa do Global Dairy Trade, a cooperativa neozelandesa está valorando unha baixada de prezos no campo, se ben aínda non tomou esa decisión.

Continúa o repunte do prezo do leite, que chega ós 43,1 céntimos en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información