TMC Cancela, maquinaria agrícola de vangarda dende Galicia para todo o mundo

Esta empresa de Tordoia (A Coruña) fabrica máquinas para a trituración de restos agrícolas e forestais. Exporta fóra de Galicia o 80% da súa produción sendo líder no sector en España.

TMC Cancela, maquinaria agrícola de vangarda dende Galicia para todo o mundo

Javier Cancela cunha das desbrozadoras que fabrican

Maquinaria agrícola made in Galicia, líder en España no sector e que se sitúa nos primeiros postos de vendas en Francia ou en Alemaña. Esta é a envexable posición de TMC Cancela, unha fábrica de maquinaria agrícola especializada na trituración de restos agrícolas e forestais, e que compite en pé de igualdade coas principais multinacionais.

Dende a súa planta de Tordoia (A Coruña) saen cada ano unhas 2.000 máquinas, das que o 20% se vende en Galicia, o 50% no resto da Península e un 30% destínase á exportación.

As súas orixes son moi humildes. Esta empresa familiar foi fundada hai máis de 40 anos por Manuel Cancela como un taller mecánico. “Pero cos anos empezou a facer algunha máquina agrícola como axitadores de purín, astilladoras de leña….etc e a empresa foi abandonando a mecánica pola fabricación de maquinaria agrícola, que é hoxe a súa principal actividade”, conta Javier Cancela, director xeral de TMC Cancela, e segunda xeración á fronte da empresa.

Así, a día de hoxe TMC Cancela emprega a preto de 60 persoas, factura máis de 9 millóns de euros e converteuse en líder en maquinaria para a trituración de restos agrícolas e forestais (podas de froiteiras, de viña, xirasol, millo, desbroce forestal,…etc)

Líderes no mercado español e nas primeiras posicións en Alemaña e Francia

A chegada de Javier Cancela á dirección da empresa supuxo un profundo cambio de imaxe e tamén de obxectivos. Así, realizou unha aposta pola calidade e dotou á empresa dunha imaxe corporativa baseada na cor negra dos seus produtos, algo inusual ata entón e que serviu como elemento diferenciador.

“Os resultados foron que pasamos do quinto lugar en España a ser líderes, co dobre de facturación con respecto ó seguinte competidor”, resume Javier Cancela.

Ademais, TMC Cancela ocupa un bo posicionamento en Alemaña, Francia, Austria, Bélxica, Canadá, Australia, Estados Unidos ou México. “Apostamos máis por competir en calidade que en prezo, polo que estes mercados maduros son a nosa prioridade porque valoran o noso produto”, explica Javier.

“Queremos ser líderes en calidade”

A busca da calidade é a máxima que rexe o funcionamento de TMC Cancela. “Queremos ser líderes a nivel mundial en calidade e iso implica tamén a imaxe que transmitimos, os prazos de entrega, como chega o produto ao cliente, traballar con provedores líderes, aposta por tecnoloxía e patentes propias…é o que nos diferencia e nos permite competir con calquera multinacional”, subliña Javier Cancela.

Isto complétase co investimento en innovación. Así en TMC Cancela teñen no cadro de persoal a 5 enxeñeiros – o 10% da plantilla- no departamento de deseño técnico e, entre outros, “utilizamos os programas NX e TEAMCENTER de Siemens, os mellores a nivel mundial, e que son utilizados en Fórmula 1 e polas empresas máis punteiras do mundo e por fabricantes de automoción como Mercedes ou Nissan”.

Últimas novidades: unha desbrozadora en varias direccións e outra de 9 metros de ancho

Isto fai de TMC Cancela unha das empresas líderes do sector en patentes rexistradas. Por exemplo cunha máquina para triturar restos de vides en viña que triplica a velocidade doutras da competencia, ou trituradoras especiais para olivar e para froiteiras. E é que o mulching ou trituración dos restos vexetais para deixalos como cuberta nos campos, é unha práctica cada vez máis estendida ao reducir a erosión e mellorar a estrutura do solo.

Como novidades, estes días presentaron na feira Agritecnia, en Alemaña, dúas novas máquinas. “Unha delas -explica Javier Cancela- é unha gran máquina que ten 9 metros de lonxitude de trituración ríxida, pesa 6 toneladas e só hai dous fabricantes no mundo; e tamén presentamos unha nova máquina trituradora plegable de 4,8 m por 6,1 m de traballo”.

Ademais, en febreiro presentarán en FIMA, unha trituradora patentada multiúsos pensada para bordes de fincas, viais, cunetas…etc. Javier prognostica que “ vai supor un avance moi importante no mercado e pensamos que vai ter moi boa aceptación”.

Falsificacións de patentes en Galicia, un problema para TMC Cancela

O forte investimento en innovación e en patentes desta empresa vese máis recompensado, paradoxalmente, fóra de Galicia que na súa terra. Isto débese a que “hai pequenos talleres en Galicia que copian e falsifican a nosa maquinaria e a nosa imaxe e estannos facendo un gran prexuízo e contra isto estanse tomando cartas a nivel xudicial”.

“Énos máis fácil vender en Bélxica que en Galicia”

Neste sentido, Javier Cancela critica que a Administración non faga cumprir a normativa en materia de seguridade e de patentes. “Podes ir a unha feira en Europa e esíxenche que a máquina cumpra a normativa CE de seguridade e outras relativas á seguridade, e logo vas en Galicia a unha feira e ves astilladores de leña que claramente non cumpren para nada a normativa de seguridade e protección e ningunha institución fai nada”, lamenta. De feito, calcula que “ata o 80% das astilladoras de leña que se venden en Galicia non cumpren a normativa”.

Unha situación que, segundo Javier Cancela, “xera impotencia pola permisividade da Administración e que desincentiva ás empresas que queremos facer as cousas ben”.

Plans de futuro: duplicar as exportacións

Malia isto, os plans de futuro de TMC Cancela son seguir medrando, sobre todo no mercado exterior. Así, Javier avanza que “nos vindeiros cinco anos agardamos darlle a volta á distribución das nosas vendas e exportar o 70% e que o 30% sexa para o mercado nacional”.

Para iso prevén ampliar as instalacións cun plan parcial para construción dun máximo de 22.000 m2. A curto prazo, o próximo verán teñen previsto rematar unha ampliación de 4.500 m2 en naves cubertas de fabricación. Todo isto ubicado nunha parcela de máis de 50.000 m2.

¿E non se sente tentada unha empresa punteira en innovación e en exportación por trasladarse a un polígono urbano con mellores comunicacións? A resposta de Javier é clara: “A sorte máis grande que ten TMC Cancela é estar no rural xa que unha fábrica como esta necesita cada vez máis espazo e nun polígono industrial dunha cidade sería inviable tanto economicamente coma por limitacións espaciais”.

En resumo, unha aposta industrial dende o rural galego para o sector agro-forestal de todo o mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información