“Tivemos que tirar 13.000 litros de leite; son máis de 5.000 euros”

O paro no sector do transporte está a retrasar a saída de animais das granxas de porcos, pitos ou coellos e obrigou a tirar leite nas explotacións. Falamos con gandeiros afectados

Momento no que en SAT Os Foros tiveron que abrirlle ao tanque do leite

Momento no que en SAT Os Foros tiveron que abrirlle ao tanque do leite

Os gandeiros están a sufrir en carne propia as consecuencias da folga pero móstranse comprensivos coa situación que está a levar aos camioneiros a protestar e esixen diálogo ao Goberno para desbloquear a situación.

O paro no sector do transporte provocou desde o luns da semana pasada incidencias na recollida do leite, retrasos na saída dos animais das granxas e mesmo problemas puntuais de falta de alimento.

Logo dunha semana de férreo control do porto da Coruña, a situación comezaba a ser xa crítica na fin de semana, mesmo con episodios de canibalismo nalgunhas granxas de polos ou porcos, o que levou aos folguistas que bloquean o acceso a flexibilizar a saída de gran dos almacéns de Punta Langosteira.  

A fin de semana abriuse o acceso ao gran no porto da Coruña, algo que se podería repetir hoxe para que as fábricas de penso recheen os seus silos

A apertura durante 24 horas que tivo lugar este martes para que as fábricas de leite puidesen sacar dos seus almacéns produto elaborado e meter neles materiais necesarios para a fabricación permitiu desconxestionar a situación do sector e que todas as industrias manteñan polo de agora as recollidas de leite despois dos episodios vividos nas xornadas anteriores, con baleirado de tanques de leite con destino ao pozo do purín.

Os maiores problemas estanse a producir en granxas intensivas de polos, porcos e coellos con animais próximos á idade de sacrificio

Tamén se están a facer certas excepcións, aínda que moi contadas, para a saída dos animais das granxas naqueles casos nos que diso depende o benestar dos propios animais ou que a explotación poida seguir funcionando, por necesitar facer sitio nas instalacións para meter unha nova camada segundo os turnos de reposición establecidos.

Este problema téñeno as explotacións cunícolas e tamén aquelas granxas de porcino que fan o ciclo de cría completo, pois teñen as porcas parindo e non hai sitio para onde ir pasando os leitóns a cebar.

Os cebadoiros non están a meter becerros mamóns, que se empezan a acumular nas explotacións leiteiras

Onde o movemento é practicamente nulo é no vacún de carne. Coas feiras semanais de gando de Amio e Silleda paradas, a suspensión da recollida nas explotacións por parte dos tratantes e cos gandeiros facendo garda ás portas dos matadoiros, os becerros seguen nos establos.

O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega flexibilizou de maneira extraordinaria a idade de sacrificio para a categoría Suprema para que os xatos non perdan categoría e valor se sobrepasan, por cuestión de días, os 10 meses, pero o problema poderían telo os matadoiros, porque ao superar os 12 meses os seus becerros pasarían a ser Añojos, se ben moitos deles adiantaron as entregas na semana previa á folga ante a previsión de problemas para mover as reses cara aos matadoiros e non están a meter tampouco xatos mamóns, que se acumulan nas explotacións leiteiras, ao igual que acontecerá nas primeiras semanas do confinamento por mor do coronavirus.

“A situación era crítica, porque parían as coellas e non tiñamos onde metelos porque as xaulas estaban ocupadas”

Teñen 500 nais reprodutoras

Explotacións Gandeiras Soli ten 500 nais reprodutoras na súa granxa de coellos das Oiras, en Alfoz

Despois de varios días de espera, na tarde do luns varias granxas de coellos galegas puideron por fin dar saída aos seus animais, aínda que outras estarían aínda nunha situación apurada por mor dos retrasos acumulados. “A min recolléronme. A situación era crítica, porque van parir as coellas e non tiñamos onde meter os coellos porque tiñamos as xaulas ocupadas. Iamos ter que matar os pequenos ou os grandes”, explica Antonio Expósito desde unha das granxas afectadas, Explotacións Gandeiras Soli, ubicada no concello de Alfoz.

Non sabes moi ben con quen tes que falar, porque uns dícenche que podes pasar e outros párante un pouco máis adiante

Despois de varios intentos fallidos a semana pasada, mesmo con ataques e sabotaxes, os camións de Avigal puideron finalmente recoller en granxas das Pontes e A Mariña e trasladar os coellos ao matadoiro que a empresa ten en Celanova. Sen embargo, aínda habería granxas con problemas noutras zonas de Galicia.

“Cada 40 días mandamos e unha semana de retraso é moito tempo, porque temos os tempos tan tasados que nunha semana bótanseche enriba porque as coellas paren e hay que lavar e desinfectar”, explica Antonio, que forma parte de Cunilugo, unha asociación de produtores que engloba a varias granxas da provincia de Lugo.

 “Vímonos obrigados a baixarlles o penso aos porcos durante tres días por falta de subministro e trabábanse entre si”

Patricia, xunto a un dos seus porcos, na explotación que ten en Ombreiro

Patricia, xunto a un dos seus porcos, na explotación que ten en Ombreiro, Granxa Patuc@s

Patricia Expósito ten desde hai ano e medio unha granxa de porcino na parroquia de Ombreiro, en Lugo. As instalacións son novas e pode controlalas desde o móbil. Pero hai unha cousa que non pode controlar, o subministro de penso que necesita para dar de comer aos 2.000 porcos que albergan as súas dúas naves colocadas en paralelo.

“Os nosos animais comen a demanda, pero durante tres días tivemos que baixarlles ao penso porque non che subministraban e que comeran só unha vez ao día. O problema é que cando lles varías a alimentación comezan a trabarse uns aos outros nos rabos e orellas. Tivemos moitos casos, que tes que separar e medicar”, recoñece.

Na actual fase de crecemento os 2.000 porcos que ten Patricia consomen uns 25.000 quilos de penso á semana

O problema de falta de subministro de penso agora parece xa solucionado, pero segue habendo outros. “Nin sequera che retiran os animais mortos, aínda que non supón un problema sanitario, porque os depositamos en contedores que están fóra das granxas para que o camión non acceda ás naves para nada cando os vén a buscar”, explica Patricia.

Tampouco está habendo saída de animais cara os matadoiros de porcino, aínda que a Granxa Patuc@s esta circunstancia de momento non lle afecta: “A nós píllanos no medio do ciclo de crecemento. Están agora en 70 quilos e lévanos con 120 ou 130. Levamos con eles mes e medio e faltaríanlles outros dous meses ata que saen. Pero algunhas granxas que están próximas á idade de sacrificio están tendo problemas, porque os porcos canto máis grandes son, máis comen e máis risco tes de que che morran”, explica.

Granxa Patuc@s traballa mediante o sistema de integración con Nutripor, que conta con fábrica de penso en Melide

Patricia está a sufrir as consecuencias da folga do transporte pero solidarízase cos camioneiros e este martes mesmo estivo na marcha de protesta organizada en Lugo. “A min a suba da luz non me afecta, porque teño placas solares para abastecerme e son autosuficiente, pero cando fallan salta o xerador e antes enchíalle o depósito con 400 euros cando agora me fan falla 900”, exemplifica.

Tampouco lle afecta directamente a suba dos pensos, porque ao traballar en integración con Nutripor a empresa pon os animais e a alimentación e ela as instalacións e o traballo. Pero teme que lle reduzan as marxes debido ao encarecemento das materias primas e os combustibles. “Algo xa nos deron a entender”, di.

“Tivemos que tirar o leite pero as vacas comen igual e temos tres empregados aos que hai que pagarlles o soldo”

De esquerda a dereita, Yolanda, Manuel, o seu fillo Xurxo, Suso, Íker e Pili. Camilo Friol.

De esquerda a dereita, Yolanda, Manuel, o seu fillo Xurxo, Suso, Íker e Pili en SAT Os Foros

Manuel Legaspi é un dos socios de SAT Os Foros, ubicada en Álvare, na Pastoriza, unha das parroquias con máis produción de leite de Galicia. Entregan a Lactalis, que foi unha das empresas que máis problemas tivo para manter a recollida de leite por mor da folga.

Nesta gandería moxen os seus animais en produción, entre 250 e 260, tres veces ao día. A empresa recóllelles o leite cada 48 horas e o tanque ten capacidade para 25.000 litros pero ante a falta de recollida, o luns víronse obrigados a abrirlle ao tanque.

“Tiramos sobre 13.000 litros, a muxidura completa de pola mañá e de medio día e baleiramos outros 7.000 litros para facer sitio para muxir á noite e pola mañá. Viñan buscar algo, pero non o levaban todo, ían sacando según podían procesar na fábrica e xa non nos collía no tanque”, explica Manuel.

Eu se puidera tamén apagaba o sistema un mes e collíao de vacacións, pero non é posible, ás vacas non as podes desenchufar nin lles podes pasar a chave

O martes Lactalis por fin baleiroulles o tanque e agora teñen capacidade para seguir muxindo ata mañá xoves. Manuel agarda que a recollida se normalice e non ter que volver a tirar o leite, porque “os gastos corren igual”. “As vacas comen igual todos os días e temos tres rapaces contratados aos que hai que pagarlles o soldo. Os que nos adicamos á gandería temos que seguir traballando, porque aos animais non lles podes pasar a chave e apagalos. Eu se puidera apagaba o sistema un mes e collíao de vacacións, pero non é posible”, evidencia.

De penso non tivemos problemas de desabastecemento, pero sírvenche máis a contagotas

Os 13.000 litros de leite que SAT Os Foros se viu obrigada a tirar teñen un valor que supera os 5.000 euros, a un prezo final de 40 céntimos o litro con IVE e calidades. “Dicen que van abonalos pero xa veremos. Desde logo, non foi culpa nosa que non levaran o leite. Nós muximos igual e estaba no tanque”, expón Manuel.

Ao igual que lles pasou a eles, outras ganderías da zona que entregan a Lactalis tamén se viron afectadas polos problemas de recollida, como SAT Os Penedos, que tivo que tirar 7.000 litros, ou SAT Fontixón, que perdeu máis de 10.000.

Isto é cuestión de diálogo, e os políticos están para parlamentar, para falar

“Este paro está provocando unha serie de perdas moi grandes”, di Manuel, que lle esixe ao Goberno que negocie cos camioneiros para poñer fin ao conflito: “Isto é cuestión de diálogo, e os políticos están para parlamentar, para falar”, sentenza.

“Mandáronme un whatsapp avisando de que suspendían a recollida, tirei o leite e despois viñeron buscalo”

Manuel sacou fotos e gravou un vídeo no momento que tivo que abrirlle ao tanque do leite

Manuel sacou fotos e gravou un vídeo no momento que tivo que abrirlle ao tanque do leite

Manuel Calvelo ten unha gandería en ecolóxico en Negreira con 62 cabezas. O domingo pola mañá recibiu un whatsapp de Leche Celta no que lle explicaba que “debido ao paro no transporte a nosa capacidade de envasado, almacenamento e xestión dun alimento tan altamente perecedoiro como é o leite quedou absolutamente anulada”, polo que a empresa que lle recolle o leite se escudaba en que “esta causa de forza maior impedirá cumprir coas obrigas de recollida do leite” e informábao de que non se faría responsable dos incumprimentos “en base á cláusula quinta do contrato” asinado, que outorga á empresa a posibilidade de comunicalo dentro das 120 horas seguintes a producirse a incidencia.

“Era mellor que non mandaran nada. Cando me chegou iso o que fixen foi tirar o leite da noite e o de pola mañá que tiña no tanque para facer sitio e poder gardar o máis fresco.  Boteino para a foxa do purín e ao pouco chega o camión da recollida”, lamenta Manuel, que tirou 1.100 litros producidos polas 40 vacas en muxido que ten neste momento.

Ao final cando pasan estas cousas parece que ninguén é responsable, pero se quixeran abonar o leite poden facelo, que ben saben o que dou cada día

“Ao final cando pasan estas cousas parece que ninguén é responsable. O inspector díxome que quedaran sen palés na fábrica e por iso mandaran o aviso e que despois a última hora lles entrara un camión; algunha desculpa tiñan que poñer, pero se quixeran abonar o leite poden facelo, que ben saben o que dou cada día”, di.

Manuel é comprensivo co paro. “Ogallá se amañe o problema, os transportistas teñen toda a razón do mundo e os prezos dos combustibles aféctannos a todos, non a eles sós. Desde o Goberno algo terán que facer e algunha medida terán que tomar, aínda que non sexa a panacea, porque todos sabemos como son os políticos, que cando son as eleccións non hai problema que se lle resista e resolven todo”, argumenta con retranca.


Vídeo gravado noutra granxa que tivo que tirar o leite, algo común en moitas explotacións estes días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información