Tirapuxas sobre as axudas para tratamentos da EHE

As organizacións agrarias demandan solucións da Administración, en tanto Medio Rural pídelles que apoien as súas demandas ante o Ministerio de Agricultura para axilizar os apoios

Tirapuxas sobre as axudas para tratamentos da EHE

Reunión hoxe de Medio Rural co Sindicato Labrego para abordar a EHE e outros temas do agro.

O EHE xa afecta de xeito serio ás granxas de vacún da parte central e oriental de Ourense, coa perspectiva de que nas próximas semanas continúe estendéndose ó resto de Galicia. Desde o 2023, a Xunta xa indemniza a morte de animais pola enfermidade, pero a cuestión está nos custos de tratamentos e de desinsectantes de prevención, que polo de agora non teñen apoios. O Ministerio de Agricultura anunciou axudas, pero non se esperan antes de fin de ano.

Agricultura comunicou en xuño que destinará 15 millóns de euros a apoiar en toda España os custos de tratamentos e de medidas de prevención, pero segundo a Consellería de Medio Rural, o reparto deses fondos non está previsto que se faga antes da conferencia sectorial de novembro, á que debería seguir a convocatoria autonómica das axudas.

Postura de Medio Rural
Tras unha reunión celebrada esta mañá co Sindicato Labrego, Medio Rural emitiu unha nota de prensa na que “insta ao Sindicato Labrego Galego (SLG) a apoiar a demanda trasladada desde Galicia ao Goberno central para que habilite canto antes as axudas comprometidas aos gandeiros polos danos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), así como para que se permita tamén financiar o custo da subministración da vacina, que xa está dispoñible no mercado dende a semana pasada”

“Así se solicitou esta mañá -continúa a Consellería- nunha reunión presidida pola titular de Medio Rural, María José Gómez, aos responsables do SLG, coa súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, á fronte. Unha xuntanza de traballo na que tamén participaron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño”.

“No encontro -sinala Medio Rural- os representantes da Xunta expuxeron a necesidade de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) active, mediante o correspondente Real Decreto, os 15 millóns de euros comprometidos para esta finalidade. Explicaron que urxe adoptar esta medida para que as comunidades autónomas poidan, á súa vez, habilitar as correspondentes ordes de axudas e facer chegar os fondos á maior brevidade posible aos gandeiros, tendo en conta o axustado dos prazos a estas alturas do ano”.

É un asunto que tamén se abordou a pasada semana na reunión con Unións Agrarias e Asaga, segundo sinala a Consellería.

Demandas do Sindicato Labrego
Desde o Sindicato Labrego, a súa secretario xeral, Isabel Vilalba, sorpréndese da falta de previsión e preparación das Administracións ante a EHE, logo dun 2023 “no que xa vimos o que se aveciñaba no 2024”.

En canto ás axudas para tratamentos e prevención, Vilalba critica a falta de coordinación. “Entre Ministerio e Xunta teñen que buscar solucións. O que nos traslada a Xunta é que prevén que o Ministerio reparta os fondos para a EHE na conferencia sectorial de novembro, co cal consideran que estarían moi xustos para sacar a convocatoria autonómica este ano. Ante iso, din que hai risco de perder eses cartos, se non fosen prorrogados polo Ministerio ó 2025”, relata Vilalba.

“A cuestión é que non se pode demorar por máis tempo a resposta ó problema. O Ministerio tivo xa tempo suficiente para decidir a asignación de cada comunidade autónoma, e en calquera caso, a Xunta pode buscar unha solución provisional con fondos propios”, valorou Isabel Vilalba ante os medios trala reunión na Consellería.

“Hai xa 350 granxas afectadas e 100 máis á espera de confirmación analítica”

“A día de hoxe, xa hai 350 granxas afectadas en Galicia e hai outras 100 á espera de analítica de confirmación, segundo os datos da Xunta”, sinala Isabel Vilalba.

Valoración de Unións Agrarias
Por parte de Unións Agrarias, o seu responsable de gandería extensiva, José Ramón González, que está vivindo na súa gandería propia a EHE, vén advertindo nas últimas semanas da necesidade de solucións. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego piden apoios públicos para tratamentos e lucro cesante, derivado da perda de produción dos animais afectados.

González incidiu en que en Portugal “xa se están pagando os tratamentos e algo similar debe facerse en Galicia”.

Outro dos problemas que criticou é a falta de veterinarios oficiais que vaian analizar as vacas nas granxas afectadas. “Hai falta de veterinarios por vacacións, pero isto non pode agardar, é urxente que poñan solución a isto”, advirte.

Sobre a vacina, González opina que para a provincia de Ourense chega tarde esta campaña, se ben demanda un protocolo de Medio Rural ao respecto das pautas de vacinación a ter en conta.

“Case tódalas granxas e a maioría das vacas do concello están afectadas pola EHE”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información