‘Tips maquinistas’: claves para o manexo de maquinaria forestal

‘Axuste, parametraxe e calibracións para a optimización de procesadoras e autocargadores’ foi o tema abordado no curso organizado por Lugo Madera, en colaboración con Forest Pioneer e Tecmaf. O obxectivo desta acción formativa foi levar á práctica certas cuestións para unha optimización laboral dos profesionais do sector

‘Tips maquinistas’: claves para o manexo de maquinaria forestal

Esta acción formativa tivo como finalidade amosar a funcionalidade tecnolóxica da maquinaria en diferentes escenarios

O curso ‘Tips maquinistas: axuste, parametraxe e calibracións para a optimización de procesadoras e autocargadores’ organizado por Lugo Madera e impartido a finais do pasado mes de outubro por profesionais de Forest Pioneer en colaboración con Tecmaf destinou unha acción formativa a profesionais do sector para dar luz sobre as claves no manexo de maquinaria forestal pesada de xeito práctico. Desta maneira, os obxectivos centrábanse en ampliar os coñecementos de maquinistas do sector para optimizar o seu traballo.

“O que se procura é un nivel de mecanización do sector forestal cada vez maior, o que significa que operarios que manexen máquinas de entre 200.000€ e 500.000€ teñan un nivel de coñecemento alto tanto en electrónica como en programación, mecánica ou hidráulica”, explica Iratxe Zorraquino, técnica do grupo Forest Pioneer. O proxecto ‘Tips maquinistas’ é unha iniciativa desta empresa que procura complementar o traballo do sector con accións formativas que leven a un mellor aproveitamento da maquinaria.

Unha parte do curso desenvolveuse nas instalacións de Tecmaf en Lugo

Unha parte do curso desenvolveuse nas instalacións de Tecmaf en Lugo

“O noso obxectivo é que haxa máis nivel para optimizar o traballo do sector” (Iratxe Zorraquino)

Este tipo de accións están destinadas a maquinistas profesionais que teñan unha experiencia no ámbito forestal ou que leven traballando nel un tempo. O curso celebrado en Lugo tivo unha duración de 25h repartidas en 5 xornadas de 5 horas cada unha. O seu carácter práctico a través da experimentación en diferentes escenarios confírelle unha ampla funcionalidade de cara á realidade do día a día. Nesta ocasión contaron con dous simuladores de autocargador e procesadora, cunha práctica con máquinas en taller, e con ensinanzas mediante casos reais en cortas.

Maquinistas do curso a pé de monte abordando cuestións técnicas reais

Maquinistas do curso a pé de monte abordando cuestións técnicas reais

Cales son as claves?

“Enfocámonos a ensinar cousas que lles sexan útiles para o seu traballo e que igual non sabían, de xeito que poidan facer máis cómodo o seu traballo e optimizalo”, afirma Zorraquino. A consecución de saber axustar dunha maneira máis efectiva a máquina, manexar todos os parámetros con precisión, ou calibrar un autocargador e unha procesadora ao volume ou ao tipo de madeira, foron algúns dos temas que se desenvolveron.

Esta formación de carácter práctico “ten un punto de vista visionario que intenta amosar todas as aplicacións que teñen as máquinas forestais de hoxe en día para facilitar e automatizar o máximo posible o seu traballo”, destaca Nuria Rodríguez, Secretaria Xeral de Lugo Madera. Os operadores que asistiron ao curso aprenderon detalles fáciles e prácticos que puideron poñer en funcionamento de inmediato no seu día a día.

“Resolver mellor as súas propias dúbidas durante as xornadas laborais ou procesar máis madeira e con maior acerto nos diámetros e dimensións forma parte da procura dunha profesionalización”, detalla Rodríguez. Ademais, a tecnoloxía está deixando cada vez unha maior pegada no mundo forestal, de maneira que “neste curso presentáronse ferramentas como engraxadoras automáticas e outras que se están introducindo no mercado coa finalidade de buscar facilidades para quen manexa a máquina”, avanza Iratxe Zorraquino.

Como en todos os sectores, o forestal está demandando cada vez máis profesionais. Isto conséguese a través de experiencia e formación. A intención é “achegar todas as posibilidades da máquina ao profesional para evitar riscos e buscar maior comodidade do traballador no ámbito”, detalla a Secretaria Xeral de Lugo Madera.

Novos cursos

Este tipo de formacións son de carácter puntual. Desde Forest Pioneer, Iratxe Zorraquino avanza que “o traballo con simuladores é continuo para achegar novas sensacións aos maquinistas, pero accións formativas como a realizada en conxunto con Lugo Madera e Tecmaf dependen dunha calendarización e dunha posta en común, que de seguro emprenderán ao longo deste ano”.

“Temos que cerrar datas; estamos esperando a ver a dispoñibilidade das persoas que imparten a formación, e que a situación da pandemia mellore para permitirnos facer cursos presenciais útiles”, explica Nuria Rodríguez. Así mesmo, a Secretaria Xeral fai fincapé en que “están agardando que se achegue persoal cualificado ao sector forestal porque os profesionais operarios manexan máquinas de última tecnoloxía ao igual que en calquera outro tipo de industria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información