Gandería Tío Ramón SC, ubicada no lugar de Vilela de Arriba, na parroquia de Armeá de Arriba, pertencente ao Concello lugués de Láncara, é unha explotación familiar que Miguel López herdou de seus pais, Gerardo e Pilar, cando no ano 2010 se incorporou á actividade agraria. Contaban cun establo antigo, co gando trabado tras unha reforma acometida de tipo canadense, onde collían 40 vacas. Pero aquela “non era unha instalación de futuro e para min só requería dun traballo moito máis laborioso”, indica Miguel.
Por iso fai tres anos decidiu construír xunto á súa muller, Shaila Pérez, unha nova nave onde poder desenvolver un novo sistema produtivo baseado no muxido robotizado. O cambio de modelo obrigounos a modificar por completo o manexo que facían para adaptalo ás esixencias do robot. Pero esa nova aposta, na procura de comodidade e posibilidades de crecemento, viuse recompensado cun considerable aumento da produción.
Nesta explotación móvense agora arredor dos 40 litros de produción por vaca e día, 10 litros máis que no establo vello. “Melloramos o 100%, porque pasar de 30 a 40 litros cámbiao todo. Hoxe se non te pos ao día é complicado”, asegura Miguel.
Os primeiros anos é complicado, mentres non vas empezando a pagar letras. Na nosa situación un céntimo ou dous repórtanos moito
En canto ás calidades, “varían moito do inverno ao verán”, explica, sitúandose en inverno en medias de 3,85% de graxa e 3,30% de proteína e caendo no verán a niveis de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína. Tío Ramón entrega o leite a Lactalis, que non valora a calidade tanto coma outras industrias. “É algo que se nota, porque na nosa situación un céntimo ou dous repórtanos moito”, di Miguel.
Nave nova
Para unha gandería familiar coma esta renovar por completo as súas instalacións supón un importante desembolso económico, que neste caso se situou nos 500.000 euros de investimento. “Os primeiros anos é complicado, mentres non vas empezando a pagar letras”, recoñecen.
Fixeron un establo totalmente novo, construido pola empresa de Sarria PMCela, con 89 cubículos (67 para animais en produción e 22 para vacas secas) máis un pozo para o purín. Hoxe o establo non está aínda ao 100%, xa que suman un cento de cabezas totais das que unhas 63 son vacas en produción.
Noto que aquí as vacas dúranme máis que antes cando as tiña na outra corte. Unha vaca de 5 partos vexo que aquí ten unha boa condición
A comodidade das novas instalacións non só se nota á hora de traballar, senón que tamén o perciben os propios animais. “Noto que aquí as vacas dúranme máis que antes cando as tiña na outra corte. Unha vaca de 5 partos vexo que aquí ten unha boa condición”, explica Miguel. “Lactalis veu facer aquí un curso de benestar animal para técnicos e controladores de toda España”, conta.
Adaptación a un novo xeito de traballar
O 3 de agosto do 2017 Miguel cambiou as súas vacas desde a corte vella para as novas instalacións. Comezou aí un período de adaptación a un xeito de traballar totalmente distinto. “O cambio foi duro, tanto para os animais como para min. A produción no establo vello era baixa e desde o principio xa aumentamos, pero antes muxiamos con circuito e as vacas viñan de estar presas, así que non estaban acostumadas a circular como require o robot. Tardamos un ano en habituar ben a todas as vacas, porque é certo que a adaptación das primeirizas é exemplar, pero as vacas necesitan un parto aquí no robot para habituarse e ás que colleu o cambio ao robot coa lactación xa iniciada non acabaron de adaptarse de todo até o seguinte parto”, explica Miguel.
As nosas vacas viñan de estar presas e non estaban acostumadas a circular como require o robot; tardamos un ano en habitualas ben a todas
A nave xa foi deseñada para o robot e todo nesta explotación xira agora arredor del. “A maneira de traballar cambia e pasas a facer todo en función do robot: alimentación, xenética, manexo. Hai xente que se plantexa poñer os robots e pensa que así non vai ter que volver á corte, pero non é así. Hai que estar pendente igual, pero se tes todo equilibrado non tes problemas”, asegura.
Criterios distintos para a selección xenética
Tío Ramón logra medias diarias de 2,8 e 2,9 muxiduras por vaca e non ten especiais problemas de rexeitamento. “Teño o mesmo número de circulacións no robot pola noite que polo día, iso quere dicir que está funcionando ben. Non está sobrepasado de animais, polo que non temos problemas de retrasos, só meto algunha pola mañá”, conta.
A selección xenética do rabaño tamén variou a raíz da introdución do robot. “Nós entramos aquí cos animais que tiñamos e había moitos que non valían para o robot por ter ubres fondos ou tetos mal colocados, pero polo momento fomos descartando poucos deses animais. Temos que mellorar moito por aí, polo que un dos aspectos que agora miramos á hora de recriar e de escoller os touros son eses aspectos estruturais de ubres e patas. Logo hai que seguir pola velocidade de fluxo de leite. Teño 4 vacas de fluxo moi lento que non volverei inseminar porque cada unha delas tarda o mesmo que dúas vacas das outras. Con este sistema vai todo enfocado ao robot, incluso a xenética. Teño vacas que valerían perfectamente para muxir en sala, pero para o robot non se adaptan”, xustifica.
O meu foi o primeiro robot Monobox de GEA montado en Galicia. Decanteime por este modelo porque me permitía colocar manualmente as pezoneiras a algunhas vacas que teño cunha configuración de ubre que non se adapta ao robot
Poder aproveitar esas vacas foi un dos criterios que o levaron a escoller o modelo de robot polo que finalmente se decantou, un Monobox de Gea que foi o primeiro instalado en Galicia. “Fora velo a Córdoba nunha viaxe organizada a Covap e decanteime por el porque me permitía colocar manual ou separar un cuarterón, algo que con outros modelos doutras marcas de robot non podía facer”. Deste xeito, di, puido seguir mantendo algunhas vacas das que tiña que pola súa configuración de ubre doutro xeito non valerían para o robot. “Eu podía seguir tendo contacto coa vaca á hora de muxirse e colocar manual nestes casos”, explica.
Optimización da man de obra
Atender unha explotación con 60 cabezas, como tiña antes, tendo que muxir dúas veces ao día cun circuito e facer o resto de traballos da gandería unha persoa soa non era viable e esa falta de man de obra dispoñible foi o que fixo que Miguel se decantase pola instalación do robot e, malia que lembra como duro o tempo de adaptación, hoxe está satisfeito. “Aínda que pasei uns meses malos, a miña calidade de vida agora cambiou e teño maior liberdade e flexibilidade. Antes tiña uns horarios para muxir que tiña que cumprir. E botaba dúas horas muxindo pola mañá e outras dúas pola noite máis o tempo de limpar”, di.
Non ter que estar no establo a unha hora fixa para muxir, por exemplo polas tardes, permítelle atender mellor o traballo agrario e centrarse máis durante as campañas en tarefas como o ensilado. “Fago a recollida da herba eu na maioría das fincas, agás nunha de 9 hectáreas nunha soa peza que temos a 3 quilómetros de aquí, para a que chamo a unha empresa que me vén cunha colleitadora e que me facilita moito o traballo. Para extender o abono tamén chamo. Vou facendo os traballos agrícolas según poido, pero se hai unha campaña complicada na que non dea abasto contrato algunhas tarefas”, indica.
Aínda que pasei uns meses malos durante a adaptación, a miña calidade de vida cambiou e agora teño maior liberdade e flexibilidade. Antes botaba catro horas ao día muxindo e tiña uns horarios que tiña que cumprir
Tío Ramón dispón de 49 hectáreas de superficie total, moitas delas en alugueiro. Malia que nesta zona hai problemas para conseguir base territorial, dado que aínda quedan explotacións de leite e abundan as de carne, no seu caso contan con superficie dabonda e mesmo lles sobra para as necesidades actuais da gandería logo de externalizar a recría. “Levamos unha finca de 20 hectáreas nunha peza que era onde tiñamos as xatas na que imos meter unhas vacas rubias, porque xa era dunha explotación de carne que pechou por xubilación”, conta Miguel.
Carro propio e achegador automático
Nesta zona do concello de Láncara, tirando xa cara a Becerreá, un dos problemas recurrente son os danos que provoca o xabarín. “O ano pasado botei unha finca de 3 hectáreas de alfalfa e destrozáronma por completo. Para o millo tamén nos afecta bastante, este ano ao lado da casa nunha finca dunhas dúas hectáreas tivemos mermas de entre o 20 e o 25% por culpa do porco bravo. Nesta zona o xabarín teno moi doado, porque é xa unha zona de montaña e hai moito monte. Por aquí bótase aínda bastante millo, os destrozos non son para un só, tócannos repartidos”, di.
Estamos nuns 13 quilos totais de concentrado. Se das moito penso no pesebre a vaca está satisfeita e non acude ao robot
Nesta explotación sementan todos os anos entre 12 e 13 hectáreas de millo. A colleita deste ano foi desigual. “Onde é bo terreo recollimos máis ou menos a mesma cantidade que o ano pasado, pero nas fincas máis deficientes houbo unha diferenza de entre 10 e 12.000 quilos menos por hectárea”, recoñece.
Xa no establo antigo a alimentación das vacas en produción era con carro mesturador, polo que o único cambio que sufriron nese sentido foi adaptar a ración ás necesidades do robot. “Se das moito penso no pesebre a vaca está satisfeita e non acude ao robot”, explica. A ración de leite está formada por entre 13 e 14 quilos de silo de herba, 22 de silo de millo e 8 de concentrado, máis os 5 de punteo do robot. Para as secas a mestura leva silo de herba, palla e 2 quilos de penso. Dispoñen de carro propio.
Cubículos con carbonato
Tío Ramón introduciu tamén un achegador de comida automatizado como un complemento necesario que axuda ao funcionamento homoxéneo do robot tanto polo día como pola noite. “Ao pasar achegando a ración pola noite incentiva que as vacas se levanten a comer e, xa de paso, vaian ao robot a muxirse tamén”, argumenta Miguel.
Outra das modificacións que esta gandería fixo cando se mudou para a nave nova foi cambiar o material dos cubículos, aínda que foi un cambio que non lles gustou e enseguida volveron atrás. “Botei area durante un tempo, pero non son moi partidario dela polos efectos secundarios que ten, como os problemas no purín, o desgaste do robot ou os gastos en limpeza. Usei só tres camións de area e volvín ao carbonato, que xa usaba nas camas no establo vello. Na última analítica que fixen nas terras dábame un PH de 5,9 e iso é grazas ao carbonato”, razoa.
Usei só tres camións de area e volvín ao carbonato, que xa usaba no establo vello. Na última analítica dábame un PH de 5,9 nas terras e iso é grazas ao carbonato
En materia de confort do gando o que si notaron foi a mellora no comportamento térmico das instalacións. A altura da nave e a súa situación, na parte alta da parcela, favorece a súa ventilación no verán. “O proxecto inicial era facer a nave na parte baixa da parcela, pero non ma autorizaron por distancia a núcleo rural, ao que había menos de 100 metros, e a un regato. Ao estar alto é un establo moi ventilado. Iso é bo, porque se hai moscas no robot a vaca tampouco vai, nese caso habería que colocar un ventilador para que estea fresca e incentivar que vaia”, indica Miguel.
Recría externalizada e vacas por leasing
Fai só 10 anos Gandería Tío Ramón era unha desas explotacións abocadas ao peche. Atendida polos seus pais, con instalacións antigas e sen relevo, quizais a día de hoxe non existise de non ser por unha serie de circunstancias que fixeron que Miguel se replantexase o seu modo de vida e o seu futuro. Traballaba de ebanista e non tiña pensado adicarse á actividade agraria pero quedar no paro, unha enfermidade do seu pai, e a súa posterior xubilación, fixéronlle cambiar de plans, unha decisión que serviu para salvar a explotación familiar e da que unha década despois non se arrepinte.
Desde entón, Miguel foi adaptando e modernizando a granxa para mellorar a súa viabilidade e tomando decisións para redimensionala. Non ten en mente medrar, porque iso implicaría ter que instalar outro robot e o investimento é elevado, pero si completar a capacidade máxima do robot actual (muxir 65 vacas) para deste xeito obter o seu máximo rendemento.
Probei a facer eu a recría e non me saían unhas xovencas como eu quería e paríanme con 26 meses. Agora mándoas ao centro de recría da cooperativa Aira e á Granxa Gayoso Castro
Iste obxectivo levouno tamén a externalizar a recría e mesmo a decantarse polo aluguer de vacas en producción. “Probei a facer eu a recría e non me saían unhas xovencas como eu quería. As xatas tiñámolas nunha finca de aluguer a 7 quilómetros daquí. Atendíamas un tío meu que vive alí ao lado. Pero paríanme con 26 meses. Coa intención de adiantar esa idade empecei a mandalas ao centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Agora paren antes dos dous anos, son catro meses de alimentación que aforro e catro meses de produción de leite que gaño. Se miras ben iso, non considero que me saia tan caro. O que fago é encalostrar ben as becerras e mandalas aos 15 días, tras facerlles a proba da orella, e volven próximas ao parto. Comecei a recibir xovencas xa en xaneiro, viñeron xa 8. Agora mando tamén algunha ao centro de recría da cooperativa Aira para deste xeito dar apoio tamén a esta iniciativa. Xa comprara antes a un particular algunha xovenca que viña deste centro e tamén me gusta como veñen. Empecei no mes de marzo a mandar algunha becerra tamén para alí”, explica Miguel.
Tío Ramón pon só seme sexado nas primeirizas e naquelas vacas que destacan por produción. “Só crío das mellores vacas para mellorar a xenética. Ao resto póñolles cruce. No novo establo as vacas dúranme máis e non necesito máis de 20 xovencas ao ano”, explica Miguel.
Este ano trouxo 5 primeirizas de Alemaña e optou pola fórmula do pago mensual para non ter que facer fronte de golpe ao desembolso económico que lle supuña
Fai uns meses optou tamén polo leasing para incrementar o número de cabezas sen aumentar o endebedamento da explotación. “Tiña moitas vacas secas e non quería ter o robot por baixo do seu rendemento. Facíanme falta 5 vacas e optei polo aluguer, porque mercar de golpe esas 5 vacas de boa xenética supoñía un desembolso grande”, conta.
Miguel contactou coa empresa catalana Cipsa Pecuaria, especializada en importación de gando vacún baixo a fórmula do leasing e trouxo 5 xovencas a punto de parir de Alemaña. Aínda que unha delas tivo unha produción moi alta xa no primeiro parto, Miguel considera que “hoxe por hoxe o gando que vén de fóra non é mellor que o que temos aquí”. Sen embargo, a fórmula do pago mensual permitíalle ir facendo fronte aos 60 euros de cota mensual por vaca coa súa propia produción.