Casa das Pedras SC (Parada, Lalín) conta nas súas instalacións con dous robots de muxido, o arrimador de comida e a amamantadora, ademais doutras tecnoloxías. Estes avances foron os requisitos que marcou David Areán para incorporarse á gandería familiar, onde traballa actualmente xunto aos seus pais, Evaristo José Areán e Carmen Méndez Currás.
Esta gandería empezou a súa traxectoria nos anos 70, cuns 10 animais. Posteriormente, os pais de David incorporáronse á gandería e xa aumentaron a unhas 30 cabezas de gando. En 2005 realizaron a primeira nave onde actualmente se sitúan uns 75 animais. En 2010 fixeron unha ampliación e, recentemente, aumentaron a nave para recría e vacas secas. Todo iso está construído no mesmo recinto.
A gandería conta cun total de 260 animais, dos cales 124 están en muxido. Producen unha media de 42,5 litros/vaca/día nunha media de 2,9 ordeños en cada robot. O leite contén un 3,9 % de graxa e un 3,35 % de proteína, con 140.000 células/ml e menos de 10.000 en bacterioloxía.
Incorporación de David
O máis novo da familia, David, sempre tivo a ilusión de porse á fronte da explotación familiar, por iso estudou dous ciclos no centro de Sergude, relacionados coa produción agropecuaria e a sanidade animal.
Incorporaron o arrimador de comida e a amamantadora para os becerros, o que lles permite esquecerse tanto da comida para as vacas, como da atención das tenreiras
Nestas instalacións dispoñen dos robots de muxido, un para cada lateral da nave. “Tiña claro que cando me incorporase, incluiría os robots e os meus pais apoiáronme”, puntualiza o mozo gandeiro. David afirma que é unha forma de traballar “diferente”, que se cadra nalgunhas explotacións “non funciona”. Indica que deben estar pendentes todo o día do que lles comunica o robot, “mentres que antes só era ir esas dúas horas de muxido”.
Apostaron polas máquinas de DeLaval porque xa dispuñan de todo o sistema de muxido desta firma, ademais de que compararon diferentes marcas, pero esta dispón dun servizo técnico en Lalín “o que leva que ante calquera avaría, estean a un paso”.

As camas son de serrín con carbonato, as cales renovan unha vez ao mes
A maiores, incorporaron o arrimador de comida e a amamantadora para os becerros, o que lles permite esquecerse tanto da comida para as vacas, como da atención das becerras. Así mesmo, instalaron nun dos laterais un sistema de refrixerado para os días de calor extrema. “Non estaba seguro de como funcionaría, pero é unha pasada. Os días de calor extrema, que aquí son dous ou tres, botan auga que logo se esparce e crea un ambiente máis fresco”, relata.
Produción agrícola
A base territorial que teñen para alimentar a todo o gando é de 70 hectáreas, das cales 5-6 están en aluguer. Consideran que “é suficiente, polo momento, para o noso rabaño, aínda que nunca está de máis aumentar algo”. Cultivan herba en toda a extensión, pero nunhas 35 hectáreas rótana con millo.
“Nos próximos meses ímoslles a colocar un sistema innovador para a detección de celos, con maior fiabilidade e que medirá a rumia e inxesta a maiores”
Normalmente realizan eles todos os traballos, en especial Evaristo que se focaliza máis á parte agrícola, pero algunhas tarefas lévanas a cabo a través da cooperativa Aprodeza, da que forman parte. Así, seméntaa e colleita realízana coa cooperativa.
Todos estes cultivos permiten facer dúas racións unifeed para os seus animais. Unha para as vacas en produción que se compón de: 24 kg de millo, 16 de herba, 7,5 de penso e 6 de bagazo de cervexa. A maiores, comen un 5 kg de penso no robot durante os ordeños. Para as secas e novillas engaden silo de herba e seca.
Xenética enfocada aos robots
Nesta gandería lalinense a primeira inseminación das xovencas realízaselles aos 14 meses, chegando a unha media de inseminación por preñez de 1,8 en xovencas e 2,2 en vacas. A taxa de detección de celos chega aos 48,5, mentres que a de fertilidade a 38,2 e a de preñez a 20,4.
David describe que a detección de celos realízana cos colares, pero tamén de maneira visual. Ademais, “nos próximos meses ímoslles a colocar un novo sistema innovador da mesma marca, que se trata dun pendente que ten maior fiabilidade, e medirá a rumia e inxesta a maiores”.
En Casa das Pedras, coa chegada dos robots, a xenética cóidase máis. Por iso, observan que os touros sexan completos, que teñan un bo tipo e bos ubres. “Fixámonos moito na colocación dos tetos, que non sexan duros porque senón complicará os muxidos nos robots. Desde que temos as máquinas coidamos estes detalles, para conseguir un fácil muxido”, subliña.
“Os mozos deberían apostar por traballar nas súas ganderías: Manexas o teu tempo, estás en casa e traballas para ti, eu só lle vexo vantaxes”
Traballan con seme canadense de Semex e tamén con Xenética Fontao, decantándose por touros xenómicos, aínda que tamén compran de sexados. Tamén empregan o cruzamento industrial, con blancobelga, para os animais que destinan á venda, aínda que non é algo que realicen de forma regular.

A amamantadora permítelles esquecerse olvidarse da xestión da recría
Un futuro positivo
Coa enerxía dun mozo entusiasmado por porse á fronte da súa propia gandería, David ten os pés na terra, por iso non se aventura a unha posible ampliación ou incremento de animais. “Polo momento creo que estamos ben así, énos suficiente. Non hai man de obra, polo que aumentar sería un gran risco”.
En canto á situación do sector, considera que é “un bo momento”, porque o leite está a pagarse mellor. Aínda así, considera que hai demasiadas trabas administrativas constantemente que dificultan o seu traballo. “Aínda que é complicado incorporarse, eu creo que se hai mozos que lles guste isto, deberían apostar por traballar nas súas ganderías: Manexas o teu tempo, estás en casa e traballas para ti, eu só lle vexo vantaxes”, conclúe este mozo gandeiro.