“Tes que conseguir que o animal luza o máximo posible en pista”

Llorenç Bosch Pons

Llorenç Bosch Pons

Llorenç Bosch Pons, de Ciudatella de Menorca (Baleares), venceu este sábado no XXXVI Concurso Internacional de Mozos Manexadores “Memorial Luís Louzao”, que se celebrou en Silleda no marco da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Abanca Cimag-GandAgro 2023.

¿De onde vén a túa vinculación coa gandaría?
Na nosa casa temos granxa de vacas de toda a vida. Temos sobre 60 vacas en muxido, que durante o inverno e primavera saen a pacer, e complementamos con silo de herba e millo. Elaboramos na granxa queixo baixo a DOP Maó Menorca, para darlle valor engadido ao leite, pois vendelo como leite líquido non é rendible, polos maiores custos de produción que temos.

Agora mesmo traballo nunha granxa veciña e gustaríame nun futuro seguir coa gandaría familiar.

Como empezaches a interesarte polos concursos de manexadores de gando ?
De pequeno sempre ía ao concurso de Menorca. Viñan a pelar Agapito Fernández e outros e empecei con eles e logo xa participei nos certames´
europeos de Italia e Suíza.

En 2014 asistín á escola de preparadores e manexadores que organizou CONAFE en Menorca, tamén fun un par de veces ao curso de CONAFE en Asturias e tamén vin formarme a Galicia.

Como definirías a un bo manexador?
Un bo manexador debe primeiro coñecer ben ao animal, e detectar os posibles defectos que poida ter, máis grandes ou pequenos, e tentar corrixilos. Tes que sacar un animal a pista corrixindo os posibles defectos que poida ter e destacando os seus puntos fortes.

Se estás nervioso o animal sínteo e móvese máis. Tes que estar tranquilo e transmitirllo á tenreira ou á vaca.

Como se comportou a tenreira coa que gañaches en GandAgro?
A tenreira que saquei anda ben, móvese ben en pista e iso tamén axuda ao manexador.

Cales son os teus referentes de bos manexadores?
Adóitome fixar moito en Agapito Fernández, Germán Fernández e Adrián Entrecanales, levan moitos anos manexando, indo a concursos e fano moi ben.

Cales son os próximos certames aos que acudirás?
Ao de Menorca dentro de dúas semanas, logo ao nacional con eles e seguramente que a algún outro.

E o país no que notaches mellor nivel?
Cando fun a Swiss Expo en 2020 e a Italia vin uns concursos máis grandes e cun moi bo nivel.

Que che atrae do ambiente que se respira nestes concursos?
Como o vives desde pequeno é algo normal, gústache, participas, vas mellorando e sobre todo disfrútalo, que é o que conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información