A adega Terras Gauda (O Rosal, Pontevedra) súmase a un proxecto europeo centrado na robotización dos traballos no campo. No marco da iniciativa, denominada FlexiGrobots, desenvolverase unha plataforma que combinará a intelixencia artificial e o big data para optimizar a xestión do viñedo e doutros cultivos.
O proxecto, no que participan 16 empresas e grupos de investigación de 8 países, desenvolverá probas nos viñedos de Terras Gauda, que é o campo piloto escollido en España. Ensaiarase alí a plataforma de aplicacións combinada cun sistema de robots. Os robots, que operarán tanto a pé de campo como de xeito aéreo, buscarán traballar coa máxima precisión, de xeito moi localizado, tomando decisións en tempo real e baseadas na evidencia dos datos recollidos.
O director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas, considera que o progreso para a adega é notable: “Se no seu momento xa nos situamos á vangarda do sector vitivinícola nacional cun proxecto de viticultura de precisión iniciado no 2014, agora o paso é de xigante pola capacidade e versatilidade dos robots para realizar diferentes tarefas no viñedo, como a vixilancia e detección de enfermidades, o tratamento preciso e localizado destas, e o apoio aos vendimiadores nos labores de recollida da uva; todo iso cunha exactitude máxima”.
O proxecto que se desenvolve en Terras Gauda para viñedo conta coa participación de Seresco, compañía encargada das solucións de software; da Universidade de Wageningen e do Centro Superior de Investigacións Científicas (Csic).
Consorcio multidisciplinar
Os socios do proxecto Flexigrobots son Atos (España), CSIC (España), Seresco (España), Bodegas Terras Gauda (España), Centre for European Policy Studies -CEPS (Bélxica), Wageningen University & Research (Países Baixos), International Data Spaces Association – IDSA (Alemania), BioSense Institute (Serbia), Zeleni hit (Serbia), Art 21 (Lituania), AgriFood Lithuania, Agrosmart (Letonia), Probot OY (Finlandia), Natural Resources Institute Finland – LUKE (Finlandia), VTT Technical Research Centre (Finlandia), y MTECH Digital Solutions (Finlandia).