Terras Gauda lidera un proxecto europeo de viticultura de precisión

O viñedo da adega do Rosal é o único en España que actúa de campo piloto deste proxecto do proxecto europeo de I+D+I Foodie. O sistema permitirá realizar predicións de rendemento e recomendacións

Publicidade
Terras Gauda lidera un proxecto europeo de viticultura de precisión

Adega de Terras Gauda

Terras Gauda impulsa en España o proxecto europeo de I+D+i Foodie sobre viticultura de precisión que sitúa á adega galega á vangarda no emprego da tecnoloxía máis avanzada para analizar detalladamente o viñedo, interrelacionando a información espacial obtida de satélites, dos sistemas de observación europeos e dos sensores instalados no propio viñedo.

O proxecto foi presentado esta mañá aos medios de comunicación na sede de adega no Rosal polo presidente do grupo, José María Fonseca Moretón; o director xeral, Enrique Costas Rodríguez, e o director xeral de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas.

A adega é a única en España que vai dispoñer desta información tan precisa e detallada posto que o seu viñedo foi o único elixido no Estado como campo piloto do proxecto. No estudo participan empresas e grupos de investigación de 8 países: Alemaña, Austria, Italia, Polonia, República Checa, Turquía, Letonia e España.

Obxectivo: mellorar o rendemento da viña e reducir os tratamentos fitosanitarios

Estes datos obtidos por satélite serán interrelacionados cos obtidos en tempo real da rede de sensores instalados, no caso de España, no viñedo de Terras Gauda, dividido en parcelas con topografía, orientación, altitude, pendente, condicións climáticas e solo diferenciadas. Para iso, xa está na fase final do desenvolvemento o software específico para interpretar toda a información.

O obxectivo da adega é introducir técnicas de manexo diferenciadas para cada zona do viñedo respectando as súas propias características e, no caso de parcelas homoxéneas e de suficiente dimensión, facer o viño por separado. Isto permitirá mellorar o rendemento da viña, respecto do seu potencial de calidade, estado nutricional e sanitario e reducir o impacto ambiental grazas á optimización e axuste das necesidades de tratamentos fitosanitarios e de fertilización.

Na actualidade están instalados 4 nodos sensores de rede intercomunicados no viñedo, cos que se realizou a proba piloto do software específico para comprobar o seu funcionamento e a transmisión de datos á aplicación.

Todos os tratamentos en cada parcela estarán xeoreferenciados

O departamento técnico de Terras Gauda conseguiu neste primeiro test valiosos datos referentes ao estado do viñedo en canto ás condicións climáticas específicas, xa que a información obtida está completamente detallada: temperatura e humidade no interior da follaxe e tempo que permanece mollada a folla, por exemplo.

José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo Terras Gauda; Enrique Costas, director xeral; e Emilio Rodríguez Canas, director técnico de Adegas Terras Gauda

José María Fonseca Moretón, presidente do Grupo Terras Gauda; Enrique Costas, director xeral; e Emilio Rodríguez Canas, director técnico de Adegas Terras Gauda

Así mesmo, a aplicación facilita a interpretación da información extraída dos sensores en relación coas estacións próximas da Administración ou datos por parcelas de índices de vexetación (vigor das cepas). Tamén mostra mapas climáticos de cor das áreas do viñedo respecto de temperatura, humidade relativa e foliar.

Unha vez finalice esta fase de desenvolvemento do software, Terras Gauda contará cunha rede de 17 nodos sensores intercomunicados e comezará unha segunda fase: a posta en marcha dun rexistro xeorreferenciado. A partir de entón, todas as anotacións de datos habituais que se realizan a diario plasmaranse mediante esta técnica de posicionamento espacial.

O sistema permitirá realizar predicións de rendemento e recomendacións

A adega dispoñerá de rexistros xeolocalizados e datos temporais sobre tratamentos fitosanitarios, fertilización, poda, observacións e incidencias en viñedos e produción de parcelas concretas ou zonas de xestión homoxéneas e diferenciadas.

Toda esta información incorporada automaticamente mediante os sensores e satélites ou de maneira xeolocalizada polo departamento técnico permitirá ao software interpretar os datos e cruzalos cos de produción do viño, proporcionando á adega predicións de rendemento, conclusións e recomendacións nun visor dispositivo.

Ao contar con datos en tempo real, o departamento técnico poderá adoptar decisións con maior inmediatez sobre diferentes cuestións relevantes, como tratamentos fitosanitarios, subministración de nutrientes, predición de rendemento, orde de vendima segundo parcelas e variedades, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información