“Terra para quen a queira traballar”

Artigo de opinión de José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, sobre a "Lei de recuperación da terra agraria de Galicia", actualmente en trámite no Parlamento autonómico.

A loita contra o abandono da terra agraria ten que ser un obxectivo fundamental de calquera política pública nunha comunidade autónoma como a galega, caracterizada pola extraordinaria riqueza da súa terra. Recuperar a terra agraria e, dende o máximo respecto a os seus propietarios, poñela en valor pola vía da súa posta a disposición das persoas que a queiran traballar dando sempre prioridade ás explotacións xa existentes. Ordenar o territorio rural e fixar poboación nel. Estes son os grandes obxectivos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento autonómico.

Con esta norma trátase de apoiar, axudar e fomentar a quen desexe aproveitar a terra e darlle valor. Apoiar, axudar e fomentar que poida facelo coas maiores garantías. Unha seguridade xurídica que se estende, tamén, tanto ao titular dos terreos como a quen queira sacarlles partido mediante o seu aproveitamento agrogandeiro ou forestal.

Así, estamos diante dunha lei moi “garantista” porque -no primeiro caso, para os propietarios- a Administración (neste caso a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) asegura o pago malia que o arrendatario non o satisfaga. Ademais, a futura norma permitirá actualizar o catastro e, dentro do posible, o rexistro da propiedade. A maiores, en segundo termo -para o que vai aproveitar as terras- esta axencia garante o arrendamento, a cesión ou a venda.

É unha norma, sen dúbida, “ambiciosa”, coa que pretendemos levar a cabo unha verdadeira -e moderna- “reforma agraria”, no sentido de activar terras abandonadas ou infrautilizadas para darlles unha nova vida. Para xerar riqueza e emprego, en definitiva. Pero sen ambición non hai vitoria, e o rural galego merece o maior dos éxitos.

Porque sabemos -un estudo da USC e da Universidade de Vigo así o avala- que a recuperación da terra ten a súa recompensa: a mobilización de arredor de medio millón de hectáreas en situación de desuso ou abandono suporá un impacto total sobre a economía galega de arredor de mil millóns de euros, así como un incremento do emprego superior aos 15 mil postos de traballo, segundo as conclusións do referido informe.

Polo tanto, con este texto legal queremos revitalizar social e economicamente o noso rural, traballando así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e, ao tempo, pola anticipación aos lumes forestais.

É unha norma que completa e desenvolve, ademais, o marco lexislativo actual e que culmina un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, coñecida como Metaga, coa que continuaremos decretando novas reestruturacións parcelarias. As reestruturacións son un bo instrumento, pero esta lei completa a caixa de ferramentas con outros mecanismos imprescindibles.

Esta lei vai moito máis alá deses procesos de reestruturación e representa, de feito, unha clara aposta por unha axeitada ordenación do territorio rural e pola súa posta en valor mediante novidosos instrumentos, algúns dos cales xa demostraron a súa eficacia sobre o terreo (nunca mellor dito). Falamos das aldeas modelo, dos polígonos agroforestais ou das agrupacións de xestión conxunta. Todos eles son mecanismos voluntarios, baseados nos arrendamentos, nas cesións, nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta. Buscando sempre que as parcelas teñan o tamaño suficiente para garantir a rendibilidade da súa posta en valor.

Imos máis alá aínda, establecendo o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización de predios e fomentando a investigación da propiedade, tan necesaria nun territorio como o rural galego no que hai moitas parcelas nas que non se dá localizado ao seu titular. Coa información que aporte a investigación, traballaremos para actualizar o Catastro en Galicia, notificando ao Goberno central, que ten as competencias na materia, os resultados dese labor. Atendemos así unha tradicional reclamación da xente do rural. Porque todos queremos ter ben plasmado nun documento o que é noso.

Outro dos grandes obxectivos é garantir o futuro e a continuidade do noso agro. Para iso, a lei crea un Banco de Explotacións, que mediará entre os donos de granxas que abandonan a actividade e os interesados en traballalas. O que se persegue é non só fomentar a remuda xeracional, senón tamén aproveitar unhas terras que, de non existir recambio, poderían quedar abandonadas.

Todo isto, tamén, con incentivos tanto financeiros como fiscais, estes últimos nunha dobre vertente. No que atinxe a impostos que xestiona a propia comunidade autónoma e propoñendo ao Estado, tamén, melloras tributarias nos impostos que dependen del.

Nos impostos da nosa competencia imos incentivar, por exemplo o investimento en empresas agrarias, a adquisición de vivendas nas aldeas modelo, a compra ou arrendamento de fincas rústicas ou a transmisión, arrendamento ou cesión temporal de terreos incorporados á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

No que se refire á tributación estatal, imos propoñer incentivos en impostos como os da renda cunha finalidade semellante. Farase para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras, así como das parcelas rústicas que se incorporen aos polígonos agroforestais, aos proxectos de aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta. Tamén, para incentivar os promotores destas figuras de mobilización de terras.

En canto á procura do consenso, cómpre lembrar que esta lei, entre outras cousas, é froito das reflexións dos comparecentes na Comisión de Estudo sobre a política forestal posta en marcha tras os lumes do 2017. Polo tanto, con esta norma dámos cumprimento ao mandato do Parlamento galego, xa que incorpora as conclusións do Ditame da devandita comisión, que, lembremos, saíu adiante co respaldo maioritario dos seus deputados.

Pero tamén resposta ás demandas da xente do rural que como Custodia, veciña de Infesta (Monterrei), unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, queren que desaparezan as mimosas e a maleza dos antigos socalcos que rodean a súa aldea e que só traen incendios e fauna salvaxe á porta das casas, para que volvan encherse de hortas, cepas, oliveiras ou froiteiras, entre outros cultivos.

Estamos, en definitiva, diante dunha estratexia normativa orientada á dinamización e posta en valor do noso rural, unha teima na que seguimos traballando con intensidade. Para fixar poboación, activando o territorio sobre o que se asenta; para promover a actividade nos seus tres usos: agrario, gandeiro e forestal; para recuperar a demografía co asentamento da poboación e para mellorar a calidade de vida das xentes que viven “no” e “do” rural. Tamén, por suposto, para anticiparnos aos lumes forestais, mediante a prevención activa e a implantación de actividade agraria. Actividade na terra, unha terra para quen a queira traballar.

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural
Xunta de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información