Terra de diatomeas, o insecticida ecolóxico para controlar pragas de caracois

Este mineral, composto por pequenos organismos fosilizados, pode actuar tamén como fertilizante e como suplemento alimentario

Publicidade
Terra de diatomeas, o insecticida ecolóxico para controlar pragas de caracois

Nos últimos cinco anos en España, no mundo da agricultura ecolóxica vense aplicando, cada vez con máis frecuencia, a terra de diatomeas como o fertilizante e insecticida orgánico por excelencia. Este mineral, composto por pequenos organismos fosilizados que pertencen a un grupo diverso de algas, pódese atopar como rochas sedimentadas nos fondos de lagos, mares e océanos. Agora, moitas empresas especializadas no abastecemento material para o cultivo ecolóxico estana a comercializar con éxito.

Os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas

Grazas á súa sinxela extracción para as empresas produtoras e o seu baixo coste para o cliente final, os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas. De feito, en certo tipo de gandarías intensivas e nalgúns procesos industriais estase a utilizar tanto como insecticida, como complemento alimenticio.

Terra de diatomeas aplicada sobre un cultivo de tomates

Terra de diatomeas aplicada sobre un cultivo de tomates

Como funciona a terra de diatomeas?

A diferenza da meirande parte de insecticidas empregados, a terra de diatomeas non mata os insectos mediante envelenamento, xa que o que realmente fai é deshidratalos. O mineral está composto por microcristais que se adiren ao exoesqueleto dos insectos e abrásalles a cutícula exterior. Nese momento, como son incapaces de reter auga, prodúcese a deshidratación xeral e morren.

A terra de diatomeas nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresiva co solo

Neste xeito de actuar atópase un dos factores diferenciais das diatomeas fronte a outros tratamentos —incluso ecolóxicos— e é que nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresivo co solo. Ao tratarse dun tratamento físico aplicado en pequenas doses, non afecta negativamente a ningún animal doméstico ou de gando.

Hai caracois nalgunhas viñas AREEIRO

Cales son os seus usos máis habituais?

Aínda que polo seu prezo e a súa composición porosa está a ser usado industrialmente como filtro antibacteriano ou incluso como aditivo para masas como o cemento, imos explicar os seus usos máis estendidos na agricultura ecolóxica e na gandaría, ademais da súa faceta de insecticida agrícola.

  • Desparasitador para animais. A terra de diatomeas estase a empregar tamén como axente desparasitador para animais de granxa e mascotas, xa que ademais de ser inocuo para os mamíferos, resulta extremadamente efectivo contra as pulgas e as garrapatas.

As algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles

Malia que cada animal ten a súa idiosincrasia e é convinte seguir o criterio dos especialistas para cada caso, esta opción é escollida especialmente para aqueles animais aos que outros tipos de tratamentos lles producen reaccións dermatolóxicas.

  • Fertilizante agrícola. A terra de diatomeas é biodegradable e rexeneradora do chan, polo que tamén adoita empregarse na fertilización da terra de cultivo. Aínda que máis adiante explicaremos a súa composición química detallada, as algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles para que leiras e hortas prosperen. Os principais compostos son o carbonato de calcio, o óxido de silicio, a alúmina e máis o óxido de magneso.
  • Complemento alimenticio. Aínda que o seu uso en España non está demasiado estendido en gando, a terra de diatomeas emprégase dende hai décadas na alimentación de peixes e moluscos de cría. Porén, nos Estados Unidos hai reportes de usos nesta liña dende hai máis de dez anos.

Nos Estados Unidos hai reportes dos usos da terra de diatomeas en agricultura dende hai máis de dez anos

Un dos principais beneficios que produce é o retardo no tránsito intestinal, fomentando unha adecuada absorción de nutrientes das racións. Por outra banda, o carbonato de calcio fomenta un excelente crecemento e fornecemento dos ósos dos animais, prevendo fracturas ou outras lesións. Ademais, aquel retardo no tránsito axuda, en menor medida, á solidificación das feces e a previr úlceras.

Terra de diatomeas

Terra de diatomeas

Como aplicar a terra de diatomeas como insecticida?

A aplicación deste insecticida orgánico non se diferencia moito de outros similares de actuacións físicas e non químicas. Isto ten unha implicación evidente e é que pode perxudicar gravemente a outros insectos beneficiosos para os cultivos, como son aqueles polinizadores (abellas, moscas, bolboretas, escaravellos, avespas, etc.). Polo tanto, convén ter algunhas precaucións.

A súa aplicación é habitual nas estacións chuviosas e non tanto nas calurosas

Hai que ter claro que un dos usos máis habituais da terra de diatomeas na agricultura ecolóxica é para combater gasterópodos (principalmente caracois e babosas) que son difíciles de controlar con remedios non agresivos. Isto fai que a súa aplicación sexa habitual nas estacións chuviosas e non tanto no final da primavera ou durante o verán.

A aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos insectos polinizadores

O xeito máis habitual para a aplicación é mediante un pulverizador que se pode aplicar pola vía foliar, ou tamén cercando o terreo que se desexe protexer (como os velenos máis utilizados contra os caracois). Esta escolla depende do agricultor, pero a aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos mencionados insectos polinizadores. En calquera caso, é recomendable evitar a aplicación sobre a zona máis problemática: as flores.

 

As precaucións que se deben ter

Aínda que os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas e animais domésticos, para a súa aplicación en seco e de maneira prolongada, recoméndase a utilización de máscara, luvas e lentes, coa fin de evitar calquera problema de contacto accidental co produto, como tose, pel seca ou irritación de ollos.

Os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas

Aínda que moitas das empresas comercializadoras falan dalgún risco da exposición prolongada ao po de sílice como factor de risco para o desenvolvemento de silicoses, a revista científica Archivos de Bronconeumología estudou os efectos da exposición prolongada ás diatomeas sen observar ningunha evidencia científica ao respecto. Segundo apunta o estudo, “a terra de  diatomeas utilizada como biocida é basicamente amorfa, moito menos nociva que a  sílice cristalina”.

O detalle da súa composición química

As diatomeas, na súa forma viva, constitúen un dos tipos máis comúns de fitoplancto e a composición específica de cada produto depende, principalmente, dos procesos extractores da empresa que o subministra. En liñas xerais, pódese estimar que a meirande parte das terras de diatomeas do mercado teñen unha composición que orla ás seguintes cifras:

  • Óxido de silicio (SiO2), cunha presenza estimada do 62,00 %
  • Carbonato de Calcio (CaCO3), cunha presenza estimada do 34,50%
  • Alúmina (Al2O3), cunha presenza estimada do 1,40%
  • Óxido de magnesio (MgO), cunha presenza estimada do 0,77%

Para obter máis información técnica, podes acudir a esta investigación académica elaborada polos investigadores V. E. Mazzuferi, R. H. Gonçalvez, M. Tablada e D. García. Ou tamén esta outra de J.C. Acosta, arredor do efecto larvicida da terra de diatomeas sobre poboacións de mosquitos e outros dípteros.

Una idea sobre “Terra de diatomeas, o insecticida ecolóxico para controlar pragas de caracois

  1. Afonso

    Ola.
    Deberíades rectificar esta entrada sobre a terra de diatomeas, xa que dades a entender que se pode utilizar libremente e non é así.
    O óxido de silicio non está autorizado como sustancia activa no Regulamento de productos fitosanitarios da Unión Europea (Reglamento UE 1107/2009) e, polo tanto, non se pode empregar en agricultura como fitosanitario, incluida a agricultura ecolóxica.

    A terra de diatomeas SÍ está incluida como sustancia activa na lista comunitaria do regulamento, como función insecticida/acaricida, podéndose empregar soamente en interiores (silos, almacens, muiños, etc),sempre e cando o producto comercial dispoña de autorización e rexistro como producto fitosanitario. Polo tanto, o seu uso non está autorizado en espolvoreo nin en forma de polvo mollable en espazos abertos incluindo a agricultura ecolóxica.

    https://www.mapa.gob.es/agricultura/pags/fitos/registro/fichas/pdf/Lista_Sustancias_activas_aceptadas_excluidas.pdf

    Un saúdo

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información