Ternera Gallega y Vaca Gallega chegan a Alimentaria coas súas carnes certificadas

As IXP ofrecerán presentacións con showcooking para achegar ao público profesional as características diferenciais das carnes amparadas, demostrando a súa calidade e as posibilidades culinarias das pezas máis descoñecidas

Ternera Gallega y Vaca Gallega chegan a Alimentaria coas súas carnes certificadas

As Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego asistirán a Alimentaria, que se celebrará en Barcelona entre o luns 23 e o xoves 26 de marzo. Ademais de participar como expositores na caseta da AGACAL (Axencia Galega da Calidade Alimentaria), as IXP ofrecerán 5 showcookings ante o público profesional, xunto a grupos de consumidores e medios sectoriais acreditados.

Realizarán demostracións gastronómicas en formato masterclass dirixidas polo chef especialista en vacún e membro do Grupo Nove, Javier Rodríguez Ponche (Taky), que vai presentar unha viaxe gastronómica con diferentes pezas e estilos de cociñado, desde o tradicional ou o máis innovador; aplicando técnica culinaria e un amplo coñecemento baseado na investigación desenvolvida conxuntamente co persoal técnico do Consello Regulador.

As súas propostas poñerán en valor as calidades organolépticas que definen as carnes de Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego, á vez que permitirán informar sobre todo o que hai detrás do selo IXP. Desde o tipo de animais e de ganderías rexistradas ou a alimentación e o sistema de crianza dos tenreiros ata o programa de control e rastrexabilidade que aplica o Consello Regulador en todas as fases da cadea para garantir a calidade e a orixe do produto.

Estes 5 showcookings levaranse a cabo o luns 23 en horario de 14:00 a 14:45 horas e de 18:00 a 18:45 h; o martes 24, de 14:15 a 15:00 horas e de 17:45 a 18:30 h, e o mércores 25, de 14:15 a 15:00 horas.

O Consello Regulador tamén terá un encontro coas carnicerías tradicionais catalás que contan con acordo de colaboración para a venda de Ternera Gallega, co fin de profundar na relación con estes establecementos acreditados.

A presenza de Ternera Gallega e Vaca Gallega – Buey Gallego en Alimentaria Barcelona busca ampliar as oportunidades comerciais das empresas rexistradas, promovendo un aproveitamento integral da canle e poñendo en valor a importancia da súa certificación e etiquetaxe como única garantía da orixe do produto, evitando enganos ou confusión no mercado.

ternera_gallega_alimentaria_2026_horarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información