Ternera Gallega volve a cotizar en Amio

A mesa de prezos de Ternera Gallega reactívase no mercado compostelán ampliando o desglose da categoría E e con modificacións nos treitos de peso

Ternera Gallega volve a cotizar en Amio

O Mercado do gando de Amio (Santiago) acolleu unha nova sesión na que se reactivaron as conversas semanais para consensuar as cotizacións de referencia deTernera Gallega, logo de que se suspendera a actividade a mediados do pasado mes de marzo por mor da crise sanitaria do coronavirus. Pese a que a actividade no mercado xa se reanudara a finais do mes de maio, a mesa de Ternera Gallega mantiña suspendidas as negociacións.

Nesta primeira sesión de actividade para a Mesa de Prezos de Ternera Gallega, tamén se coñeceron algunhas das modificacións acordadas na reunión que mantiveron o pasado 23 de xuño. Entre as novidades figura a ampliación do desglose de pesos e prezos da categoría E. Ademais, presentáronse novos treitos de peso e modificáronse outros. Así, no caso dos machos, creouse unha nova sección para animais de máis de 250 quilos.

Nas femias, suprímese a categoría de ata 160 quilos que se fusiona coa que antes comprendía os animais de 160 a 180 quilos. Deste modo, figura unha única sección con becerras de ata 180 quilos. Tamén se modifica a última das categorías, que pasa a rexistrar animais de entre 201 e 225 quilos, no canto de chegar ós 230 quilos. Namentres, créase unha nova sección para exemplares de máis de 225 quilos.

Cotizacións de Ternera Gallega

No caso de becerros de Ternera Gallega Suprema, os prezos aproxímanse ós rexistrados a comezos de marzo, superando os 4,30 euros por quilo que se estableceran como teito nestes meses do parón da actividade das mesas, segundo apuntan dende o sector.

Se se comparan os prezos cos rexistrados na sesión do 11 de marzo, para os animais de ata 200 quilos, tanto da categoría U como da R houbo unha redución de 0,06 euros e cotízanse a 4,75 e 4,61 euros, respectivamente. No caso dos animais de entre 200 e 225 quilos, o prezo minguou en 0,11 euros para os da categoría U, quedando nos 4,65 euros; e baixando 0,13 euros para os da R, que pasan a 4,55 euros por quilo. O prezo dos becerros de entre 226 e 250 para a R foi de 4,42 euros o quilo, 0,03 euros por debaixo do de marzo. Na categoría de máis de 250 quilos o prezo situouse en 4,40 euros (U) e 4,30 euros (R).

nas seccións U e R a única excepción á alza produciuse nos animais de entre 226 e 250 quilos da categoría U, que incrementaron o seu valor en 0,02 euros e pasan a cotizarse a 4,55 euros.

Nas femias de Suprema, nas categorías de U e R, a tendencia tamén é lixeiramente á baixa en comparación cos prezos de marzo. Os animais de menor peso, ata os 180 quilos mantéñense en valores moi parellos ós rexistrados antes da crise. Producíronse baixadas de 0,08 euros no prezo dos animais de entre 181 e 200 quilos da categoría U, baixando o seu valor ata os 4,70 euros por quilo. Nese peso, os exemplares da R tamén reduciron o seu prezo en 0,04 euros ata os 4,57 euros.

Nas becerras de entre 201 e 225 quilos o prezo situouse nos 4,62 euros nos animais da U, o que supón un incremento de 0,09 euros con respecto do prezo manexado na categoría que anteriormente abranguía ata os 230 quilos. Tamén se produciu unha suba para os da R, pasando a cotizarse a 4,50 euros, 0,05 euros máis.

Recuperación dos prezos anteriores á pandemia

Por outra banda, Unións Agrarias, por medio dunha nota de prensa emitida na xornada do martes, reclamaba a recuperación de prezos para as cotizacións da IXP Ternera Gallega, logo da campaña de mobilizacións realizadas nas últimas semanas en distintas localidades de Galicia. “Entendemos que nestes momentos é preciso volver ós prezos que se manexaban antes da crise e que se correspondan cos que había hai un ano”, explica Xosé Ramón González, responsable de Agricultura e Gandería Extensiva de Unións Agrarias.

Así, esixen á industria que os contratos que se firmen coas ganderías, e que son de obrigado cumprimento, fagan referencia ós prezos acordados na mesa de cotizacións de Ternera Gallega. Ademais, advirten de que “estamos dispostos a sinalar a aquelas industrias que na Mesa de Negociacións aproben uns prezos e despois nas liquidacións e nos contratos manexen outros máis baixos”, destaca González. Neste sentido, piden á Consellería de Medio Rural a posta en marcha inmediata do observatorio de prezos para poder estabilizar os mercados dado que, pese á recuperación lograda, non se acadan os custos de produción.

Asistencia

Á marxe dos prezos de Ternera Gallega, na mesa de Prezos do Gando de Abasto de Amio, os vogais decidiron manter as cotizacións da semana pasada para tódalas categorías e calidades, tanto no vacún de recría, como no de sacrificar e no maior.

A sesión contabilizou 1.902 reses, 152 menos que a do pasado día 24 de xuño. Houbo 1.526 cabezas de vacún menor, 152 menos que na sesión anterior, 162 de vacún mediano, 15 animais menos que na feira pasada, e 222 de vacún grande, o que supón 15 exemplares máis que a última semana.

Máis información

– Táboa de cotizacións de Amio (1-VII-2020).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información