Ternera Gallega supera o seu teito de carne certificada

O Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia presentou os informes anuais de Ternera Gallega e de Vaca Galega / Boi Galego. Esta última Indicación rexistra xa 755 ganderías inscritas

Ternera Gallega supera o seu teito de carne certificada

O conselleiro do Medio Rural, Jesús González, hoxe co presidente do Consello Regulador, José González.

Ternera Gallega continúa construíndo ano tras ano unha historia de éxitos. As industrias que conforman a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) volveron a superar no 2018 o récord de carne comercializada co selo da IXP, cun total de 96.472 canais (2.000 máis que o ano anterior) e con 21.369 toneladas, 712 toneladas máis que o ano anterior (+3,4%). Ternera Gallega consolídase así como a certificación de vacún dominante en España, cun 54% da cota de mercado da carne bovina de Indicacións Xeográficas, e nos últimos anos, ademais, estase abrindo mercado no exterior, principalmente en Alemania.

O presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, presentou hoxe os balances anuais tanto de Ternera Gallega como da nova IXP Vaca Galega / Boi Galego, posta en marcha a mediados do 2017. González destacou a consolidación no mercado de Ternera Gallega e as perspectivas prometedoras para Vaca Galega / Boi Galego, que está xerando moito interese tanto entre a restauración como nas cadeas de supermercados.

“En Ternera Gallega continuamos medrando ano a ano nun contexto xeralizado de descenso do consumo de carne” -incidiu Jesús González-. “É tamén importante salientar que o número de explotacións mantense no entorno das 8.200, tras os crecementos experimentados anos atrás, o que fala da importancia social e económica da IXP para o medio rural”, valora o presidente do Consello Regulador das IXPs de Vacún de Carne de Galicia.

Vaca Galega / Boi Galego, un selo que confirma o seu potencial

A IXP Vaca Galega / Boi Galego, operativa desde mediados do 2017, xa amosou en pouco máis de ano e medio o seu potencial. “Ternera Gallega ten 30 anos de historia e Vaca Galega / Boi Galego progresa adecuadamente para o tempo que ten”, analiza González. A nova Indicación xa ten rexistradas a 755 explotacións, máis de 15.300 animais en campo e 21 industrias.

O 50% da carne comercializada no novo selo é de rubia galega, un 28% de cruces e un 17% de frisoas

Durante o 2018, certificáronse un total de 334 canais (301 de Vaca Galega, 29 de Vaca Galega Selección, 2 de Boi e 2 de Boi Galego Selección). Entre a carne certificada, houbo un 50% de rubia galega, un 28% de cruces, un 17,4% de frisoas e un 3,7% doutras razas. O presidente do Consello Regulador aproveitou a presentación do informe anual para pedir un maior compromiso da industria na certificación de canais da nova IXP, pois é o xeito de posicionarse no mercado e consolidar marca.

En ganderías asociadas á nova Indicación, destaca a provincia de Lugo, igual que en Ternera Gallega. En Vaca Galega / Boi Galego, Lugo acumula máis de dous terzos das explotacións inscritas, cun 68,4%. Tamén destaca A Coruña, cun 25,8% de granxas, mentres que Pontevedra (2%) e Ourense (3,8%) rexistran polo de agora unha baixa implantación do novo selo.

Trámites europeos
A IXP Vaca Galega / Boi Galego está funcionando desde o verán do 2017 cunha protección transitoria nacional, á espera de que se formalice a protección europea, un trámite que se está a enredar na burocracia de Bruxelas e para o que Jesús González demanda maior axilidade. “Non é serio. Tivemos unha reunión de catro horas en Bruxelas cos técnicos da Comisión Europea hai case un ano. Aclarámoslles tódalas cuestións e defendimos á perfección a nosa proposta e desde aquela, un ano despois, aínda non temos ningunha contestación. En xaneiro dixéronnos que nos ían mandar unha carta, pero aínda non a temos a día de hoxe”, criticou.

Promoción e retos

A presentación do balance anual das IXPs de Vacún de Carne de Galicia serviu tamén para facer un repaso polas accións de promoción que se están desenvolvendo, como a campaña co triatleta Javier Gómez Noya ou a que se está facendo conxuntamente con Ternasco de Aragón.

O acto contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, quen destacou a “traxectoria impecable” do Consello Regulador e a “importancia clave” do traballo de promoción que se estaba a facer.

“A calidade dos produtos alimentarios de Galicia está fóra de toda dúbida. O gran reto que temos é xerar maior valor engadido en tódalas nosas producións, tanto para as industrias coma para os gandeiros”, valorou o conselleiro. Unha mensaxe similar expúxose tamén desde o Consello Regulador, que sinalou a estabilidade de prezos en Ternera Gallega no 2018 en relación ó ano anterior. “O desexo de todo o sector é que os prezos melloren e que iso repercuta na viabilidade do sector produtor”, subliñou Jesús González.

O Consello Regulador pediu un plan estratéxico para o vacún de carne en base a súa importancia social e medioambiental en áreas de montaña do interior galego, unha cuestión na que se comprometeu o conselleiro.

Máis información
Informe anual 2018 das IXPs de vacún de carne de Galicia (PDF).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información