Ternera Gallega proxecta unha denominación de calidade para a carne de vaca e boi de Galicia

As canais amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida aumentaron un 5% durante o último ano. O selo introduciuse en Alemania, onde estará presente nuns 50 supermercados esta primavera, así como en restaurantes

Ternera Gallega proxecta unha denominación de calidade para a carne de vaca e boi de Galicia

Equipo directivo e membros do pleno do consello regulador da IXP.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega está a impulsar unha denominación de calidade para identificar a carne de vaca e de boi de Galicia. O proxecto conta xa cun regulamento avanzado que a IXP lle trasladará á Xunta en breve para o seu trámite ante Bruxelas. A idea consiste en amparar a carne de vacas e bois que sexan sometidos a un proceso de acabado final e que presenten un bo estado cárnico e un bo engraxamento.

O novo distintivo de calidade, que estará xestionado por Ternera Gallega, oriéntase principalmente ás vacas e bois de razas cárnicas tradicionais en Galicia, pero tamén se lle dará cabida ás vacas frisonas de leite sempre que se sometan a un acabado final que as faga atractivas para o mercado.

“En España, hai abundancia de sitios que ofrecen carne de vaca e boi galego, sen que haxa probas de tal orixe”

O presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González, incide na “oportunidade de negocio” que suporá a nova denominación de calidade para as explotacións gandeiras e para as industrias cárnicas da comunidade. “En España detectamos unha certa abundancia de sitios que ofrecen vaca ou boi galego pero que non teñen nada que probe a orixe da carne. Hai un certo oportunismo de negocio no uso do nome de Galicia, que ten un protagonismo ‘per se’ no ámbito agroalimentario”, analiza Jesús González.

A creación dunha nova denominación de calidade introducirá garantías de orixe e calidade da carne, “o que repercutirá no beneficio de todo o sector”, valora González. O distintivo amparará tanto produtos en fresco como produtos elaborados, segundo avanzou o presidente da IXP durante a presentación dos resultados do 2015 de Ternera Gallega.

Jesús González, presidente de la IGP.

Jesús González, presidente de la IGP.

Balance 2015
As cifras do último ano proban que Ternera Gallega mantén unha saúde forte nun contexto de crise xeralizada das producións gandeiras e de baixadas do consumo de carnes. As canais comercializadas co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) aumentaron un 5% no 2015, ata chegar ás 89.700, e tamén subiu o número das explotacións e de industrias inscritas.

A única nota negativa do último ano foi unha baixada media dos prezos dun 3%. O presidente de Ternera Gallega, Jesús González, considera que ese descenso era esperable. “Viñamos de 3-4 anos de subas medias dos prezos en orixe, polo que este reaxuste era previsible e agora hai que ver canto se mantén”, valora.

Plan de internacionalización
A exploración dos mercados centroeuropeos que iniciou nos últimos anos a IXP comeza a dar os seus froitos. Ternera Gallega introduciuse nos últimos meses do 2015 no mercado alemán, tanto en cadeas de supermercados como na restauración, e este 2016 afronta o reto de consolidarse no país xermano. As previsións apuntan a que en abril a Indicación estará xa presente en 50 supermercados de dúas das principais cadeas alemás, Edeka e Rewe.

A Indicación posicionouse en Alemania na gama alta de carnes a través da categoría Suprema

En Alemania, Ternera Gallega posicionouse na gama alta de carnes a través de Ternera Gallega Suprema, o distintivo que recoñece ós animais criados en explotacións tradicionais onde os becerros se manteñen coas vacas nodrizas ata o acabado final. Trazabilidade da carne e benestar animal son dúas das claves sobre as que o selo asenta a súa oferta para os consumidores xermanos.

A IXP vai testar outros mercados centroeuropeos este ano (Bélxica, Suiza, Francia e tamén Gran Bretaña), se ben a vía principal do negocio exportador prevese en Alemania, onde Ternera Gallega conta cun delegado propio.

Datos da IXP

– Ternera Gallega pechou o 2015 con 7.837 explotacións inscritas, un 2,2 % máis que o ano anterior. Os xatos identificados foron 121.293, un 0,7% máis.

– Hai 90 industrias na IXP, 23 matadoiros, 11 salas de despece e 56 comercializadoras cárnicas.

– As canais certificadas por Ternera Gallega medraron un 5,3%, ata as 89.700. Por primeira vez, as canais de Ternera Gallega Suprema superaron lixeiramente ás de Ternera Gallega (44.900 a 44.300). O aumento de explotacións tradicionais na Indicación e a baixada dos xatos de recría de cruce procedentes de explotacións lácteas explican o cambio. A maior recría que se detecta nas explotacións de leite fai que baixen os animais de cruce dispoñibles para os cebadoiros.

Por primeira vez, as canais de Ternera Gallega Suprema foron maioría. O aumento da recría en leite explica o cambio

– A venda de añojos, animais de máis de 10 meses, continúa a ser residual en Ternera Gallega. No último ano foron 427 reses as comercializadas nesa categoría.

– En toneladas, as vendas situáronse en 19.882 toneladas, un 6,7% máis.

– Ternera Gallega representa o 52% de carne de vacún de IXP comercializada en España.

– O mercado da Indicación repártese entre Galicia (44%), o resto de España (54%) e a exportación (2%). Ata este ano, a IXP só exportaba ó norte de Portugal e a Andorra. A finais do 2015 comezaron os envíos estables a Alemania.

Tres de cada catro explotacións de Ternera Gallega están en Lugo

– Lugo é a provincia con maior peso na Indicación. Aglutina o 76% das explotacións, o 60% dos tenreiros e o 44% da actividade industrial cárnica. A Coruña ten un 15,4% de explotacións e un 13,7 de tenreiros; Ourense un 6,9 e un 21,2% respectivamente e Pontevedra un 1,7 de explotacións e un 4,5% de xatos.

– O 69,4 % dos tenreiros son cruces, o 29,7 % son de raza rubia galega e o 0,90% son morenas do noroeste. O 5,38% dos animais véndese baixo a marca Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, impulsada por Acruga.

– A conformación máis habitual nas canais é a R (56,8%), seguida da U (31,8%). Os niveis de engraxamento son medios e repártense a partes iguais entre o grao 2 e o grao 3, nunha escala do 1 ó 5.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información