Ternera Gallega encara o reto de mellorar prezos e desestacionalizar a produción

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) pechou o último ano cun aumento de granxas e de tenreiros rexistrados. En Vaca Galega / Boi Galego, continúa o crecemento de explotacións inscritas, se ben o Consello Regulador recoñece que é preciso un impulso maior

Ternera Gallega encara o reto de mellorar prezos e desestacionalizar a produción

O presidente do Consello Regulador, Jesús González (esquerda) e Manuel Rodríguez, do Agacal, na presentación do balance das IXPs de vacún.

Ternera Gallega cumpre esta primavera os seus 30 anos cunha fortaleza que non ten igual entre os selos de carne da UE. A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) galega, que representa o 55% da carne de vacún comercializada en España con IXP, pechou o 2019 cun novo récord de ganderías inscritas, 8.298 (99 máis que o ano anterior) e de animais marcados en campo (135.263, o que supón 2.365 máis que o anterior exercicio). O presidente do seu Consello Regulador, Jesús González, vén de presentar o balance da marca e os retos para este ano.

Os retos que se lle presentan a Ternera Gallega resumiunos González en tres puntos: consolidar mercados, aumentar prezos no campo e fortalecer a imaxe pública do selo.

Mercado
O primeiro reto pasa por manter mercado nun contexto de presión da opinión pública sobre a actividade gandeira e de novas tendencias gastronómicas, cun menor emprego da carne. Durante o 2019, Ternera Gallega medrou no campo pero no mercado baixou lixeiramente -menos dun 0,5%- en canais certificadas (96.100) e en toneladas comercializadas (21.235).

“Existe unha forte presión sobre o consumo de carne, pero mesmo nese contexto, comprobamos que o consumidor aposta polos produtos de calidade certificada, o que nos permite manter a cota de mercado”, subliña Jesús González.

A IXP comercializa un 46% da carne en Galicia, un 51% no resto de España e un 3% no estranxeiro (Portugal, Andorra e Alemaña). En Alemaña, Ternera Gallega continuará traballando este ano para consolidar o mercado, valorando tamén a perspectiva de abrirse a enclaves próximos, coma o suizo ou o do norte de Italia.

Prezos no campo
O segundo reto sitúao o presidente da IXP en mellorar os prezos no campo. “É fundamental que melloren os prezos no campo, pois dese prezo depende a continuidade de moitas explotacións gandeiras. Nos últimos dous anos mantivemos unha certa estabilidade de prezos, pero é necesaria unha mellora” -salienta González-. “Falamos de melloras que poden ser significativas para as granxas, dun 5-10% do valor, pero que a penas terían impacto no consumidor”, valora.

Como se poden mellorar os prezos no campo?. “O prezo está relacionado coa oferta e a demanda. Unha mellora das cotizacións ten que ir ligada á apertura de novos mercados”, sinala González, que tamén destaca como clave que a industria cárnica galega aposte por produtos de maior valor engadido. “Traballamos moito en canais, medias canais, pezas e fileteado, pero hai que ir ós produtos elaborados e mesmo precociñados”, considera.

Outro paso para mellorar prezos pasa pola desestacionalización da produción, pois a maior oferta habitual na primavera repercute nunha baixada das cotizacións. No último ano, entre primavera e outono houbo un arco de ata 20 céntimos de diferencia nos valores marcados pola Mesa de Ternera Gallega. “Hai meses de 14.000 animais e outros de 7.000 animais. Iso xera intres de case excedentes e outros de escaseza que supón tensións no mercado”, advirte González, que lembra que o cliente de Ternera Gallega demanda estabilidade no suministro.

Os esforzos da IXP por avanzar na programación de partos tiveron ata o de agora un éxito limitado, pero Ternera Gallega volverá este ano a traballar nesa liña

Imaxe
En relación coa mellora de mercados e de prezos no campo está a terceira pata na que se ten que sustentar o selo, a súa imaxe pública. “Tranmitir a idea de sustentabilidade é fundamental. Este ano faremos especial fincapé no benestar animal e tamén hai que atender á sustentabilidade ambiental e á reducción de uso de medicamentos”, sinala Jesús González.

De cara ó consumidor, o presidente da IXP destaca ademais a importancia de trasladar as virtudes da carne de Ternera Gallega, un produto fresco e de calidade certificada, no marco dunha dieta equilibrada. “Nunca lle dixemos ó consumidor que coma só carne, pero sí que consuma carne de calidade no marco dunha dieta equilibrada”, incide González.

Vaca Galega / Boi Galego progresa, pero non o suficiente

A nova IXP Vaca Galega / Boi Galego rematou o 2019 con 796 explotacións inscritas (113 máis que o anterior exercicio) e 28 industrias (5 máis). “Temos un crecemento lento e faise necesario un maior compromiso da industria para impulsar este selo”, valora Jesús González, presidente do Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia.

O selo Vaca Galega / Boi Galego está polo de agora no mercado cunha protección nacional transitoria, á espera de que se peche o proceso burocrático de recoñecemento a nivel europeo, unha cuestión que se retrasou por cuestións coma o Brexit ou as eleccións europeos, pero que a IXP espera que quede pechada nos próximos meses.

Dos animais inscritos na IXP, un 44% son de Rubia Galega, un 38% cruces, un 14% frisóns e un 4% doutras razas. A principal cuestión que está incidindo no prezo das canais certificadas, segundo González, é o grao de engraxamento das canais, moi importante no vacún maior. Un 50% das canais tiñan un grao 3, un 42% o grao 4 e un 7,7% o 5, o máis alto. En conformación, “un parámetro menos importante a nivel de prezo” -segundo a IXP-, un 54% foron R (Boa), un 22,8% O (Menos boa) e O+ e un 22,7% U (Moi boa). Tamén houbo un 0,4% de E (Excelente).

Imaxe de grupo trala presentación do balance das IXPs de Vacún de Galicia.

Imaxe de grupo trala presentación do balance das IXPs de Vacún de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información