O mercado da carne está nun momento convulso, con altas demandas de carne e o Ramadán ás portas. No caso de Galicia, isto leva a consecuencias como saírse de Ternera Gallega por conseguir mellores prezos para os seus produtos.
Ante isto, falamos co director da Organización Interprofesional do Vacún de Carne (PROVACUNO), Javier López, quen describe como está a situación actual do mercado a nivel de España, e tamén global, ademais de facer repaso por diferentes temas de actualidade como son o Acordo UE-Mercosur ou a feira Meat Attraction.
– A situación de escaseza de animais está a levar unha suba histórica nos prezos que se pagan en campo polo vacún de carne, tanto mediano como maior. Como valora esta situación do mercado? Canto tempo augura que se prolongará esta tendencia?
Agora mesmo o que temos é un desequilibrio brutal entre oferta e demanda. O consumo en fogares leva unha tendencia á alza nos últimos anos, o que produce un incremento na demanda. A restauración segue co seu alto consumo. E, a maiores, sumouse a demanda exterior, encabezada fundamentalmente por Alxeria.
Este país abriu o seu mercado a finais de febreiro, tras un período pechado por cuestións políticas, e de marzo a decembro saíron máis de 25.000 toneladas de carne con destino a este país, unha cifra moi significativa. Iso fai que sexa importante. Xunto con Alxeria, atópase Marrocos. Este país leva anos de seca severa que afectou á súa cabana interna, polo que necesitan comprar produto de fóra.
Hai que puntualizar que o vacún de carne, cando empeza unha tendencia é difícil cambiala. Agora estamos a observar unha tendencia decreciente, fundamentalmente en censos, a nivel europeo, e imos ver o que se tarda en recuperar efectivos. O problema vén desde a base, desde a vaca, se perdemos vacas non hai becerros, e se non hai tenreiros non hai carne. A conta está clara.
En dous anos, o prezo ao produtor duplicouse e está, segundo as categorías, máis preto dos 7 que dos 6 euros/kg
En España esta perda produciuse por diversos factores como pode ser a EHE, os períodos fortes de seca nalgunhas zonas de España en 2022 e 2023 e outros máis, algúns controlables, pero outros moitos non. Por iso, os produtores están a dedicar actualmente as femias a reposición, novillas e futuras vacas, pero ese proceso dura tres anos mínimo. Para falar de períodos, tamén nos debemos preguntar canto durará a demanda marroquí e alxerina ao ritmo que está actualmente.
A reflexión que podemos facer é que non se trata dunha situación conxuntural de España, é global. Europa está a perder vacas a un ritmo máis acelerado que España. Non somos capaces de responder o mercado tan rápido, como pode suceder cos pitos ou o porco. Necesítase tempo para conseguir carne de tenreira.
– Coincide coa visión do sector de que hai máis marxe para subir prezos en campo de vacún mediano e maior?
En dous anos, o prezo ao produtor duplicouse e está, segundo as categorías, máis preto dos 7 que dos 6 euros/kg. Pola contra, non teño claro que o prezo ao consumidor subise dunha forma tan forte, como sucede con outros produtos. Os prezos estabilízanse en toda a cadea e as marxes regúlanse.
– A actual situación de mercado levou a que os prezos no mercado xenérico de carne terminasen, polo menos temporalmente, co valor engadido que representaban estes selos para os gandeiros. Como ve a actual conxuntura?
Son firme defensor de que o mercado da carne debe buscar sempre unha agrupación, xa que ir por libre é un negocio de altísimo risco. A miña recomendación é agruparse, ben sexa nunha cooperativa, a través dun matadoiro que fidelice a produción, mediante integracións ou selos IXPs.
Desde o meu punto de vista, Ternera Gallega foi exemplo claro de como hai que facer as cousas, no sentido de unificar a produción e comercializala, ademais de ir mellorando todo o proceso constantemente. Nos momentos de bonanza, pódese pensar que por fóra deste amparo che darán máis, pero é moi perigoso isto, xa que a longo prazo traerá problemas.
Actualmente Polonia tamén subiu prezos e está a colocar parte dos seus produtos a mercados moi interesantes como é a turco
Tenreira Galega é exemplo para todo aquel que queira facer unha marca en vacún, porque foi capaz de axuntar vontades, produción e mellorar a comercialización, pensar que saírse dela é mellor, considéroo un erro.
– Están a aumentar as exportacións ao exterior, a que países principalmente, e en que medida afecta iso ao mercado interior?
En Marrocos e Alxeria creceron de maneira considerable, pero os nosos mercados de carne de sempre foron Portugal, Italia, Francia e Grecia. Son o catro países europeos aos que habitualmente exportamos carne. Aínda así, Alxeria lidera as exportacións en canto a carne a terceiros países e Marrocos en canto a animais vivos.
Esta situación é unha das pezas máis que deriva no desequilibrio entre oferta e demanda. O comercio está para iso. Igual que nós levamos carne a Alxeria ou Portugal, tamén vén carne de Polonia ou outras partes de Europa. Trátase dun tema estrutural.
Por exemplo, temos o caso de Polonia, que tradicionalmente era o subministrador de carne a baixo prezo para os mercados europeos. Actualmente este país tamén subiu prezos e está a colocar parte dos seus produtos a mercados moi interesantes como é o turco, que valoriza enormemente a carne de vacún europea.
– Hai unhas semanas que viaxaron cun grupo de exportadores españois de carne de vacún a un encontro con importadores marroquís, organizado xunto coa Oficina Económica e Comercial de España en Casabranca. Cal é o balance que realizan deste encontro?
Ante a declaración de Marrocos de incrementar as súas compras de produto a España, tanto de ovino como de vacún, así como a mensaxe que deu a finais de ano de liberalizar a entrada de carne, vimos a necesidade de facer este encontro.
Foi un encontro positivo e os exportadores cos que fomos móstranse moi satisfeitos, aínda que os resultados hai que valoralos nuns meses, cando se poidan cuantificar as compras de produto.
Este tipo de eventos serven para potenciar os negocios xa que, nun mercado como o árabe, poder coñecerse é importante para que leven a cabo.
Os países do Mercosur aproveitarán para introducir as pezas de maior valor e o efecto pode ser considerable no sector da carne
– A interprofesional estará un ano máis en Meat Attraction. Como se presenta esta edición?
Esta feira supón un gran beneficio para produtores, industria e comerciantes. Noutras edicións, de maneira unánime, constatamos que as firmas que asistiron conseguiron grandes beneficios e desexan volver en futuras edicións, por iso repetiremos. En Provacuno, calquera membro do sector da carne ten a súa casa para poder asistir a esta feira, onde poderán facer negocio. No caso da Interprofesional buscamos mostrar o produto aos visitantes, principalmente aos estranxeiros, e facemos unha campaña de visibilidade.
– Como cren que afectará o pacto Mercosur ao mercado da carne?
Indiscutiblemente vai a ter un efecto, pero nestes momentos o máis destacado é a falta de sensibilidade política respecto dun sector que se verá afectado. O que pasará é que estes países aproveitarán para introducir as pezas de maior valor e o efecto pode ser considerable. Non se trata da cantidade en bruto, senón do tipo de pezas que entren ao mercado europeo.
A UE-Mercosur fáltalle bastante percorrido, xa que só hai unha firma dun acordo, que estaba bastante claro que se ía a producir tras a vitoria de Trump, pero queda un período de negociación no que debemos observar como se producen os axustes.
Considero que hai un problema máis importante que nos deixou a Comisión Europea, como é a normativa de transporte dos animais. Este novo regulamento pode facer moito dano a España.