O presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, Jesús González Vázquez, salienta que as vendas desta carne de calidade xa se recuperaron trala caída provocada polo informe da Organización Mundial da Saúde (OMS), que vinculaba un exceso de consumo de carnes procesadas co aumento do risco de padecer cancro.
Jesús González reuniuse esta mañá na sede da Xunta co titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Á saída do encontro, o presidente da IXP Ternera Gallega recoñeceu que “cando saíu a noticia, houbo unha semana ou dúas un pouco complicadas pero a día de hoxe o consumo está practicamente recuperado”.
Neste sentido, Jesús González asegurou que esta recuperación das vendas debeuse a que “a poboación valorou moi positivamente que en Galicia se produce unha carne de máxima calidade, carne fundamentalmente fresca, mentres que o informe da OMS se refería a carne procesada”. “Ademais -engadiu-, creo que se os consumidores apostan por unha dieta variada e equilibrada, por produtos frescos e de calidade certificada, non debe haber ningún problema, e de feito España é xunto con Xapón, o país con maior esperanza de vida, e polo tanto non hai razón ningunha para alarmarse”.
Consolidación das exportacións de Ternera Gallega a Alemaña
Por outra parte, no encontro o presidente da IXP trasladoulle ao presidente da Xunta a necesidade dunha protección de calidade para o vacún maior que se produce en Galicia e presentou os proxectos de exportación de carne de Ternera Gallega, fundamentalmente a países de Centroeuropa
Neste sentido, Jesús González salientou que “estamos exportando xa a Alemaña, xa coa nosa carne na cadea de supermercados en Edeka -a maior do país- e estamos negociando con outra, con Rewe Group”.
Ademais, adiantou que “na primeira semana de decembro estaremos no país xermano facendo degustacións e presentacións de produto cos responsables das cadeas de distribución e pensamos que pouco a pouco iremos consolidando unha liña de mercado en Alemaña e que non descartamos estender a outros países da zona”.