Terceira semana consecutiva sen poxas de vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia volve quedar baleira polo paro dos transportes. Nas mesas de prezos do porcino continúan as subas no porco cebado e nos leitóns. Incrementos das cotizacións no mercado do ovo

Terceira semana consecutiva sen poxas de vacún en Silleda

Instalacións da Central Agropecuaria de Galicia sen gando debido ó paro de transportes.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca volveu quedar deserta este martes por terceira semana consecutiva debido ó paro dos transportes iniciado o pasado luns 14. Tanto vendedores como compradores non asistiron a esta sesión á lonxa debido ás dificultades para transportar o gando, pese a que a Central permaneceu aberta como nas semanas anteriores.

Debido á incidencia do paro, a Central activou a semana pasada un sistema de preinscricións do gando para xestionar a afluencia de gando nas primeiras xornadas nas que se reactive a actividade. Con este rexistro, na xornada deste luns dende a organización do mercado contaban xa que o paro tivera unha incidencia importante, xa que inscribíranse só algúns tratantes e gandeiros particulares, pero non o fixeran transportistas de servizo público, aqueles que transportan animais de distintas explotacións e que son os que aportan a maior parte dos exemplares á Central. Finalmente, este martes non se volveron celebrar poxas de vacún.

Mesa de prezos do porcino

Pese a que non houbo poxas de gando vacún, a Central Agropecuaria fixo públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Neste sector, unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns.

No porco selecto e o normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,445 e 1,420 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,078 euros e acadan un prezo de 1,844 euros o quilo. Os animais de descarte rexistraron unha suba de 0,06 euros e cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Nos leitóns, produciuse unha suba de 3 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 69 euros (cun prezo de 3,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 64 euros e teñen un prezo por quilo de 3,2 euros.

No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,1 euros para boa parte das categorías. Así os ovos da XL cotízanse a 2,18 euros a ducia, os da L a 1,94 euros e os da S a 1,54 euros. Mentres, os da categoría M experimentaron un incremento de 0,12 euros e acadan os 1,76 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,02 euros e pasan a cotizarse entre os 0,31 e os 0,38 euros por quilo.

Lonxa 29_03_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información