Por terceira semana consecutiva, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA (Silleda) rexistra o maior prezo medio da súa historia na categoría de becerros carniceiros. Se o pasado 15 de outubro fora de 1.273 euros e o pasado martes 22 de outubro se situou nos 1.311 euros, hoxe chegou aos 1.346 euros.
Segundo explican dende a organización, esta marca está favorecida, do mesmo xeito que nas dúas semanas anteriores, pola alza de prezos derivada da escaseza deste tipo de animais para consumo ante a súa alta exportación a países do Magreb.
En canto á afluencia de gando, na xornada de hoxe asistiron un total de 751 animais, dos cales foron adxudicados 682; unhas cifras moi inferiores á pasada semana. En canto aos prezos das demais categorías, houbo oscilacións.
Prezos do gando
A continuación, facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 101 euros, 21 euros menos que a pasada semana; os de 21 a 50 días a 152 euros, cun descenso de 29 euros, e os de máis de 50 días a 195 euros (-17 euros). En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 424 euros (-14 euros), mentres que as femias se venderon a 289 euros (-7 euros). Os de 21 a 50 días chegaron aos 461 euros (-50 euros) e as femias baixaron 49 euros e quedaron en 291 euros de prezo medio. Finalmente, os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 685 euros (-2 euros) e as femias de 459 euros (-37 euros).
Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial subiron 57 euros con respecto á poxa pasada e alcanzaron un valor medio de 1.430 euros; as femias baixaron ata os 1.125 euros (-34). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.453 euros de media os machos, o que supón un incremento de 27 euros, do mesmo xeito que as femias, que chegaron aos 1.224 euros (+27 euros). Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema subiron 19 euros e fixan unha media de 1.414 euros por animal.
No vacún maior houbo tan só unha baixada nos prezos da categoría de primeira, que caeu o valor medio en 26 euros e fixou un prezo de saída de 1.128 euros. Na categoría extra a suba foi de 151 euros e vendéronse a un prezo medio de 2.262 euros; na segunda, o incremento foi de 31 euros e saíron a 797 euros. Finalmente, na categoría de desfeito non houbo vendas. Os animais vendidos baixo o selo de Vaca e Boi de Galicia subiron o seu valor medio 144 euros, alcanzando un prezo de saída de 1.913 euros.
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino presentan baixadas con respecto á pasada semana. Así, houbo un descenso de 0,20 no selecto (1,605) e no normal (1,58); mentres que no de canle II a caída foi de 0,026 (2,052). O de desvieje cae en 0,03: 0,73/0,79.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa seguen nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e cun prezo por quilo de 2,75 euros.
O mercado do ovo, pola contra, presenta subas en todos os tamaños: os da XL cotizáronse a 3,12 (+0,02); os da L a 2,53 (+0,03); os da M a 2,24 (+0,07) e os da S a 1,94 (0,06) euros.
O prezo do coello sobe 0,05 e alcanza os 2,55 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).