
Álvaro, recollendo o premio como Mellor Mel da Montaña, o domingo pasado no Cádavo
Álvaro Álvarez Díaz representa a nova xeración de apicultores que está a tomar as rendas do sector en Galicia. No seu caso, a el venlle de tradición familiar, aínda que até fai 5 anos non pensara en ter colmeas.
“O meu avó xa tiña abellas e a min sempre foi algo que me gustou, pero que me daba medo”, admite. “Na pandemia fixen un curso de apicultura online e empecei con 4. A partir daí fun subindo pouco a pouco ano a ano até as 55 que teño hoxe”, conta.

Pico do Mel ten as colmeas en Paradela (Navia de Suarna), a 800 metros de altitude
Álvaro ten o colmear na aldea de Paradela, pertencente á parroquia de Galegos, en Navia de Suarna, a 800 metros de altitude, e produce un mel multifloral onde predomina o castiñeiro. Co que gañou no concurso da pasada fin de semana, celebrado no marco da Feira do Mel de Baleira, tiña un 87% de pode de castiñeiro.
O mel gañador ten un 87% de pole de castiñeiro
“Presentei o mel que saquei en agosto, que é cando está forte a floración de castiñeiro e saiu prácticamente monofloral”, conta. A Álvaro axúdalle a atender as abellas e a sacar o mel o seu pai Generoso e reparten a esmelga en dous días. Na segunda tandada, a que deixan para setembro, segue predominando o castiñeiro (máis do 80%), pero hai tamén aporte de silva e de froiteiras.
Manter ovínculo cos Ancares

Generoso, o pai de Álvaro, nas colmeas
As abellas son o vínculo que mantén a Álvaro en contacto co territorio e a xente da montaña. “Traballo nunha xestoría e teño a apicultura como hobbie, pero é algo que me obriga a ir alí. Disfrútoo moito e, ao ir co meu pai, é unha dobre satisfacción”, asegura.
Das súas 55 colmeas, sacaron este ano uns 800 kg de mel. “Eu pensei que este ía ser un ano moi bo, pero ao final quedouse en nada, porque en agosto secou todo e estiveron moi paradas”, explica. A súa media este ano achegouse aos 15 kg por colmea, pero outros anos baixa a 12 ou mesmo a 10. “Nas zonas máis baixas do concello pódense facer máis quilos por colmea, pero ao telas tan altas traballan menos”, di.
Produciron este ano 800 kg de mel, aos que dan saída a través da venda directa
Outra das cousas que Álvaro valora é o compañeirismo que di que hai no sector. “O bo da apicultura é que non compites con ningúen. Aquí en Navia hai moita afección e bastante xente nova. En cada aldea hai polo menos unha persoa con abellas e iso é moi importante para a biodiversidade e a polinización”, destaca.
O boca a boca e a venda directa é a súa principal estratexia de comercialización. Ademais de ir a pasada fin de semana á Feira do Mel de Baleira, acudiu a algunhas outras, como á do Páramo ou á de Lugo, organizada pola Asociación Provincial Lucense de Apicultura (APLA), á que pertence, Álvaro ten tamén o seu mel na tenda de Embutidos Suarna en Navia, un dos principais puntos de referencia que quedan na vila, e dase a coñecer a través das redes sociais.
Mel de calidade

Mel extraído en agosto, co 87% de pole de castiñeiro
Era o segundo ano que Pico do Mel se presentaba ao concurso comarcal de Baleira. O ano pasado xa quedara entre os 5 primeiros, pero Álvaro di que para el foi unha sorpresa o premio, que recibe con orgullo. “Sabía que pola nosa zona tiñamos un mel de moita calidade, pero agora quédame máis claro”, afirma.
Procuran facer un manexo natural o menos intervencionista posible e adaptado ás circunstancias da zona e á climatoloxía de cada momento. “Intento deixar sempre bastante comida na cámara de cría e ir a unha apicultura o máis ecolóxica posible, pero algún ano teño que alimentar no inverno”, conta.
O bo que ten a apicultura é que non compites con ninguén
A varroa e a velutina son outros dos problemas para ter abellas hoxe. “Coa velutina non sei o que imos facer. O ano pasado chegaron moi tarde, pero este ano cando saquei o mel en agosto xa empezaba a ter e en setembro xa había bastante. E a Administración non fai nada”, quéixase.
Álvaro asegura que “é algo que desanima moito, porque cando chega a velutina ves como che acaban co traballo de todo o ano”. O ano pasado tivo un 10% de montandade, pero fai dous anos morréranlle a metade das colmeas e pensou en deixar todo. Agora, o premio recibido faille esquecer eses malos momentos e anímao a continuar.
A VIII Feira do Mel de Montaña de Baleira destaca o valor do produto local
A pasada fin de semana, os días 25 e 26 de outubro, Baleira converteuse, unha vez máis, na capital do mel da montaña lucense coa celebración da VIII Feira do Mel de Montaña, un evento que volveu poñer en valor o traballo das persoas apicultoras, a calidade do mel da comarca e o papel deste produto como motor económico e identitario do territorio.
Durante toda a fin de semana, a veciñanza e visitantes puideron gozar de obradoiros, degustacións, música e actividades para todas as idades. Esta é unha cita que consolida a importancia do mel como símbolo da montaña lucense, combinando tradición, produto local e sostibilidade nun mesmo espazo.
Para o certame comarcal de meles nesta edición mandáronse 16 mostras ao laboratorio. Para pasar ao concurso de cata, esixíuselles aos produtores mellorar os parámetros oficiais establecidos pola IXP Mel de Galicia, que marca como humidade máxima no mel o 18% e dende o GDR Montes e Vales estableceuse o 17,5%, rango no que entraron 14 dos 16 participantes.
As normas para participar no concurso son esixentes en canto á calidade do mel e todas as mostras recibidas son enviadas a laboratorio
Tamén se fixo análise polínica, na que foi predominante o castiñeiro. Ao concurso presentáronse meles de moi alta calidade cunha garantía de frescura, xa que son meles non sometidas a quentado e isto garante todas as súas propiedades.
O domingo celebrouse tamén a entrega de premios da IV edición deste Concurso, que recoñeceu aos mellores produtores locais:
- 1º Premio: Pico do Mel, de Álvaro Álvarez Díaz (Paradela, Navia de Suarna)
- 2º Premio: Jesús Regueiro Mourín (Viladicente, As Nogais)
- Premio ao mellor stand: Mel A Ruta Primitiva, de Iago Dorado (Vilar dos Adrios, Baleira)
Entrega de premios do Concurso Pintameles
Ademais, entregáronse os galardóns do Concurso Pintameles, no que participaron escolares de diferentes centros de ensino establecidos do territorio do GDR:
Os nenos e nenas gañadores foron:
- David Rodríguez López (CPI Uxío Novoneyra, Pedrafita)
- María Quindós Pallares (CPI Cervantes)
- Hugo Álvarez Díaz (CEIP Plurilingüe Concepción López Rey, Baleira)
- Lía Castro Cabana (CEIP Plurilingüe San Xoán, Becerreá)
Para os dous primeiros colexios, o CPI Uxío Novoneyra e CPI Cervantes, tamén houbo un premio para viaxar e coñecer a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
A Feira, organizada polo Concello de Baleira e o GDR Montes e Vales Orientais, contou coa colaboración de ACD O Varal, Restaurante Moneda, Café-Bar A Marronda, Restaurante Neireo e Hotel Moneda.
O GDR3 Montes e Vales Orientais promove o desenvolvemento rural en 13 concellos da montaña lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñíz, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova e Ribeira de Piquín.
Galego









Control OJD