“Tentan levarnos ó individualismo e a que cada quen mire só polo seu”

O novo responsable de Vacún de Carne do Sindicato Labrego, Lois Varela, analiza nesta entrevista os retos do sector e cóntanos como traballa na súa explotación, en Palas de Rei

“Tentan levarnos ó individualismo e a que cada quen mire só polo seu”

Lois Varela na súa explotación, en Carteire (Palas de Rei, Lugo). / Imaxe: SLG.

Lois Varela Carreira, gandeiro de Carteire (Palas de Rei, Lugo), é desde este mes o novo responsable de vacún de carne do Sindicato Labrego Galego. Falamos con el para coñecer como traballa na súa explotación e para analizar os retos ós que se enfronta o sector.

A gandería de Lois Varela ten 34 vacas adultas de rubia galega e cruces, manexadas en extensivo nunha superficie de 40 hectáreas, sen contar pastos arbustivos e zonas de carballeira nas que tamén se alimentan os animais. Lois, que se incorporou á granxa no 2002, proxecta agora ir orientando o rabaño cara a raza limiá, á que lle ve maiores vantaxes para o seu caso concreto, como é a facilidade de manexo. A granxa está tamén na transición á produción en ecolóxico.

Como lembras a túa incorporación á gandería?
– Pois eu de sempre axudei na explotación que tiñan os meus pais e era algo que me gustaba como forma de vida. Incorporeime no 2002 nun intre de transición xeneracional, pois xubilábase meu pai, e xa levo 15 anos no sector e esperando que sexan moitos máis.

A vosa explotación caracterízase por un manexo en extensivo. Cóntanos como traballades.
– Os animais están fóra de xeito permanente. De día están nas parcelas de pastoreo e de noite baixámolos a unha finca que está ó lado do cebadoiro dos xatos. Os nosos xatos maman practicamente ata o sacrificio, así que sacámolos pola noite do cebadoiro, no que pasan os últimos dous meses, para que estean coas vacas. Xa de día, os xatos en cebo volven ó cebadoiro e o resto dos animais ós pastos.

Temos 40 hectáreas de praderías, todo a pasto, e facemos tamén ensilado de herba e herba seca. A millo practicamente non temos nada, salvo unha parceliña ó carón da horta que nos dá para cebar a algúns xatos.

Non é o voso caso, pero na gandería galega a falta de terra é unha cuestión recurrente. Como ves o problema?
– A falta de terra está sempre sobre a mesa, é unha das cuestións que analizamos estes días no Congreso de Vacún de Carne do Sindicato Labrego. Hai xente gandeira que non pode medrar ou que ten que usar máis silo de herba e herba seca por carencia de superficie.

“É certo que o eucalipto dá cartos, pero o que fixa poboación nas aldeas é a gandería. Cómpre facer unha reflexión de país”

Un dos aspectos do problema é o conflicto que hai entre a gandería e o sector da madeira, en especial o cultivo do eucalipto. Cómpre facer unha reflexión de país e buscar unha saída boa para as dúas partes, pero sobre todo para a xente labrega, que é a que fixa poboación nas aldeas. Nós apostamos por un rural vivo. É certo que o eucalipto dá cartos, pero non fixa poboación.

A forestación de terras agrarias ademais está prohibida, a pesar de que hai unha pasividade da Administración sobre esta cuestión. A ordenación do territorio é unha das eivas que temos en Galicia e pasan os anos e non se adoptan solucións.

Cando tivestes o Congreso de Vacún de Carne, comentabades tamén que unha das vosas principais preocupacións é o prezo. Que perspectivas vedes de futuro?
– Levamos xa uns 7-8 anos nos que o consumo de carne vai lixeiramente a menos e iso acúsase a nivel de prezos. O noso obxectivo de cara ó futuro, máis que en producir cantidade, debe estar na calidade. A perspectiva dos tratados de libre comercio con outros países, como o Ceta, son unha ameaza para as granxas familiares, pois pode entrar máis carne a prezos baixos.

“É importante contar cunha IXP como Ternera Gallega, pero gustaríanos que o consumidor percibise máis o valor da categoría Suprema”

Para nós é importante contar cunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) a nivel de país, como é Ternera Gallega, se ben tamén pensamos que debería haber unha maior diferenciación entre a Ternera Gallega Suprema, procedente das explotacións con vacas nutrices, e a Ternera Gallega normal, na que entra a produción intensiva dos cebadoiros. A Ternera Gallega Suprema é a que lle dá imaxe de calidade á IXP, pero esa diferenza non é percibida pola maioría da xente consumidora. Gustaríanos que houbera dúas marcas diferenciadas e que a xente teña claro o que merca.

Esa orientación da que falabas cara a calidade é un pouco o que estás tratando de facer ti a nivel particular na túa explotación, co paso á produción en ecolóxico?
– O paso á ecolóxico é por ideario de vida. A miña paixón sempre foi o mundo animal e a natureza. Doutro lado, a nosa granxa está nunha zona louseira, non moi produtiva, e máis que pola cantidade de quilos queremos orientarnos á calidade, pero é unha cuestión moi subxectiva de cada gandería.

“A raza limiá daranos máis facilidade nos partos e na cría de xatos. Cada gandeiro ten que valorar o seu caso e decidir o seu camiño”

Tamén queremos ir evolucionando o rabaño cara razas máis rústicas, principalmente a limiá, que dan menos rendemento, pero que teñen unha facilidade de manexo maior, tanto nos partos como na cría de xatos. Nós temos os xatos sempre fóra e se non saen espelidos ó nacer e non maman ben, é un problema. Estivemos facendo probas, inseminando con seme de vianesa e de limiá e estamos contentos dos resultados. A nosa idea é incorporar un touro de limiá e ir facendo a recría en base á raza pura de limiá.

Cada gandeiro ten que valorar o seu caso e optar por un camiño ou por outro. Como digo, é algo moi subxectivo de cada un.

Como estás a facer a comercialización na túa gandería?
– Vendémoslle a un tratante que comercializa sobre todo con carnicerías das Rías Baixas. De cara ó futuro, gustaríanos explorar a venda directa, se ben é unha alternativa que tamén ten as súas dificultades. Outra posibilidade é a de entrar na cooperativa Verín Biocoop, que agrupa principalmente a explotacións de razas autóctonas en ecolóxico.

“A única vía para ter unha voz con influencia é que cada un de nós sumemos nas nosas organizacións para facelas máis fortes”

Agora o teu traballo do día a día na granxa vas compatibilizalo co teu papel como responsable de Vacún de Carne do Sindicato Labrego. Como te decidiches a asumir esta tarefa?
-Cada un de nós pode ter os seus problemas particulares que ten que afrontar, pero a parte diso, eu son dos que pensa que se queremos cambiar algo as cousas, temos que apostar polo colectivo. Nos últimos tempos houbo un desprestixio das organizacións sindicais. Tentan levarnos ó individualismo e a que cada un mire só polo seu. Non debemos caer nese erro, debemos apostar polo colectivo e ser conscientes de que cada un de nós ten que sumar para lograr organizacións fortes.

É o único camiño para que os sectores do agro avancen e teñan voz con capacidade de influencia. O tema individual ou que xurdan determinadas asociacións en intres dados non é o camiño.

“Cando se toman medidas preventivas contra o lobo e continúan os problemas, hai que facer batidas”

Os problemas xerados pola fauna salvaxe, tanto lobo como xabarín, foi outro dos temas candentes no Congreso de Vacún de Carne do Sindicato Labrego. Lois Varela sinala a necesidade dun control do xabarín en zonas nas que haxa unha sobrepoboación e aborda tamén a cuestión do lobo.

En Palas, na súa gandería, nunca tiveron ataques do lobo, pero recoñece que noutras comarcas si se trata dun mal endémico. “Os gandeiros temos que adoptar as medidas preventivas que poidamos, como mastíns, peches de fincas, baixar ó gando a curros polas noites ou mesmo poñer burros que sirvan de alerta, pero se se esgotan as medidas preventivas e continúan os problemas, hai que facer batidas”, valora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información