Tensión entre partidarios e detractores do proxecto mineiro para terras agrarias de Ordes

Tensión entre partidarios e detractores do proxecto mineiro para terras agrarias de Ordes

O proxecto de explotación mineira de Erimsa para a comarca de Ordes está a provocar tensión entre os partidarios, sobre todo os traballadores da empresa, e os detractores do mesmo, cunha intensa campaña informativa sobre os propietarios dos terreos para que non presenten alegacións ante a Xunta.

Así se puxo de manifesto este martes pola noite na asemblea organizada en Xanceda polo Sindicato Labrego Galego, que lidera a oposición ao proxecto mineiro. “Erimsa enviou a un grupo de traballadores da planta de Frades a rebentar o acto, nunha estratexia de divide e vencerás. Entendo que eles defendan o seu posto de traballo pero tamén nos temos dereito a informar e os propietarios dos terreos a non cedelos nin a que se lles expropie”, explica Margarida Prieto Ledo, representante do Sindicato Labrego Galego na plataforma contraMINAcción.

Cos argumentos de que debe primar o dereito dos propietarios e de que a extracción de seixo mediante cribado das parcelas é prexudicial para as explotacións gandeiras e para o medioambiente, o Sindicato Labrego iniciou onte a recollida de alegacións ao proxecto de Erimsa entre os propietarios dos terreos.

“O compromiso de Erimsa non exclúe a posibilidade de expropiación”

En canto ao compromiso anunciado por Erimsa de renunciar á expropiación dos terreos e acadar únicamente acordos voluntarios cos donos das terras, Margarida Prieto advirte de que “non cabe a renuncia de dereitos expropiatorios non adquiridos aínda polo beneficiario da expropiación, e o documento asinado neste sentido só vincula ás partes asinantes ou a parte que unilateralmente se compromete a iso”. “Pero é un vínculo -engade- que non pode ser alegado, en caso de incumprimento, fronte á propia administración para evitar un expediente que remate coa expropiación de terreos”.

“En definitiva, a afirmación dunha renuncia pola empresa non exclúe a posibilidade de instar validamente un procedemento expropiatorio e obter así os terreos deste xeito”, advirte a representante do Slg.

As alegacións poderán presentarse no local do Sindicato Labrego en Ordes ou no bar Casa Mosquera, de Xanceda, dende hoxe ata o venres en horario de 19:00 a 21:00 horas. O prazo de presentación de alegacións, cuxo modelo se pode descarga aquí, remata o día 18 de abril.

O proxecto de Erimsa

A empresa galega, pero de propiedade norueguesa e chinesa, actuaría sobre 781 hectáreas nunha primeira fase -Erimsa rebaixa a 210 hectáreas-, xa en proceso de autorización, con posibilidade de amplialas ata un total de 6.721 hectáreas, principalmente leiras de concentración parcelaria en solo agrario de especial protección.

Afectaría a parcelas dos concellos de Mesía e Frades, principalmente, e en menor medida a Oroso e a Ordes.

O comité de empresa de Erimsa da planta de Frades mobilízase para convencer aos veciños

Pola súa parte, o comité de empresa da planta de Erimsa en Frades iniciou tamén unha recollida de sinaturas entre os veciños para que apoien o proxecto mineiro, como garantía de mantemento dos seus postos de traballo.

Velaquí o escrito:

COMITE_EMPRSA_ERIMSA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información