Tendencias nos mercados na UE: leite e vacún de carne apuntan a manterse en prezos altos

A Comisión Europea vén de publicar o seu último informe sobre as perspectivas no agro. En xeral, espérase para os próximos meses unha situación estable, a pesar das incertidumes que introduce a xeopolítica e a guerra tarifaria.

Tendencias nos mercados na UE: leite e vacún de carne apuntan a manterse en prezos altos

O último informe sobre as perspectivas dos mercados agrarios da UE apunta a que nos próximos meses continuarán as tendencias positivas para o leite e o vacún de carne. Hai incertezas a nivel global, por cuestións xeopolíticas, arancelarias e climáticas, pero salvo cambios bruscos, os datos pronostican uns meses tranquilos nas granxas europeas.

Leite: demanda forte, entregas estables e marxes positivas para as granxas

  • Prezos. Os prezos do leite continúan en niveis altos no campo, en liña cunha demanda estable nos supermercados e industrias alimentarias, malia a inflación experimentada nos prezos finais.

    O feito de que a demanda de produtos lácteos se manteña forte apoia incluso a perspectiva de prezos do leite no campo máis altos.
  • Marxes. Os prezos do leite no campo continúan estables na UE a un nivel por riba da media dos últimos anos (53,3 euros / 100 Kg. en maio). En paralelo, a Comisión apunta que os prezos dos fertilizantes se estabilizaron e baralla posibles baixadas do prezo do petróleo, cuestión máis impredecible pola xeopolítica global.

    Combinando estas perspectivas coas producións positivas de forraxes, espérase unha tendencia á alza nas marxes de beneficio para as granxas.
  • Entregas. Os primeiros meses do ano rexistrouse unha tendencia á baixa nas entregas de leite, pero a perspectiva é que o 2025 remate cunha produción practicamente idéntica á do 2024 (+ 0,15 este ano, na previsión da Comisión) .

    A nivel europeo, houbo boa dispoñibilidade de pastos na primeira metade do 2025 e espérase unha produción de forraxes por riba da media en calidade e cantidade. A tendencia dos rabaños é a reducirse (- 1%), pero o aumento nos rendementos (+ 1,2%) e nas entregas de sólidos (+ 0,2% en graxa e + 0,1 % esperado en proteína) compensarían esa redución.

    Por países, sen embargo, é de subliñar que as entregas pénsase que baixarán en mercados que exportan produtos transformados a España de xeito tradicional, como Alemania, Francia, Holanda e Bélxica. Ademais, nalgúns países, enfermidades como a língua azul tamén poden ter repercusión nos volumes de entregas, xerando incertidume.
  • Produtos transformados. A tendencia apunta a un aumento na produción de queixos e soros (+0,7%), en tanto a manteiga manterase estable e haberá reducións dos leites en po desnatado (- 1% ) e enteiro ( – 1,7%), por unha posición máis desfavorable na exportación. A forte competencia de Nova Zelanda en Asia, xunto con descensos das compras de China e Alxeria, empeoran as perspectivas para os leites en po.

    A nivel de exportación, os lácteos frescos e o soro son os que apuntan a un mellor comportamento no global do ano. En consumo interno, sen embargo, o capítulo de lácteos frescos presenta unha perspectiva negativa pola baixada de consumo do leite líquido, se ben a produción de iogur e nata mantén unha tendencia á alza.

Carne de vacún, as perspectivas apuntan a que os prezos históricos manteranse no 2026

  • Produción. O aumento de sacrificios no 2024 levou a un aumento da produción de carne de vacún, pero a diminución estrutural de rabaños fará que no 2025 os volumes de carne postos no mercado baixen un 1,3 %, segundo a previsión da Comisión, que advirte dunha posible caída maior no 2026.

    España sitúase entre os países con maior caída de produción (- 4,8%) no periodo xaneiro – marzo deste ano. Tamén Francia (- 4,1%) e Alemania (- 5,2%) presentan cifras similares.

  • Prezos. Os prezos do vacún de carne subiron un 30% no último ano, de xuño do 24 a xuño do 25, ata chegar a unha media de 6,63 euros / Kg. Con prezos históricos no mercado, espérase que as granxas produzan canais máis pesadas (+ 2% no peso dos animais), pero iso non será suficiente para compensar a caída dos rabaños.

    Os prezos do vacún de carne subiron un 30% no último ano, ata chegar a unha media europea de 6,63 euros / Kg.

    Así as cousas, as perspectivas para o 2026 apuntan a que o vacún de carne se manteña en prezos históricos.

  • Consumo. A carne de vacún está en niveis históricos de prezos, pero iso non semella afectar ó consumo, que se mantén estable, con 9,9 Kg. por persoa e ano para o 2025 (-0,9 % anual).
  • Balance comercial. Dado o suministro axustado e os altos prezos, as exportacións reduciranse no 2025 arredor dun 4%, en tanto as importacións aumentarán un 5%, sobre todo de carne conxelada procedente de Mercosur.

    No 2024, as exportacións europeas de carne de vacún aumentaron un 8,9%. Sen embargo, con menos carne dispoñible este ano, o comercio exterior reduciuse nun 7,6 % no periodo xaneiro – abril e a venda de animais vivos a terceiros países caíu un 26%, sobre todo no mercado turco.

    Esta situación sen embargo non afectou a España, que se beneficiou dun aumento das vendas de animais vivos a Marrocos.

    A perspectiva é que o ano remate cun – 4% nas exportacións de carne e cun – 10% nas vendas de animais vivos ó exterior a nivel da UE.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información