Tendencias no mercado lácteo: valorización da proteína, leite ecolóxico e a diferenciación pola calidade

O informe de perspectivas dos mercados agrarios elaborado pola Comisión Europea apunta posibles escenarios de evolución da produción europea ao longo da próxima década

Tendencias no mercado lácteo: valorización da proteína, leite ecolóxico e a diferenciación pola calidade

Os prezos do leite no campo en Europa evolucionarán lixeiramente á alza ao longo da próxima década, ata chegar ós 39 céntimos / Kg. de media no 2031, segundo o informe de perspectivas sobre os mercados agrarios que vén de presentar a UE. As previsións apuntan a que esa mellora virá impulsada polo aumento de gamas de lácteos con maior valor, como alimentos funcionais ricos en proteínas lácteas, o leite ecolóxico ou produtos con diferenciacións de calidade.

As previsións de mercado son positivas tanto a nivel europeo como internacional, onde se espera que a UE continúe sendo o maior exportador de lácteos. Na actualidade, Europa exporta arredor do 15% da súa produción de leite e calcúlase que nunha década esa porcentaxe chegará ó 17%. É un camiño, o do aumento das vendas domésticas e internacionais, que a Comisión considera que se debe basear en produtos ligados á crecente conciencia dos consumidores en torno á saúde e á sostibilidade ambiental.

Proteínas lácteas

En particular, espérase un ascenso do mercado de alimentos funcionais vinculados ás proteínas lácteas, co desenvolvemento de produtos para necesidades específicas (deportistas, envellecemento activo, alimentación clínica, leites infantís, etc.). Estas gamas favorecerán a demanda de proteínas lácteas, como o soro en po. Cómpre tamén ter en conta que a presenza de produtos vexetais ricos en proteína podería gañar peso (avea, améndoas, guisantes, etc.), mesmo fóra do mercado líquido de bebidas.

O informe da Comisión Europea ve ademais posibilidades de obter maior valor para a graxa láctea, se ben tamén advirte de que na UE, espérase unha redución do consumo total de graxas (animais e vexetais) ao longo da próxima década, o que freará o consumo de lácteos clásicos como manteiga e queixos. A exportación preséntase como a vía para compensar ese menor consumo dos lácteos graxos tradicionais.

Gandería ecolóxica

O leite ecolóxico representaba arredor do 3,5% da produción europea no 2019 e espérase que para o 2031 esa cifra medre ata o 8%. En calquera caso, a Comisión advirte de que ese crecemento debe ir acompañado dun mercado que estea disposto a pagar polos maiores custos que ten a gandería ecolóxica. O informe calcula que os gastos dunha granxa ecolóxica son un 18% superiores ós dunha granxa intensiva e un 3% maiores que o de granxas extensivas convencionais.

En paralelo ó aumento da agricultura ecolóxica, espérase un aumento do pastoreo. O sistema de produción de leite en pastos representa na actualidade arredor do 19% de toda a UE.

Outros sistemas de produción con menores custos que o ecolóxico pero tamén valorados xa en certos mercados europeos, como o do leite procedente de vacas alimentadas sen transxénicos, é outra das posibilidades que se poden desenvolver ao longo da próxima década, segundo o informe de perspectivas dos mercados agrarios.

Esquemas de calidade xa existentes

A creación de valor na cadea láctea poderá chegar ademais da man de esquemas de calidade xa existentes, en especial nos queixos. En Francia, que é un exemplo nese sentido, os produtos lácteos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida representan un 12,5% da produción láctea nacional. Se se compara ese dato co galego, onde as denominacións de orixe de queixo representan arredor dun 2% do leite, constátase o potencial de crecemento por esa vía.

Perspectivas de volumes e mercados

En consonancia coas maiores esixencias ambientais e o aumento da gandería ecolóxica, a Comisión prevé unha moderación do aumento da produción de leite na UE ao longo da próxima década, que podería rondar un 0,5% anual de crecemento, segundo os cálculos do informe.

Por gamas de produto, a nivel doméstico espérase un crecemento baixo do consumo de queixo, manteiga e lácteos frescos, pero cóntase que os aumentos de produción se poidan absorber polas exportacións.

Na produción de po, o leite en po desnatado manterá gran importancia exportadora, en tanto calcúlase que o soro en po e o leite en po enteiro terán maior demanda da industria alimentaria a nivel europeo. Espérase tamén que o leite ecolóxico poida ter saída non só en mercados domésticos, senón tamén nos internacionais a través de produción en po.

A demanda internacional de lácteos continuará medrando ao longo da próxima década, en especial en Asia e, en menor medida, en África. O aumento de ingresos e a occidentalización das dietas levan a esas perspectivas, segundo conclúe o informe da Comisión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información