Tendencias no mercado da madeira: cortas, prezos e ascenso do nitens

A Axencia Galega da Industria Forestal XERA vén de presentar o informe sectorial do 2023 e un avance do 2024. Santiago – Meseta interior destácase como o distrito forestal con maiores cortas en Galicia, impulsado polo eucalipto nitens, que por primeira vez supera ó globulus

Tendencias no mercado da madeira: cortas, prezos e ascenso do nitens

O director de XERA, Jacobo Aboal, na presentación do informe.

Tras un 2022 récord en cortas de madeira e facturación, impulsado pola alta demanda e prezos das coníferas, no 2023 e no 2024 moderáronse tanto as cortas como a facturación do sector en Galicia, pero manténdose en cifras altas. Así o 2023 pechouse con case 10 millóns de metros cúbicos de madeira cortada (10,8 no 2022), unha cifra de 10 millóns á que tamén apunta o 2024. En facturación, o 2023 rondou os 2.400 millóns de euros e o 2024 probablemente chegue ós 2.500.

Son as principais cifras que deixa o informe de coxuntura do sector da madeira que vén de presentar XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal. O documento, coa elaboración principal da Universidade de Vigo, analiza ademais as tendencias que presenta o sector e as perspectivas de mercado.

Un dato a destacar é o ascenso do eucalipto nitens no 2024, ata convertirse na principal especie forestal de Galicia en volume de cortas, co que supera por primeira vez ó eucalipto globulus (con datos a 31 de outubro), segundo expuxo na presentación do informe un dos seus autores principais, Juan Picos, subdirector da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo.

En paralelo ó ascenso do nitens, o distrito forestal Santiago – Meseta interior sitúase como o número 1 en cortas, con 1,2 millóns de metros cúbicos nos primeiros dez meses do 2024, en tanto que os tres seguintes distritos aínda non chegaban ó millón de metros cúbicos a 31 de outubro (Bergantiños – Mariñas Coruñesas, Ferrol – Ortegal e Mariña lucense).

Con todo, a costa norte galega continúa concentrando unha parte importante da actividade forestal da comunidade, pero coa progresiva entrada en corta das plantacións de nitens, gañan peso as zonas interiores da provincia da Coruña e de Lugo.

O eucalipto, como é habitual, concentra máis da metade das cortas anuais. No 2023 foron 5,6 millóns de toneladas por arredor de 3,7 millóns de toneladas de piñeiros (1,7 de piñeiro do país, 1,6 de piñeiro radiata e 300.000 de piñeiro silvestre, a parte de cifras menores doutras coníferas). As frondosas, como é habitual, manteñen un escaso aproveitamento industrial, con arredor de 300.000 metros cúbicos.

A Fonsagrada lidera no 2023 e no 2024 o ranking de concellos por volume de cortas, por diante de Ortigueira e O Pino

En piñeiro, destaca a provincia de Lugo, co caso singular de A Fonsagrada, que grazas ás coníferas sitúase como o primeiro concello galego en volume de cortas, con 212.000 metros cúbicos (180.000 de coníferas) no 2023. En segunda posición, e primeiro en eucalipto sitúase Ortigueira, seguido do concello do Pino, ambos na Coruña.

Estes mesmos tres concellos apuntan a repetir como líderes do ranking de cortas do 2024.

Nas táboas de concellos con máis cortas no 2023 e 2024, cólanse tamén municipios con menor tradición madeireira, pero que afectados polos incendios do 2022, tiveron que retirar gran cantidade de madeira do monte nuns meses. É o caso de concellos das comarcas do Courel, Valdeorras e Macizo Central de Ourense, como Folgoso do Courel, Quiroga (Lugo) ou Laza e A Pobra de Trives (Ourense).

Son cortas en moitos casos procedentes de montes de xestión pública (montes veciñais con convenios coa Xunta). De feito, no 2023, e en menor medida no 2024, disparáronse as poxas de lotes de madeira de montes veciñais.

Os prezos medios das poxas de lotes nos montes de xestión pública mantéñense en cifras récord, no entorno dos 45 euros / metro cúbico

A boa noticia é que, malia o aumento da oferta de madeira de montes de xestión pública, os prezos das poxas de madeira mantivéronse en máximos dos últimos anos, por riba dos 45 euros / metro cúbico, algo que é especialmente salientable, pois en moitas comarcas do oriente de Lugo e Ourense as cortas centrábanse en masas afectadas polo lume.

Inventario Forestal Continuo e seguemento de cambios de especies
Xunto coa análise das cortas, o informe inclúe os últimos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, no que se manteñen cifras de superficies similares ás xa coñecidas: 419.000 hectáreas de eucaliptos (+1,4%), 446.000 de piñeiros (+4,1%) e 628.000 de frondosas (-0,9%), para unha superficie arborada total de 1,5 millóns de hectáreas.

Os datos están suxeitos a marxes de erro, pois en especial tras unha corta, resulta complicado nos primeiros anos identificar a especie que se planta no monte. Picos puxo o exemplo dunha parcela de coníferas que se cortou no 2020 e que no 2021 e no 2022 se consideraba no Inventario como unha parcela de piñeiros en rexeneración, ata que no 2023 xa se constatou que a especie plantada é eucalipto.

Obsérvanse cambios de especie de parcelas de piñeiro a eucalipto. Poderanse identificar as parcelas que incumpran a moratoria

“Observamos que hai cambios de coníferas a eucalipto, agora ben, están infrinxindo esos cambios de especie a moratoria do eucalipto?. Non sempre, pois no caso anterior, por exemplo, o cambio de especie produciuse antes da moratoria do eucalipto (xuño do 2021), pero non o detectamos ata o 2023”, expuxo.

Outra cuestión a ter en conta é a marxe de erro do Inventario Forestal Continuo. “Rastrexamos vía satélite un total de 17 millóns de parcelas forestais, con pixeles de 10 metros de ancho, polo que é lóxico que teñamos erros”, advertiu Picos.

Tendencias de mercado
As perspectivas do mercado preséntanse en principio positivas, tanto en coníferas como en eucalipto, se ben sen grandes picos de prezos. En piñeiros, tralas cifras récord do 2022, que se moderaron nos dous anos seguintes, a tendencia a nivel internacional apunta a unha estabilidade nos prezos altos do último ano, segundo as pespectivas de Estados Unidos para madeira aserrada expostas por Picos.

En eucalipto, o prezo da celulosa repuntou no segundo trimestre do 2024, pasando dos 600 euros con que arrancou o ano a máis de 700 euros / tonelada, pero no terceiro trimestre moderáronse esas cifras, manténdose igualmente en valores altos (679 euros / tonelada).

Outro mercado secundario a analizar é o dos pellets, que tras o gran pico de prezos do 2022, consecuencia da guerra de Ucrania, tende a baixar de prezo por baixo dos valores previos do 2021.

Perfil de parcelas
A presentación do informe de conxuntura contou cunha parte descriptiva do perfil dos propietarios forestais que cortan madeira e do perfil das parcelas forestais, en función da súa aptitude técnica e legal para a corta. É un traballo que fixeron a Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística en base a unha mostraxe de parcelas.

Un 25% das cortas en Galicia fanse en parcelas que presentan unha aptitude técnica – legal que é desfavorable

“Se consideramos a aptitude técnica dunha parcela para a corta en función da pendente, o seu tamaño e a distancia a cargadeiro, temos arredor dun 40% das parcelas en situación desfavorable ou moi desfavorable. Non son imposibles de cortar, pero a súa situación terá impacto no prezo que se lle oferte ó propietario e na demanda”, explica Picos.

Tendo en conta conxuntamente o criterio de ubicación e o criterio legal de volume de afeccións administrativas, que dificultan a corta (Augas, Patrimonio, Camiño de Santiago, etc.), son desfavorables un 25% das cortas que se fan en Galicia, con arredor dun 40% da superficie forestal.

O nitens plantado no interior da Coruña e Lugo, en parcelas máis chas e de maior tamaño, é probablemente a especie que presenta circunstancias máis favorables ó aproveitamento, en tanto no extremo contrario están as parcelas de frondosas da montaña de Lugo e Ourense.

Un 44 % de propietarios forestais de difícil localización

O Instituto Galego de Estatística fixo un traballo centrado na caracterización dos propietarios forestais. Unha primeira conclusión é que hai unha maioría de pensionistas e de propietarios de difícil localización, ben por estar fóra de Galicia (14%), ben por figurar no Catastro persoas mortas como titulares (9%) ou ben por carecerse de NIF identificativo do propietario (15%).

O relevo xeneracional no monte e a actualización do Catastro preséntanse como dous grandes desafíos

O pensionista é o titular máis común nos montes de eucalipto, seguido das persoas traballadoras. En montes de piñeiro, a principal titularidade corresponde ós montes veciñais, en tanto que en frondosas, nas parcelas máis desfavorables para a corta, o máis habitual son os propietarios de difícil localización.

Os datos apuntan a un dobre desafío, o do relevo xeneracional no sector forestal e o de correxir o Catastro para afinar o perfil real do propietario forestal galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información