Galicia mantén o equllibrio da súa cadea forestal – madeira nun contexto internacional complicado, marcado polo aumento de custos enerxéticos, as ameazas arancelarias de Estados Unidos e os encarecementos inflacionarios dos últimos anos.
O informe galego da cadea forestal – madeira 2025, elaborado pola Universidade de Vigo para a Axencia Galega da Industria Forestal XERA, revela que a comunidade se mantén preto dos 2.500 millóns de euros de facturación total, igual que nos dous anos anteriores, e acadou un volume de cortas no 2025 de 10,7 millóns de metros cúbicos, mellorando cifras dos últimos exercicios (9,4 millóns no 2024), aínda que sen chegar ó récord do 2022 (11 millóns).
O único matiz a facer nas cifras é que no volume de cortas do 2025 hai que ter en conta os arredor de 700.000 metros cúbicos de madeira procedentes dos lumes do verán pasado, principalmente de Ourense e, en menor medida, do sur de Lugo.
As cortas disparáronse en Ourense polos lumes do 2025, con arredor de 700.000 metros cúbicos de madeira queimada retirada do monte
“É un dato positivo que esa madeira se mobilizase no mesmo ano dos incendios e non quedase no monte deteriorándose, pero tamén representa un problema de cara ó futuro, pois é madeira que probablemente se tivo que cortar antes de fin de turno e que deixará un baleiro no mercado futuro”, valora o profesor Juan Pîcos (Escola de Enxeñaría Forestal UVigo), coordinador do informe.
Reparto das cortas por especies
Do total de madeira cortada en Galicia, algo máis da metade corresponde a eucalipto (5,6 millóns de metros cúbicos), outros 4,2 millóns de metros cúbicos a coníferas, 230.000 metros cúbicos a frondosas caducifolias e a parte restante principalmente a mesturas de coníferas e frondosas.
Principais distritos forestais en eucalipto
As cortas de eucalipto teñen como distrito líder a Santiago – Meseta Interior, que consolida a tendencia dos últimos anos e chega a 1,2 millóns de metros cúbicos talados, cun crecemento do 24% nos últimos cinco anos.
Mantense tamén forte Bergantiños – Mariñas Coruñesas, con 894.000 metros cúbicos, en tanto continúan a perder progresivamente importancia os que eran os bastións tradicionais de eucalipto, como Ferrol, con 764.000 metros cúbicos e unha caída do 20% das cortas nos últimos cinco anos, e a Mariña lucense, con 748.000 e unha caída de case o 14% desde o 2021.
Soben as cortas de eucalipto en Santiago – Meseta interior e baixan na Mariña lucense e Ferrol, unha tendencia que se demostra consolidada
“É unha tendencia consolidada -sinala Picos- que probablemente teña que ver coa competitividade das explotacións, cunha maior facilidade de mecanización nos distritos interiores e quizais con cambios xeneracionais”.
¿Hai perigo a un certo abandono do monte en zonas con orografía complicada e parcelas pequenas?. ”A realidade é que o centro de gravidade das cortas de eucalipto tende a ir máis ó sur e a pregunta é que facer. Hai que ver os factores que están detrás do descenso de cortas na Mariña lucense e Ferrol e ver se teñen solución, con agrupacións de propietarios ou outras fórmulas, pois unha tendencia a un certo abandono do monte é preocupante. No lado contrario, nos distritos que aumentan cortas de eucalipto, hai que valorar tamén se non houbo unha sobreplantación”, analiza Picos.
Ránking das cortas de piñeiro
O piñeiro mantén unha tendencia á baixa das cortas na maioría de distritos forestais, coa principal excepción este ano da provincia de Ourense, que medrou en 700.000 metros cúbicos no 2025, a maioría procedente dos lumes, para chegar a un total de pouco máis dun millón de metros cúbicos.
O impacto dos lumes foi tal que o distrito de Verín – Viana, con 560.000 metros cúbicos, situouse como o número 1 de Galicia en piñeiro.
Séguelle Lugo – Sarria, con 518.000 metros cúbicos, pero cunha caída do 21% nos últimos anos, un terreo que gañan nese distrito as cortas de eucalipto.
Os tres seguintes distritos forestais en importancia son todos de Lugo: Terra de Lemos (482.000) – tamén con parte da madeira afectada por lumes-, Terra Cha (436.000) e A Fonsagrada – Ancares (395.000).
Por especies de coníferas, en Lugo destaca o piñeiro radiata, con máis de 1,4 millóns de metros cúbicos nas cortas (dun total galego de 1,8 millóns de metros cúbicos), en tanto do piñeiro do país córtanse en Lugo pouco máis de 400.000 metros cúbicos e do piñeiro silvestre, propio das zonas de montaña, algo máis de 30.000.
“É probable que parte das cortas de piñeiro radiata en Lugo sexan en zonas afectadas pola banda marrón ou vermella, pero é un factor que en xeral non queda rexistrado, pois a maioría das cortas de coníferas de particulares tramítanse por declaración responsable, sen necesidade de especificar o motivo da corta”, explica Picos.
É de destacar que tanto en Lugo como en Pontevedra as cortas de piñeiro mantéñense lixeiramente por riba das de eucalipto: 2 millóns de metros cúbicos de piñeiro por 1,6 de eucalipto no caso de Lugo, e en Pontevedra 720.000 de coníferas por 567.000 de eucalipto.
En Ourense a penas hai eucalipto e na Coruña o eucalipto representa arredor do 75% das cortas.
As frondosas caducifolias, pola súa banda, continúan sendo irrelevantes a nivel de volume en aproveitamento industrial, máis alá do seu uso para leñas domésticas.
“A madeira é unha industria tractora para a transición ecolóxica”
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, destacou hoxe en Santiago, a achega económica e laboral do sector forestal-madeira que supera as 3.300 empresas e xa representa o 1,7 % do PIB galego, así como un 4% do comercio exterior e intracomunitario de Galicia.
Ademais, apuntou que se trata dunha industria tractora para avanzar cara a descarbonización e a transición verde, posto que a madeira xoga un papel estratéxico como material clave para a transición ecolóxica.
Durante a presentación do informe, o director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal sinalou que o Goberno galego está a estruturar a súa política forestal-industrial en base a dous instrumentos fundamentais e que son o Plan Forestal de Galicia e o Plan Director do Sector Forestal-Madeira que “busca reforzar a dixitalización, a sustentabilidade, a competitividade, a innovación, o investimento industrial e o talento”, dixo.
Neste sentido, o compromiso da Xunta coa industria forestal -indicou- é claro: “Mostra disto é que entre 2018 e 2026, o Goberno galego destinou 110,5 millóns de euros para axudas ó sector, o que supuxo un investimento inducido de 200 millóns”.
O mercado encara incertidumes a curto prazo, nun horizonte no que o sector forestal se consolida como estratéxico
Os desafíos económicos e de mercado para o sector forestal – madeira continúan a ser importantes no curto prazo, se ben a medio prazo o seu papel como estratéxico consolídase, no marco da bioeconomía e da transición climática.
“Logo dos bos momentos do 2021 e 2022, o mercado internacional resentiuse por unha certa desaceleración económica e factores como a inflación, a suba de tipos ou unha menor actividade de construción -sinala Picos-. A boa noticia é que a cadea forestal – madeira de Galicia aguantou e mantivo unha certa estabilidade, con bos números de facturación en todos os subsectores” (corta, aserrado, segunda transformación, pasta e celulosa, biomasa).
A mellora dos parámetros económicos no 2025 (inflación, xuros) mellorou o escenario internacional, cun escenario europeo que se beneficia tamén de tendencias como os apoios públicos á economía circular e á construción sostible.
Crise enerxética
O peche do estreito de Hormuz está a xerar nas últimas semanas unha escalada no prezo dos carburantes que ten un impacto directo sobre toda a cadea forestal, especialmente na corta e transporte de madeira.
“Cando os prezos enerxéticos se incrementan de forma abrupta, redúcese a rendibilidade das curtas en masas forestais máis afastadas ou con menor valor, o que podería provocar unha certa contracción da oferta de madeira no mercado”, valórase no informe.
Outro efecto a ter en conta da guerra de Irán é o impacto nunha menor actividade construtiva nos países do Golfo Pérsico, nos que as empresas galegas de ‘contract’ estaban operando no suministro de mobiliario a proxectos residencias e hoteleiros.
Aranceis de Estados Unidos
En outono do 2025, Trump fixou uns aranceis do 10% para a madeira serrada e dun 25% para o mobiliario. Esas taxas foron despois suspendidas cautelarmente, pero áinda non hai unha decisión final, o que xera incertidume no mercado.
Se se aplicasen eses aranceis, os fabricantes perderían competitividade e reduciríanse marxes, á vez que se reconfigura o mercado global, podendo chegar máis oferta a Europa.
Regulamento de deforestación
Outra cuestión a ter en conta no sector é o regulamente europeo de deforestación, que acumula sucesivos retrasos e que non afectará só a madeira, senón tamén á soia para alimentación animal e a outros cultivos agrícolas.
“Galicia ten os deberes feitos en canto á trazabilidade da madeira, pois fixo un esforzo importante en xeorreferenciar as cortas e en dixitalizar procesos. En todo caso, hai que manter esa liña e estar preparados para cando o regulamente se aplique”, subliña Picos.
Galego










Control OJD