Tendencia positiva no mercado internacional de lácteos

Tendencia positiva no mercado internacional de lácteos

Leite en po. / Arquivo.

O ano remata cunha lixeira tendencia positiva no mercado internacional de produtos lácteos. O Global Dairy Trade, a subasta organizada pola neozelandesa Fonterra, pechou as súas dúas subastas de decembro con subas na maioría de categorías de produto, en tanto en Europa, os datos do Observatorio Lácteo reflicten lixeiras subas no leite en po desnatado, estabilidade nos queixos e unha pequena baixada da manteiga, que non obstante, continúa manténdose en niveis altos de prezos -atendendo a súa serie histórica-, no entorno dos 340 euros / 100 Kg.

No campo, o prezo do leite subiu en outubro en Europa, situándose nunha media de 35 céntimos, mentres que o prezo do leite equivalente, baseado no leite en po desnatado e na manteiga, asenta a súa recuperación da última parte do ano, pois remontou desde os menos de 28 céntimos do verán ós 31,9 céntimos con que afronta a recta final do ano.

A preocupación no campo sitúase estas últimas semanas nos custos de produción, principalmente nos pensos. O Observatorio do Mercado Lácteo da UE reflectía unha suba de custos en novembro que rondaba o 2%, pero este último mes os datos apuntan a unha baixada de custos dun 1,1%. Os custos que ascenden son os enerxéticos nun 2,7%.

Así as cousas, o inverno arranca con estabilidade, cunha lixeira tendencia positiva no mercado. Queda por ver agora que ofertas comezarán a trasladarlle as industrias lácteas ás granxas nos próximos meses, pois en breve iniciarase o periodo de renovación de contratos.

O ano en xeral pódese considerar positivo para a maioría de industrias que operan no mercado estatal, pois se ben o coronavirus reduciu o consumo de lácteos en hostelería, aumentou sensiblemente o consumo doméstico, sobre todo en categorías nas que é forte a industria galega, como o leite envasado. A nivel europeo, a produción de leite envasado medrou por riba do 3% no último ano, remontando a tendencia descendente das últimas campañas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información