Tendencia ó repunte no prezo do leite no campo

Tendencia ó repunte no prezo do leite no campo

Sala de muxido. / Arquivo.

Os últimos datos sobre os prezos do leite no campo confirman un lixeiro repunte no mes de xullo. En Europa, as estimacións apuntan a unha suba de 0,2 céntimos en xullo e en España os datos do Ministerio confirman unha suba similar, pois o prezo medio pasou dos 33,2 céntimos de xuño ós 33,4 do mes seguinte. En Galicia, sen embargo, non houbo variación no prezo e continúa, sen cambios, en 32,5 céntimos de media.

De cara a próximos meses, a situación de mercado preséntase positiva, cunha tendencia á alza nos prezos dos produtos lácteos industriais. A nivel europeo, no último mes subiron tanto a manteiga, que volve estar por riba dos 400 euros / 100 Kg., como o leite en po desnatado, que sobrepasa os 250 euros / 100 Kg.

En España, espérase tamén que os movementos que iniciaron as cadeas de supermercados para subir o prezo do leite de marca branca teña a súa repercusión no campo, onde as granxas están presionadas pola suba dos custos das materias primas, en especial do penso.

Entregas
A produción de leite aumentou en España un 2,4% no mes de xullo, o maior aumento no que vai de ano, que mantiña ata o de agora unha tendencia xeral negativa. Co aumento de produción de xullo, por primeira vez o acumulado de produción do 2021 supera ó do mesmo periodo do ano anterior. Galicia, como é habitual, destaca por ser a comunidade con maiores aumentos de entregas, que se situaron en xullo nun 4% en relación ó mesmo mes do pasado ano.

En calidades do leite, Galicia mantense entre as comunidades de cabeza a nivel estatal. En graxa situouse en xullo nun 3,70, fronte ó 3,63 da media española. Só o País Vasco, con 3,75, supera a Galicia. En proteína, Galicia tivo un 3,27, por unha media estatal de 3,25, e de novo sitúase como a segunda a nivel estatal, só superada por Canarias (3,44), cun sector lácteo residual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información