Os prezos do leite no campo manteñen unha tendencia positiva, en consonancia coa boa evolución do mercado internacional de produtos lácteos. En España, os prezos no campo en outubro situáronse en 48,6 céntimos (+ 0,6 céntimos en comparación co mes anterior), en tanto en Galicia a media foi de 46,3 céntimos, segundo o último informe do Ministerio.
As entregas de leite en España continúan á alza, con + 1,4% en outubro en comparación co mesmo mes do ano anterior, para unha suba acumulada no total do ano de 1,6%.
En Europa, a previsión é dun prezo medio para outubro de 50,2 céntimos, cunha suba acumulada de preto de 3 céntimos entre setembro e outubro. É un prezo medio similar ó do conxunto de España sen contar a Galicia. Entre as comunidades veciñas, Asturias sitúase en outubro en 51,3 céntimos, Castilla y León en 50, Cantabria en 49,3 e País Vasco en 52,9 céntimos.
Nos países veciños, Francia sitúase en 49,5 céntimos de media e Portugal en 43,6 céntimos, co que presenta na actualidade o terceiro prezo máis baixo de toda a UE-27.
Europa atravesa por unha boa situación de mercado, con prezos do leite á alza no campo e unha produción contida (+ 0,1% no conxunto do ano, descontando o día de ano bisiesto de 2024).
Queixos, manteiga e leite en po
Nos produtos lácteos, a manteiga continúa en cotizacións récord, cunha suba acumulada nas últimas catro semanas de + 0,5%, pero o máis destacado é que no mesmo periodo, a maioría de queixos (edam, cheddar, gouda) e os leites en po desnatado e enteiro subiron as cotizacións entre un 3 e un 4,5%. Só o queixo enmental se mantén estancado.
A nivel de exportacións europeas, destaca o bo comportamento dos queixos (+1%) no periodo xaneiro-xullo. Tamén aumentaron os soros en po (+9%) e o leite condensado, en tanto baixaron o leite en po desnatado (-8%) e a manteiga (-2%). No conxunto de lácteos, as exportacións europeas baixaron un 4% en volume, pero só un 1% en valor.
Nos outros grandes países produtores, a tendencia do último mes é de aumento de produción de leite, tanto en Nova Zelanda como en Australia e Estados Unidos, en tanto o mercado de produtos lácteos presenta altibaixos nas distintas gamas.