As cotizacións dos produtos lácteos industriais están a repuntar este verán en Europa. Os datos do Observatorio Lácteo Europeo apuntan a un aumento xeralizado de prezos nas últimas catro semanas.
Durante ese periodo, a manteiga subiu un 2,5 % e cotiza xa a 675 euros / 100 Kg. Vai camiño así de achegarse ó seu récord histórico, cando superara os 700 euros, hai un par de anos. O leite en po desnatado tamén subiu, neste caso un 1,6%, aínda que segue en cotizacións baixas (241 euros / 100 Kg.).
Con todo, o prezo do leite equivalente, en base a manteiga e leite en po desnatado, volve a superar ó prezo do leite no campo, o que sucede por primeira vez nos últimos meses. Así, a media europea de prezos no campo situáse en 46,2 céntimos en xullo (España, 46,4), en tanto o leite equivalente cotiza a 48,5 céntimos.
Outros produtos lácteos industriais, como leite en po enteiro, e en menor medida os queixos, tamén tenderon a alza nas últimas semanas.
En comparación con hai un ano, o principal cambio está na manteiga, que se encareceu un 49%, en tanto o leite en po desnatado subiu un 5% e os queixos unha media de arredor do 4%.
O bo momento de mercado percíbese tamén noutros indicadores, como o leite spot (cisternas) en Italia, que se sitúa en 59,5 céntimos tras un inicio de ano a pouco máis de 40 céntimos.
O índice de prezos da subasta de Fonterra (Nova Zelanda) tamén repuntou 0,5% na sesión de inicios de agosto, se ben con lixeiras baixadas en manteiga e leite en po, e subas en leite en po enteiro, queixo cheddar e lactosa.
Comercio internacional
Nos datos de mercado internacional, a UE nos primeiros catro meses do ano aumentou as súas exportacións de queixo (+2%) , en tanto reduciu as de leite en po (-5%) e manteiga (-3%). En consonancia con eses datos, a fabricación de queixos aumentou na UE un 3,9% nos primeiros meses do ano, en tanto baixou a transformación de leite en manteiga (-2,2%) e leite en po desnatado (-1,5%).
Este ano, as entregas de leite en Europa no periodo xaneiro – maio subiron un 1%, en comparación co pasado exercicio. Eses maiores volumes destináronse a queixos, leite líquido, iogures, nata e leite condensado.