Ten solucións a crise do sector lácteo?

O acordo adoptado en Francia entre gandeiros, industria e distribución para aumentar o prezo do leite en orixe en 4 céntimos abre o debate sobre se tamén é posible unha saída negociada en Galicia e no resto do Estado

Ten solucións a crise do sector lácteo?

O sector atravesa unha das cíclicas crises de prezos, similar á do 2009.

A maioría dos axentes do sector coincide nunha análise común da crise de prezos do sector lácteo, que ten dimensións europeas e internacionais, pero con particularidades en Galicia. Onde non hai acordo é sobre se esa crise pode ter unha solución negociada a curto prazo ou a única solución pasa por agardar a un cambio de ciclo do mercado internacional. Esa é a primeira cuestión a abordar, que no fondo, englóbase nunha pregunta máis xeral e que se formula con frecuencia nestes tempos. Poden (e queren) os gobernos gobernar a economía ou son os axentes económicos os que teñen a sartén polo mango?

A segunda cuestión a xestionar, con vistas no medio prazo, pasa por preguntarse se é posible evitar que a seguinte crise de prezos colla de novo nas mesmas a todo o sector lácteo. Os actuais problemas serviron alomenos para revelar que gandeiros, industrias, distribución e políticos chegaron ó fin das cotas lácteas cos deberes sen facer, con responsabilidades compartidas en maior ou menor medida por parte de todos.

Jesús Lence protagonizou onte unha nova saída de tono: “Os gandeiros maniféstanse porque lles gusta a festa”

As acusacións recíprocas, como as vividas onte no Parlamento de Galicia nun esteril debate de 2 horas entre a conselleira de Medio Rural e a oposición, ou saídas de tono, como a de onte de Jesús Lence (Leite Río), que asegurou en declaracións a unha radio que os gandeiros se manifestan porque “lles gusta ir de festa”, pouco axudan a poñer negro sobre branco.

1) É posible un acordo entre gandeiros, industria e distribución que mellore o prezo en orixe do leite?

Francia vén de adoptar un acordo, con mediación gubernamental, para subir 4 céntimos o prezo do leite en orixe de aquí a final de ano, con subas paralelas nas marcas brancas da distribución. O Goberno español dubida da legalidade do acordo, cuestión que trasladou á Comisión Nacional da Competencia e á Comisión Europea. Entre tanto, en Galicia a Consellería do Medio Rural sempre mantivo a postura de que os acordos de prezos son unha responsabilidade que atinxe a dous actores privados, gandeiros e industrias, non á Administración.

En calquera caso, os problemas que atravesa o sector levaron á Administración galega a tratar de mediar na crise, pero atopouse a comezos de xullo con que as industrias se negaban nun primeiro momento a sentarse a falar de prezos coas organizacións agrarias, alegando un suposto temor a posibles multas de Competencia.

Chama a atención que en Francia se cheguen a acordos con luz e taquígrafos e que en Galicia as industrias non queiran nin conversar

Cando menos, chama a atención do sector que en Francia, onde as industrias tamén foron recentemente multadas por Competencia, se chegue a acordos de prezos con luz e taquígrafos, e que aquí en Galicia non houbese ata o de agora nin tan sequera as conversas entre as partes que se daban noutras épocas. Para hoxe, a Administración autonómica ten convocado un segundo intento de achegamento entre as partes (industrias, gandeiros e distribución), nunha convocatoria presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

O Ministerio de Agricultura de España, que si estivo xestionando nos últimos meses numerosas reunións entre os distintos actores, tampouco logrou avances significativos nos problemas do sector. Agricultura ten convocada unha nova reunión entre todas as partes para o 18 de agosto co fin de abordar posibles compromisos mutuos.

2) Son posibles mecanismos de intervención públicos que eviten o desplome dos prezos no mercado europeo?

O fin das cotas foi a medida máis visible do fin da regulación do mercado lácteo en Europa, pero os expertos estaban tan ou máis preocupados pola eliminación na práctica da rede de seguridade pública en situacións de crise. O prezo de intervención para o leite en po sitúase nos 16,8 céntimos por quilo, un valor aínda por baixo do prezo actual do leite en po no mercado europeo –o menor desde 2009-, o que revela a inutilidade actual do sistema de intervención.

En setembro, os ministros de Agricultura revisarán a rede de seguridade pública ante crises, que se demostrou inútil

O 7 de setembro hai unha reunión dos ministros de Agricultura da UE na que se abordará, entroutras opcións, a posibilidade de subir os prezos de intervención, unha decisión que permitiría sacar excedentes do mercado a través da compra pública, o que podería contribuir a unha recuperación das cotizacións.

3) Que é preciso para que se garanta a recollida de todo o leite producido?

Nos últimos meses, a industria galega tivo problemas para absorber os leves aumentos de produción que se xeraron en Galicia co fin das cotas. Esa situación levou a que quedase leite sen recoller no campo e a que parte da produción se estea vendendo a prezos de leite en po, no entorno dos 18 céntimos.

Tal situación, ademais de ser indicativa da debilidade do sector industrial galego, pon de manifesto a necesidade dun diálogo fluido entre as partes para acompasar os volumes de produción coas necesidades das industrias. A falta de negociación entre empresas e gandeiros, plasmada no fracaso dos contratos lácteos, dificulta este proceso. Que máis dun terzo da produción galega estea en mans de primeiros compradores intermediarios tampouco contribúe a dotar de transparencia ó mercado.

4) Poden funcionar contratos de compra venda que lle aporten estabilidade a industrias e gandeiros?

Os contratos lácteos a un ano entre industrias e gandeiros estaban pensados para dotar de seguridade e estabilidade ó sector en canto ós prezos do leite e ós volumes de produción a xestionar. A negativa da maior parte de industrias a implantalos levou a un fracaso inicial do sistema que está por ver se se pode correxir.

Os contratos poden frear o desplome de prezos en crises, pero tamén moderan os aumentos en época de bonanza

A primeira industria en España que aplicou contratos a un ano con mecanismos de indexación de prezos, Senoble Ibérica, valóraos como moi positivos. A análise de Senoble sinala que os contratos contribúen a frear o desplome de prezos en intres de crise pero que tamén moderan as alzas de prezos nos intres de bonanza do mercado, polo que se presentan positivos tanto para industrias como para gandeiros.

O sector non entende, por tanto, a negativa das industrias a indexar os prezos a índices como os deseñados pola Inlac, en tanto insisten en fixalos con criterios arbitrarios. Tampouco se comprende que as industrias estean a cancelar a recollida de gandeiros con contratos en vigor. En teoría esas prácticas están penalizadas pola normativa, pero as organizacións agrarias critican a falta de axilidade no control de irregularidades e falan dunha sensación no campo de “impunidade total”.

Cando se cobra o leite a 40 céntimos, non existe interese no sector gandeiro por axilizar os contratos

Doutro lado, en intres de bonanza, cando se cobra o leite a 40 céntimos, non existe ningunha preocupación nin interese no sector gandeiro por axilizar a posta en marcha de contratos. Entón hai produtores que non teñen ningún problema en abandonar a entrega a industrias e mesmo a cooperativas para venderlle a produción a empresas que ofrecen un maior prezo. Se os contratos se chegan a implantar con éxito en Galicia nalgún intre, haberá compromisos a cumprir para todas as partes, nas duras e nas maduras.

5) Pode evitarse a venda de leite como produto reclamo nos supermercados?

Nin a Ley de la Cadena Alimentaria nin as inspeccións das Administracións a supermercados e grandes superficies conseguiron evitar polo de agora que se siga a utilizar o leite como produto reclamo a baixos prezos que rondan os 50 céntimos. Eses valores introducen unha gran presión sobre o resto da cadea de valor do leite e poñen contra as cordas a industrias e gandeiros.

A distribución comprometeuse a correxir a banalización do produto, pero as promocións á baixa continúan

Hai 15 días o Ministerio anunciou un acordo con todas as asociacións da distribución para evitar que continúe a banalización do produto, pero estes mesmos días hai promocións de supermercados en Galicia con leite a 53 céntimos o litro. Os sucesivos encontros que se prevén entre todas as partes servirán para dilucidar se hai avances ou non nesta liña.

6) Que poden facer os gandeiros ante a crise?

Esforzarse en ser competitivos e en baixar os custos de produción é unha obriga permanente para o sector produtor, pero iso de pouco serve cando se cobra o leite no entorno dos 18-20 céntimos, situación na que están máis de 500 gandeiros en Galicia nestes momentos. As protestas organizadas no último mes, que están a conseguir un gran respaldo gandeiro, tratan de ser unha vía para presionar a Administracións e industrias na busca de solucións.

Organizacións agrarias e cooperativas han de cuestionarse se a súa estratexia de mobilizacións é a correcta

Outra cousa é porque esas protestas tardaron tanto en poñerse en marcha –salvo accións puntuais na primavera-. Organizacións agrarias e cooperativas tamén deben facer balance das protestas mantidas nos últimos anos e preguntarse se a súa estratexia de mobilización é a correcta, pois máis alá de que as manifestacións sirvan como desafogo puntual para os gandeiros, se a mobilización non consegue logros, conduce á frustración, á impotencia e á desmobilización futura ante novas crises.

7) E isto non se soluciona cun grupo lácteo cooperativo?

Cando a crise asoma, volve a aparecer no debate público a idea dun grupo lácteo de base cooperativa que industrialice o leite en Galicia. O fracaso de Alimentos Lácteos pon de manifesto que a cousa é máis fácil de dicir que de facer, pero tamén hai experiencias positivas, como a das cooperativas que están xestionando Clesa, co liderazgo de Feiraco, Irmandiños e Melisanto; e proxectos serios en preparación, como o encabezado por Icos.

En último termo, a implicación das cooperativas en procesos de transformación depende dos propios gandeiros. Que queiran ou non investir cartos para proxectos de transformación dos que non van sacar rendibilidades a curto prazo, pero si unha maior estabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información