Tempo de butelo na Fonsagrada a fin de semana do 22 e 23 de febreiro

O concello da montaña de Lugo celebra unha das citas de referencia do inverno, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. As industrias locais comercializarán 15.000 quilos deste produto da matanza típico da zona

butelo Fonsagrada (2)

Un dos postos da feira, onde se dan cita os produtores locais para vender os butelos e outros derivados do porco

Achégase a Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebra sempre na fin de semana anterior ao Entroido. Este ano será a fin de semana do 22 e 23 de febreiro cumplindo á súa edición número 28. Trátase dunha das citas gastronómicas máis asentadas do calendario invernal e está clasificada como Festa de Interese Turístico de Galicia. 

O sábado e o domingo na carpa ubicada na praza principal da localidade pódense mercar todo tipo de produtos gastronómicos, especialmente os derivados do porco, coma é o butelo, un embutido típico da zona feito de costelas e outras partes do porco adobadas e metidas no estómago do cocho e logo curado e afumado con leña de carballo.

A Feira do Butelo abre o calendario de citas gastronómicas do inverno na comarca e está declarada Festa de Interese Turístico Galego

No transcurso da Feira será entregado o Butelo de Ouro, un galardón que distingue cada ano a persoas relevantes para o municipio. Nesta ocasión, recoñecerase a labor de Álvaro Touza, primeiro director do instituto da Fonsagrada, e Antonio López, primeiro alcalde democrático do Concello e un dos artífices de que se abrira o centro educativo de ensinanza secundaria na localidade, que evitaba ao alumnado ter que ir estudar a Lugo. Ambos recibirán o galardón o domingo á unha da tarde.

Programa

O resto do programa mantén en esencia a mesma organización ca todos os anos. “É un programa sen moitas variacións, é algo que funciona, polo que non hai moito que reformullarlle. É un modelo que ten éxito”, destaca Carlos López, o alcalde da Fonsagrada, que se enche de visitantes na fin de semana da Feira do Butelo.

A feira dará comezo o sábado 22 de febreiro ás 10:00 horas coa apertura da carpa, que permanecerá aberta ata ás 20:00 horas. Ás 12:30 horas terá lugar a inauguración oficial da Feira e, a continuación, ás 13:00 horas dará comezo o paseo polos diferentes postos. O domingo a apertura da carpa será tamén ás 10:00 e o peche ás 20:00. Os dous días haberá animación musical.

O pleno da corporación municipal decidiu por unanimidade conceder o Butelo de Ouro a Álvaro Touza e a Antonio López

Coma é tradición nos últimos anos, o cartel desta edición da Feira do Butelo da Fonsagrada volve homenaxear ao humorista Forges, natural deste municipio da montaña de Lugo e que chegou a apadriñar a celebración antes do seu falecemento. Forges contará a partir deste ano co seu propio museo na Fonsagrada, que está previsto que se inaugure o vindeiro mes de xullo.

Poranse á venda 15.000 quilos de butelo e outros produtos elaborados por empresas locais

Butelo A Fonsagrada2Na edición deste ano poranse á venda uns 15.000 quilos de produto, entre butelos e outros derivados do porco, que son elaborados polas industrias locais que contarán con postos na feira, entre elas Casa Castelao e Embutidos Buenavista, así como Facenda Farruquiño, asentada tamén na localidade.

“Son empresas que xeran emprego, polo que desde o Concello estamos pola labor de potenciar o produto”, avanza o alcalde da Fonsagrada. Desde a súa orixe a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos da matanza típicos destas datas, como chourizos, lacóns, touciño, cachucha, soá ou o propio butelo. 

Dinamización económica

A celebración da Feira do Butelo serve tamén para dinamizar o comercio e a hostalaría local, tanto bares e restaurantes como casas de turismo rural e outro tipo de aloxamentos, que rozarán o cheo durante toda a fin de semana. 

Os restaurantes da Fonsagrada acompañan a celebración ofrecendo durante toda a fin de semana menús nos que o butelo é o protagonista

“A Fonsagrada énchese complemetamente durante toda esa fin de semana. Somos un municipio que ten bos servizos de hostalaría e estanse a poñer en marcha novas iniciativas de turismo rural en lugares como Barbeitos ou o Piñeiral”, destaca o rexedor.

Cartel Feira do Butelo 2025

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información