A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu hoxe o seu boletín fitosanitario, no que fai unha diagnóstico da situción dos viñedos na provincia a nivel fitosanitario e de desenvolvemento.
Fenoloxía
Esta semana a climatoloxía volveu amosar caracteres típicos da primavera cun tempo cambiante que non termina de estabilizarse e temperaturas bastantes frescas en xeral. Con esta situación, a fenoloxía na variedade maioritaria, albariño, apenas variou aínda que si avanzou lixeiramente.
Ademais, no estado actual percíbense nas plantas que hai unha boa cantidade de acios por gromo, incluso ata catro, o que é bastante sorprendente tras a campaña anterior, no que a colleita foi moi elevada.
Mildio
Nas revisións desta semana non detectamos aínda a primeira mancha de aceite, nin tampouco tivemos notificación algunha da súa aparición noutros predios, polo menos ata o momento da redacción desta información. Ben é certo que a maior parte das viñas xa recibiron o primeiro tratamento fronte a esta patoloxía, pero tamén hai predios onde non se iniciaron e viñas abandonadas que tamén están sen manchas.
As temperaturas frescas que en xeral estamos a ter boa parte dos días probablemente sexan as responsables de que non se manifestara aínda a enfermidade nin en folla nin nos acios en formación, malia que nos nosos percorridos temos observado que algúns están ás veces parcialmente cubertos por unha capa de auga debida ás precipitacións. Por outra banda, o número de esporanxios que estamos a recoller nos captadores son tamén baixos.
Para os próximos días hai certa variabilidade nas previsións meteorolóxicas consultadas e tamén cambian as diferentes predicións segundo os momentos nos que se consultan, polo que existe bastante incerteza sobre como vai evolucionar a climatoloxía. Con todo, en xeral semella que a curto prazo (ata a metade da semana próxima) cesarán as precipitacións, subirán as temperaturas máximas e baixarán as mínimas. A partir dese momento, parece que se incrementan as posibilidades de precipitación, que poderían ser en forma de tormentas.
De cumprirse estes prognósticos, a nosa recomendación é: Para as parcelas que xa recibiron tratamento: recoméndase a vixilancia das vides, sobre todo a comezos da semana entrante no caso de que se incrementen as opcións de choiva, non só por este feito en si, senón tamén porque estará próximo a concluír o período de protección teórico do/s funxicida/s empregado/s.
Para as parcelas sen intervención algunha de momento: a vixilancia debe ser máis estrita, aínda que, salvo casos especiais, é de esperar unha evolución similar das plantas se as temperaturas nocturnas se manteñen baixas.
Oidio
Na gran maioría das parcelas da nosa rede de seguimento non se aplicou aínda ningún tratamento fronte a este fungo, e polo de agora non detectamos os primeiros síntomas da enfermidade, nin sequera nas plantas de variedades máis susceptibles que hai nalgúns predios.
Algunhas persoas alértannos que os carballos xa teñen esta enfermidade e que por iso habería que tratar, pero en realidade a especie que afecta aos carballos non é a mesma que a da vide, e de feito hai moitos carballos que xa teñe oídio desde case o momento mesmo da brotación.
Na viña, o momento de máxima sensibilidade comeza cando se vai iniciar a floración, e ese si é un estado que debe estar protexido en xeral de non haber síntomas antes. Polo de agora, manter a vixilancia.
Necesidade de segar a herba

Especialmente nos predios coas plantas conducidas en formacións baixas é imprescindible manter ben segada a cuberta vexetal do solo, porque sen ir máis lonxe as gramíneas e outras adventicias están en floración e nalgúns casos superan en altura ás cepas.
Galego









Control OJD