
Sergio Fernández, Óscar Devesa e Miguel Ángel Vaquero diante da cisterna flexible de Granxas Cabeza da Vaca
Sergio Fernandez Lamas é un mozo de 35 anos que está á fronte de Granxas Cabeza da Vaca, unha explotación gandeira de porcino e vacún de leite situada na parroquia de Narla, no concello lucense de Friol.
Fai 3 anos Sergio decidiu ampliar a explotación de porcos que herdou da súa nai, agora xa xubilada, cunha nova nave con capacidade para albergar a 1.400 animais. Pero facer a nave requería contar con capacidade suficiente de almacenaxe de xurro.
Foi entón cando Sergio, asesorado pola empresa que lle montou a nave, Casa Feliciano SL, optou por instalar unha cisterna flexible da marca Labaronne, unha empresa francesa con distribución en toda España que leva máis de medio século fabricando este tipo de depósitos, moito máis económicos e doados de instalar que as balsas ou os pozos convencionais de xurro.
Sergio é unha persoa aberta aos cambios e innovacións que chegan ao sector
A cisterna flexible para purín de Granxas Cabeza da Vaca ten una capacidad de almacenamiento de 2.000 metros cúbicos, suficiente para poder gardar o xurro para as campañas de sementeira do millo na primavera e da herba no outono.
Sergio segue utilizando a fosa de xurro antiga á que está conectada a granxa vella e destaca que o que sae do depósito Labaronne é mellor como abono que o outro. “Aquí non levas auga, todo o que levas é abono e levas un produto homoxéneo que non cría costra nin temos necesidade de bater coma na fosa vella”, explica. “Estou encantado con este sistema”, valora.
Este tipo de cisternas flexibles instálanse sobre terreo firme, ben nivelado e unicamente cunha cama de area por debaixo
Para evitar ter que estar enganchando directamente a mangueira da cisterna no depósito para cargar o purín, Sergio fixo unha boca de carga cun pozo que está conectado ao depósito Labaronne. onde el enche a cisterna.
65.000 euros

Instalaron un sistema de carga mediante un pozo que evita ter que manipular o depósito para sacar o xurro
Sergio instalou unha cisterna flexible de 2 millóns de litros no ano 2021 e gastou en total 65.000 euros, un investimento moi inferior ao necesario para construír un pozo de xurro cuberto con esa mesma capacidade.
“Nos queriamos unha cisterna cadrada, porque era a que mellor se nos adaptaba.Mide 40 metros de longo por 34 metros de ancho e cando está chea acada 1,60 metros de altura”, detalla.
Granxas Cabeza da Vaca usa o purín que producen tanto as vacas leiteiras como os porcos para fertilizar as terras da explotación. Dispón de 8 meses de capacidade de almacenamento, polo que realiza un aproveitamento óptimo do seu abono orgánico nas campañas de sementeira do millo na primavera e da herba no outono. “Pasamos todo o inverno sen sacar unha gota de purín”, aseguran.
Temos unha capacidade de almacenamento de 8 meses; pasamos todo o inverno sen sacar unha gota de purín
Dispoñen de 26 hectáreas de superficie agrícola que destinan a forraxe para as vacas leiteiras. “Botamos 6 hectáreas de millo para ensilar e 1 hectárea de trigo, sobre todo para ter palla”, explica Sergio. O resto da superficie está a pasto, xa que entregan o leite a Larsa e están certificados en pastoreo.
Redución de emisións

Factores como a ventilación ou o sistema de limpeza automática inciden na redución de emisións
Cando Sergio fixo a nova nave para os porcos e lle falaron deste sistema para almacenar o xurro non o dubidou. “Cada vez nos están pedindo que reduzamos máis as emisións e as esixencias medioambientais van endurecerse, polo que con este sistema garantimos as emisións cero procedentes do purín”, indica.
O deseño da nave foi feito por un equipo da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e Sergio segue a colaborar na actualidade co Campus Terra da Universidade de Santiago na implementación de medidas que mitiguen a pegada de carbono da explotación e a emisión de gases de efecto invernadoiro como o metano ou o amoníaco. Tras participar nun primeiro proxecto que cuantificou esas emisións, na actualidade vanse a probar diversos sistemas para a súa redución a nivel de granxa.
A explotación está a colaborar con diversos proxectos de investigación da Universidade para avaliar e reducir a pegada de carbono da granxa
“Aínda que é unha instalación nova, eficiente e ben construída, queremos mitigar aínda máis os olores e a emisión de gases de efecto invernadoiro no interior da nave”, explica. O proxecto lévao a cabo un investigador postdoutoral baixo a coordinación dos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e María Dolores Fernández Rodríguez, integrantes do grupo de investigación Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas (BioMODEM).
“Van testar un produto que están patentando que se coloca en forma de polvo nunhas vandexas e logra capturar e absorver os gases de efecto invernadoiro que hai no ambiente a medida que se vai licuando o produto. Iso vai despois ao pozo do purín e logra efectos beneficiosos tamén no xurro, reducindo por exemplo as partículas pesadas que decantan e sedimentan no fondo”, explica.
Válidas para almacenar auga
Sergio está tan contento coa súa cisterna flexible de xurro que agora vai colocar outra de 100.000 litros para almacenar auga para dar de beber aos animais. “Temos un pozo pero achica no verán, polo que a nosa idea é colocar un sistema solar para aforrar luz e ir sacando e almacenando auga durante todo o ano para ter dispoñible unha reserva no verán e non ter nunca problemas de subministro ou de presión de auga aínda que veña un ano con moita seca”, conta.
Custa máis un depósito ríxido de 20.000 litros para auga que un de 100.000 flexible
A vantaxe das cisternas flexibles Labaronne para almacenaxe de auga é que ao non entrar osíxeno nin luz, a auga consérvase en perfectas condicións durante meses. De feito, hai moitos concellos en Extremadura, Castela e León e outras zonas de España onde escasea a auga que as utilizan para acumular reservas de auga potable para os meses máis críticos.
Relevo familiar

Sergio, coas vacas de leite que mantén como complemento á granxa de porcos
A explotación tanto de vacas de leite como de porcos iniciárona os avós de Sergio no ano 1979 e pasou despois á súa nai María Celia. Agora está xa xubilada e é o seu fillo o que se encarga do gando. Ten 40 cabezas de vacún e 1.900 porcas, repartidas en dúas naves: a nave vella na que empezaron xa seus pais, con capacidade para 500 animais e que Sergio mellorou e modernizou, e a nave nova construída no 2021, onde collen outros 1.400 animais.
A granxa de porcino traballa mediante un sistema de integración con Ganados Varela & Varela SL de Melide. “Nós non facemos cebo convencional, o que facemos é recría de reprodutoras. Os animais entran con 2 meses e 20 kg de peso e saen con 6 meses e 110 kg”, detalla.
Fan dúas ou tres rotacións no ano con períodos de limpeza antes de cada entrada de animais. A saída prodúcese en ocasións de xeito escalonado, mantendo animais maiores e pequenos na instalación para desta forma manter mellor a temperatura no establo. “Xogamos coas saídas e as entradas para que os animais pequeniños non teñan frío mentres non se completa a nave, sobre todo no inverno. Temos calefacción mediante un sistema de canóns de calor móbiles para manter a temperatura entre 21,5 e 22 grados cando chegan e despois baixámosllela a 19 a medida que van medrando”, explican.
Na granxa porcina fan recría de reprodutoras e traballan mediante o sistema de integración con Ganados Varela & Varela SL
Sergio reparte o seu tempo entre a granxa de porcos e a das vacas de leite e externaliza o traballo agrario. “A nave de porcino está moi automatizada e permíteche unha maior flexibilidade, no caso das vacas de leite condiciónante máis os horarios de muxido”, admite.
Por iso, cando se incorporou optou por aumentar aos porcos coa intención de focalizarse nese sector e cambiar as vacas de leite por vacas de carne, pero hoxe está valorando continuar coa produción de leite facendo un novo establo no que instalar un robot de muxido. “Se podemos queremos seguir mantendo as dúas actividades e ir aumentando nas dúas”, avanza.
As múltiples vantaxes das cisternas flexibles
As cisternas Labaronne que teñen distintas utilidades, pois pódense empregar para almacenar todo tipo de líquidos, desde purín, lixiviados ou fertilizantes químicos para sistemas de rega, a auga para bebida dos animais ou mesmo para consumo humano.
No seu interior, ao haber ausencia de osíxeno e de luz, non proliferan os microorganismos que pudren a auga ou que descompoñen o purín xerando emisións de metano á atmosfera. Tamén se evitan os malos olores, problemáticos cando unha granxa se atopa moi próxima ás casas ou a un núcleo de poboación.
Este tipo de depósitos lévanse usando máis de 60 anos en Francia e xa hai instaladas en España máis de 2.000 unidades. A Galicia chegaron fai 10 anos e estanse a converter nunha alternativa para moitas granxas. “Cada vez se instalan máis cisternas deste tipo en Galicia”, asegura Miguel Ángel Vaquero, delegado de vendas da empresa Nutriset, que comercializa as cisternas Labaronne en España.
Fai 10 anos que este tipo de cisternas se empezaron a instalar en Galicia e cada vez son máis frecuentes en granxas de porcos e vacas de leite
Levan unha década traballando con Coren en granxas de porcino e nos últimos anos cada vez máis granxas leiteiras recorren a este sistema para ampliar a súa capacidade de almacenaxe de xurros. “É a solución máis rápida, máis sostible e máis barata, cun aforro económico de case o 50% con respecto a outros sistemas de almacenamento”, explica.
Incrementa o poder fertilizante do purín e evita as emisións
“Ante a Administración este é o único sistema que garante emisións cero no purín. É a única MTD (Mellor Técnica Dispoñible) recoñecida que reduce o 100% das emisións de amoníaco á atmosfera”, explica Miguel Ángel.
Ademáis de impedir que saia o metano, ao non haber osíxeno dentro a fermentación do purín para, polo que non hai perdas de amoníaco por volatilización e o xurro conserva todo o seu poder fertilizante cando é botado na terra, reducindo o uso de abonos de síntese química e supoñendo un importante aforro económico para os agricultores e gandeiros.
Garantía de 10 anos
Os depósitos flexibles están fabricados cun material resistente, cun armazón formado por un tecido 100% de poliéster que se tece cruzado para incrementar a súa resistencia e con tratamento de dobre capa anti raios ultravioleta. As unións están realizadas mediante soldadura de alta frecuencia, o que garante a súa estanquidade.
Están construídas con fío de poliéster que se tece cruzado para incrementar a súa resistencia e inclúe certificado de estanquidade e seguro de responsabilidade civil medioambiental
O fabricante dá unha garantía de 10 anos, aínda que a vida útil é moi superior, con cisternas de máis de 45 anos aínda en funcionamento. O produto inclúe un certificado de estanquidade e conta cunha marxe de seguridade dun 10% da capacidade antes de rebosar, tendo ademais un seguro de responsabilidade civil medioambiental que cubre ao gandeiro en caso de verquido.
Moito máis económico que un pozo convencional
A nivel económico, mercar e colocar dunha cisterna flexible é moito máis barato que facer un pozo de xurro e cubrilo, algo ao que obriga neste momento a normativa. “Estamos falando case da metade de prezo”, destaca Miguel Ángel.
Este tipo de sistemas de almacenaxe de xurros entranron por primeira vez este ano nos Plans de Mellora
Nos últimos dous anos este tipo de depósitos para o xurro foron subvencionados con axudas de até o 50% para a súa adquisición dentro das axudas Next Generation para agricultura e gandería 4.0 e por primeira vez este ano os Plans de Mellora convocados pola Xunta de Galicia contemplan tamén a instalación deste tipo de depósitos como elementos subvencionables.
“O aforro económico é moi importante a respecto de facer unha balsa ou un pozo. Aquí evítaste ademais moitos problemas á hora de facer a obra, porque non hai que furar para abaixo, cos riscos por exemplo de atopar auga, pedra ou problemáticas semellantes”, di Miguel Ángel.
Non se precisa licenza de obra
A instalación é sinxela e non require de ningún tipo de obra civil, unicamente que o terreo estea chao, polo que, ao tratarse dun elemento móbil, non é necesaria licenza municipal para a súa colocación. Unha vez achaiada a finca, so leva debaixo unha capa de area como cama para a cisterna.
É a solución máis rápida, máis sostible e máis barata, cun aforro económico de case o 50% con respecto a outros sistemas de almacenamento
Os depósitos flexibles permiten adaptarse ás dimensións da parcela e ás características da explotación. A capacidade vai desde 10 metros cúbicos das cisternas máis pequenas até os 2.500 das máis grandes, con tres modelos distintos en cada en cada volume dispoñible en función das dimensións de anchura e longo do lugar onde se vai instalar.
Non condiciona futuras ampliacións da granxa
Outra das características salientables do produto é a posibilidade de traslado. “Pódese desmontar e mover, polo que a súa ubicación non hipoteca futuras ampliacións da granxa”, salienta Óscar Manuel Devesa, administrador de Casa Feliciano, unha empresa de Palas de Rei que realiza proxectos de porcino e avicultura chave en man e é distribuidor de Labaronne e que foi quen lle montou a nave e o depósito flexible para purín a Sergio.
A capacidade máxima é de 2,5 millóns de litros pero pódese incrementar conectando varios depósitos entre si
A cisterna vaise enchendo a medida que vai entrando o purín nela, polo que a lona está sempre en contacto co líquido e non hai osíxeno no interior. “É algo difícil de facer entender aos gandeiros. Cando ti a montas pensan que ao meter o purín dentro vaise inflar co gas que xenera, pero ao non haber osíxeno dentro non se produce fermentación nin se libera metano”, explica Óscar.