“Temos solicitudes para plantar viñedos de 30 ou 40 hectáreas en Valdeorras, e cada vez a máis altura”

Entrevista a Jorge Mazaira, director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras. Destaca o bo momento que vive a denominación, cunha crecente solicitude para plantar e reestructurar viñedos, sobre todo en zonas altas para paliar os efectos do cambio climático.

Publicidade
“Temos solicitudes para plantar viñedos de 30 ou 40 hectáreas en Valdeorras, e cada vez a máis altura”

Jorge Mazaira, director técnico da Denominación de Orixe Valdeorras.

Jorge Mazaira é un dos mellores coñecedores dos viñedos e das adegas de Valdeorras, unha comarca que atopou na viticultura unha gran alternativa á pizarra, como se demostra na crecente demanda de man de obra especializada que solicita o sector.

Como director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, onde leva traballando dende o ano 1997, falamos con el sobre o presente e os retos de futuro para esta DO.

Como empezou a túa vinculación co mundo vitivinícola?
Son de Valdeorras, de A Rúa en concreto, e aínda que a miña familia non tiña viñedos sempre estiven vinculado a este sector e dende os 15 anos xa traballaba na vendima para sacar un diñeiro. Estudei Enxeñería Técnica Agrícola en Lugo e entón xa me decantei por especializarme na industria vitivinícola e namoreime desta profesión. O proxecto de fin de carreira fíxeno na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), onde contei cun gran apoio do daquela director, José Luis Hernández Mañas.

Posteriormente, seguín dando cursos de formación en viticultura, traballando na elaboración do rexistro vitícola e en varios proxectos de asesoramento técnico a viticultores ou na venda de seguros agrarios. Nun momento dado xurdiu a oportunidade de cubrir unha vacante de técnico no Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras no ano ano 1997, presenteime e contratáronme e dende aquela traballo nun sector e nunha comarca que é a miña paixón.

Daquela o sector debía ser moi diferente de hoxe en día, cunha DO aínda nos seus primeiros anos de funcionamento. Cales son os principais cambios que presenciaches?
Era un sector que estaba sen facer: as adegas aínda empezaban a ter a tecnoloxía adecuada, a viticultura estaba centrada en variedades foráneas pero altamente produtivas como a Garnacha e a Jerez, cun peso importante das cooperativas e dunha viticultura a tempo parcial. Daquela aínda era raro falar de control de produción como vendimas en verde e de controis de calidade. Dende o Consello Regulador esforzámonos, non sen conflitos, en que había que limitar os rendementos e primar as calidades porque tiñamos claro que o futuro ía por aí.

Recordo que daquela cando iamos a feiras do viño no exterior dabámonos conta de que ou dábamos o salto á calidade ou quedabamos atrás.

A superficie vitícola en Valdeorras tamén baixou, porque tamén baixou o número de viticultores. Daquela igual había uns 2000 viticultores e hoxe hai 1.100 aproximadamente. En superficie de viñedo por entón había unhas 1.600 hectáreas e hoxe estamos en 1.150. As variedades predominantes daquela eran a Jerez e Garnacha, apropiadas para unha realidade de viño barato e para comer no día a día, unha realidade que cambiou totalmente. Sen embargo, fomos quen de ir adaptándonos ao que pide o mercado e ao segmento no que podíamos ser competitivos.

“O gran cambio nestes 20 anos na DO Valdeorras foi a aposta pola calidade do viño”

Así foi como fomos potenciando a plantación de Mencía porque había un consumo de viño tinto importante a nivel mundial e daquela pagábase a nada menos que unhas 200 pesetas o quilo desta uva. Empezamos a promover a restruturación dos viñedos para cambiar a Garnacha e a Jerez por Mencía e logo pola Godello, a medida que o consumo de viños brancos tamén despegaba.

As adegas empezaron a modernizarse técnicamente e a entender que as producións teñen que estar equilibradas para que a uva sexa de calidade. En definitiva, tivemos claro dende o equipo do Consello Regulador que nunha DO pequena como a nosa tiñamos que apostar pola calidade.

¿Como definirías o momento que vive hoxe a DO?
Estamos nun gran momento da DO Valdeorras en canto á coñecemento da marca e á calidade dos novos viños. Está chegando a Valdeorras unha importante investimento externo de adegas de fóra, o que nos indica que somos unha marca atractiva. Estamos nun momento doce. De feito, nunca ata o día de hoxe se estivo facendo tanta restruturación de viñedo en Valdeorras.

¿Como evoluciona a superficie de viñedos en Valdeorras?
Estase mantendo. Seguimos co hándicap de que os viticultores maiores van desaparecendo e en moitos casos sen relevo, e dende o Consello Regulador asesorámolos para non perder ese potencial vitícola, de forma que lles aconsellamos que vendan os viñedos ou os aluguen ao mellor prezo.

En canto a solicitudes de novas plantacións de viñedo, en Valdeorras hai varias solicitudes para plantar viñedos de 20 e 30 hectáreas e para moitas parcelas de 3 ou 4 hectáreas. As expectativas son moi boas.

“Temos solicitudes para plantar viñedos de 30 ou 40 hectáreas en Valdeorras, e cada vez a máis altura”

A viticultura tamén vai subindo en altura; de feito, hai unha plantación prevista para o Alto da Hermida de 9 hectáreas. E na zona de Éntoma fíxose unha plantación de 8 hectáreas e para os próximos 5 anos teñen previsto facer outra nova. Cada vez hai máis bancais en zonas altas, algo que non se fixera antes, debido ao cambio climático, co obxectivo, entre outros, de manter o equilibrio entre acidez e grao alcohólico da uva.

Valdeorras ten necesidade de uva e estase facendo un crecemento das plantacións acompasado á demanda do mercado. De feito, levamos 3 anos nos que pola falta de colleita as adegas non poden atender toda a demanda do mercado.

¿Estase notando esta falta de uva nos prezos que reciben os viticultores de Valdeorras?
A uva estase pagando agora moi cara por ese desequilibrio entre oferta e demanda e os viños de Valdeorras están agora nunha gama de prezos medio alta. Na última colleita a uva mencía pagouse a 1 euro o kilo, pero a godello a 1,5 euros e mesmo a 2 euros. Para unha adega, cun rendemento do 70% e sumando o prezo da botella, é un custo alto.

Ante esta situación as adegas están procurando incrementar os viñedos propios, combinándoo co subministro de viticultores semi profesionais que teñen 1 ou 2 hectáreas.

¿É un problema o minifundismo e a falta de relevo dos viticultores maiores?
É un problema da Galicia profunda, pois é un potencial vitivinícola que se perde. Intentamos asesorar á xente maior para que venda ou alugue a un prezo razoable se non ten quen os traballe.

“En Valdeorras temos unha gran oportunidade para elaborar viños de parcela, grazas á diversidade de solos e de alturas que temos”

A tendencia, ademais, é ir a viños de parcela cun prezo situado na parte alta, e dirixidos a un cliente fino. Precisamente, unha das riquezas de Valdeorras é a diversidade de terreos, dende solos aluviais de cantos rodados, a solos de arxila, a lousa ou mesmo solos graníticos. Se somos capaces de elaborar viños de parcela, coa riqueza de solos que temos, podemos elaborar viños moi exclusivos. Temos aí unha gran oportunidade.

Está caro o terreo en Valdeorras para plantar viñedo?
Estanse pagando cantidades importantes, dependendo moito da ubicación. As adegas de fóra que veñen investir en Valdeorras xa encargan previamente o traballo de mercar os terreos para xuntar unha superficie que lles interese.

“Estamos pensando en poñer límites á entrada de grandes inversores estranxeiros que podan mercar grandes superficies de viñedo e tirar cos prezos”

Coa entrada na DO de grandes adegas foráneas, ¿tedes medo a perder a galeguidade da Denominación de Orixe?
O mundo vai á súa velocidade e debemos adaptarnos. É certo que ese é un dos temores que teñen moitas adegas que levan aquí toda a vida. Sen embargo, nós como Consello Regulador vemos que relanzaron a DO e polo tanto debemos velo como algo positivo pois non son especuladores, son inversores. Todos os que chegaron pagan, compran e están.

En todo caso, xa advertimos hai moito tempo ás adegas e viticultores de que isto ía suceder, polo que as adegas pequenas estanse nutrindo de superficie para evitar riscos pola entrada de grandes grupos foráneos.

Noutras DO´s vemos incluso como chega capital inversor doutros países estranxeiros sen cultura vinícola e iso si que pode ser máis perigoso. Estamos pensando que tal vez debemos de poñer freo a esta situación e igual que noutras DO controlar a superficie vitícola para que non se poda plantar en calquera sitio e veña un grupo que merque grandes superficies e acabe tirando cos prezos.

Como se reparten a día de hoxe as castes dos viños de Valdeorras?
O 60% é branco, do que o 80% é da variedade godello, e o 40% tinto, do que practicamente todo é mencía. En castes minoritarias, como Brancellao, Sousón, Caíños, Espadeiros….etc, estanse facendo plantacións e dentro duns anos nos van dar grandes alegrías, porque son un punto de diferenciación importante.

Vimos de estar en Vinexpo, en London Wine e noutras feiras e cando ali falas dunha destas variedades minoritarias chamas a atención porque son moi exclusivas nosas e permiten elaborar uns viños moi diferenciados. Temos que aproveitalo.

“Temos un potencial enorme para elaborar viños moi distintos coas castes minoritarias”

Todas elas se adaptan a Valdeorras, aínda que hai que ver o tipo de solo e a altura á que se deben plantar cada unha e o tipo de viño que busca a adega. Temos un potencial enorme para elaborar viños moi distintos con estas castes minoritarias.

¿Estades a notar moito na DO os efectos do cambio climático?
Estanos a afectar, con vagas de calor cada vez máis fortes e en distintos momentos de maduración da uva. O que nos queda é facer o que están facendo noutras DO: subir as plantacións de viñedo por riba dos 400 ou 500 metros de altitude.

Temos que mellorar todo o que sexa tecnoloxías e métodos para adaptarse ao cambio climático. Tamén estamos a traballar en distintos proxectos tamén para previr as enfermidades fúnxicas no viñedo.

¿Como se presenta este ano para o viñedo en Valdeorras?
Por agora as cousas foron ben, agromaron ben os acios e a floración foi boa, pero a climatoloxía de Galicia é imprevisible. Precisamos por fin un ano cunha boa colleita de uva en Valdeorras.

¿Como avanza a implantación da acreditación de ENAC?
Xa estamos acreditados. Custou sobre todo polo cambio de mentalidade, que implica que as adegas e viticultores teñen que ser moito máis activos á hora de demostrar que cumpren con todo o regulamento e normativas. Estamos traballando agora no panel de cata, e de momento imos cumprindo os prazos. É un salto moi imporante en como se deben facer as cousas.

¿Como ves o futuro da DO Valdeorras?
Unha DO cada vez máis diferenciada e con viños de maior calidade. Valdeorras como equivalente de calidade xa é unha realidade. Creo que o noso obxectivo debería ser producir en torno 6 ou 7 millóns de quilos de uva e elaborar viños de alta calidade. O seguinte obxectivo será elaborar viños brancos de garda de varios anos, e para iso temos que ter unha produción de uva normal e que as adegas podan ter un stock.

Os godellos en botella evolucionan de forma moi complexa e podemos dar un salto cualitativo moi importante para Valdeorras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información