Dende hai pouco máis dun ano, o presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é Antonio Lombardía, un viticultor e adegueiro. A súa candidatura, que foi apoiada polos membros do Consello Regulador, trouxo a renovación tras máis de 20 anos sen cambios neste organismo.
Pese a que ata o momento carecía de experiencia no seo da Denominación de Orixe, Lombardía xa fora presidente da Asociación de Adegueiros da Ribeira Sacra, que agrupa a case unha vintena de produtores que apostan pola calidade e a sostibilidade. Ademais, leva máis de 20 anos dedicado ó viñedo e á elaboración de viños.
Coñecemos cales son as súas prioridades para a DO e en que temas está xa a traballar. Abordamos tamén algunhas preocupacións como a crise dos viños tintos, a falta de remuda xeracional, o abandono das viñas ou os efectos do cambio climático nos viñedos.
-Como foi este primeiro ano como presidente da DO?
-Este primeiro ano foi para coñecer o funcionamento da DO, porque aínda que levo moitos anos vinculado co sector vitícola, tanto como viticultor, como adegueiro e enxeñeiro, nunca estivera dentro do organigrama da DO e descoñecía moitas cuestións sobre o seu funcionamento e é máis complexo do que eu pensaba. Ademais foi xa un ano intenso debido á situación complexa que están atravesando os viños tintos, que son os maioritarios nesta DO. Con todo, por agora teño ánimo de seguir e buscar solucións ós problemas que se presenten.
-Que obxectivos se marcou para a súa etapa ao fronte? Que temas ten como prioritarios?
-O sentido de presentarme foi para impulsar a modernización da DO. Fai xa anos que un grupo de viticultores e adegueiros criamos que se debía producir unha remuda e modernización, xa que viamos que estabamos quedando atrasados fronte ó que se estaba facendo noutras Denominacións de Orixe. Un dos aspectos nos que se busca esa modernización é a nivel normativo. Estamos xa abordándoo e, de feito, fixemos xa un cambio no prego de condicións e estamos revisando os procedementos, posto que cremos que é demasiado complexo. Queremos simplificalo para que os adegueiros traballen dun xeito máis eficiente e teñan unha menor carga burocrática, que era ademais unha das peticións que nos fixeron.
“Xa realizamos cambios no prego de condicións da DO para que os procedementos sexan máis sinxelos e reducir a carga burocrática”
Tamén queremos apostar pola dixitalización, posto que temos unha serie de programas que xa están obsoletos e que precisamos renovar. Estamos procurando financiamento para poder abordalo e contamos ter para o ano que ven un novo sistema dixital que nos sirva tamén para comunicarnos mellor cos viticultores, xa que ata o momento só o podemos facer mediante o sistema tradicional de carta. Buscamos que poidan facer os trámites vía online, ben sexa dende a casa ou dende un organismo público, sen ter que desprazarse ata a DO.
Outro dos eixos que para nós é fundamental é a formación para adegueiros e viticultores. Temos unhas 100 adegas de pequeno tamaño para as que esta formación lle pode ser de utilidade e xa estamos traballando cun grupo delas que estaban interesadas. Tamén imos tentar trasladar formación ós máis de 2.000 viticultores.
A sostibilidade tamén é prioritaria polas esixencias que se lle veñen ás adegas e ós viticultores, pero tamén pola propia conciencia para conservar este patrimonio natural. Temos solicitado, xunto coas demais DOs de Ourense, un proxecto para instalar unha rede de estacións meteorolóxicas coa ter avisos específicos por zonas, o que nos permitirá axustar mellor os momentos de risco e poder dar tratamentos en base a iso, no canto de facer aplicacións sistemáticas. Xa temos comprometido o apoio para a instalación por parte dalgunhas Administracións e contamos comezar a instalar esta rede o ano que ven. En tema de sostibilidade tamén se está traballando sobre a pegada de carbono das adegas.
Outro dos eixos para a DO é o enoturismo e estamos traballando en cuestións como a certificación e a dixitalización da Ruta do Viño.
-Para coñecer un pouco mellor a DO, que datos produtivos manexan?
-Hoxe en día, a Ribeira Sacra é a DO máis pequena de Galicia, pola súa orografía. É unha DO especializada nos viños tintos. Recollemos entre 6 – 6,5 millóns de quilos de uva cada ano e poñemos no mercado uns 3,8 millóns de litros de viño. Pese a ser unha DO pequena, temos unha base moi importante de viticultores (2.300 inscritos no Consello Regulador) en 1.300 hectáreas, que son auténticos mantedores do territorio e que realizan unha viticultora heroica.
“Prevese unha colleita mesmo superior á do ano pasado”
-Como está a ser a evolución da campaña deste ano?
-Xa houbo algunha treboada puntual, como a rexistrada hai uns días na zona de Trives e Quiroga, e temos un tempo moi revolto que pode deixar danos en calquera momento. Por agora, agárdase unha colleita semellante á do ano pasado ou mesmo superior, pero ata o día que se meta a uva na adega non se sabe como será. Mesmamente a colleita do ano pasado prevíase inicialmente máis cativa, e uns días de chuvias previos á vendima fixeron que se acadaran os 6,5 millóns de quilos.
-E a situación do mercado?
-Estamos nunha situación bastante complicada. O mundo do viño tinto a nivel mundial está atravesando unha crise, cunha redución importante debido ó cambio de hábitos de consumo e ó propio cambio climático que tamén están influíndo na demanda destes viños, xa que con altas temperaturas a preferencia é maior polos viños brancos. A incorporación da muller, que prefire os brancos, tamén está freando a demanda de tintos.
“Nos viños tintos da Ribeira Sacra o ano pasado notouse un descenso do 5%, mentres que noutras DOs de tinto a baixada foi do 20%”
-Como lle está a afectar esta crise dos tintos, tendo en conta o papel significativo destes viños na DO?
-O 85% dos viños que se producen na DO son de variedades tintas, polo que nos está afectando de xeito significativo, pero estamos resistindo bastante ben este cambio de tendencia. Aínda que despois da pandemia se recuperara un pouco o consumo, o ano pasado volveu observarse unha baixada de entorno ó 5%, pero non é significativo se se compara con outras DOs de tinto, onde esta baixada foi do 20%. Por agora na DO non sabemos se é unha baixada puntual ou é un cambio de tendencia.
-Hai viticultores que mesmo chegaron a barallar replantar ou reenxertar os seus viñedos tintos con variedades brancas, estase producindo este cambio de variedades?
-En moi poucos anos pasouse de arredor duns 200.000 quilos de uva branca a situarse preto dos 800.000 quilos. Foi un cambio paulatino e tranquilo, pero estase vendo un cambio de tendencia.
“A gran maioría dos plans de reestruturación do viñedo son para cambiar Mencía por variedades brancas, así agardamos que nesta vendima se chegue xa ó millón de quilos de uvas brancas”
-Contemplan algunha medida dende a DO para abordar esta situación?
-A DO xa se está adaptando ó mercado, xa que eses case 6 millóns de quilos que se recollen de tintas na Ribeira Sacra dificilmente se van poder manter no mercado. Estase informando ós viticultores da situación do mercado, para que eles tomen as súas decisións contando con información tanto do mercado galego, como estatal e mundial. Ademais estanse facendo charlas naquelas zonas onde pode ser factible un cambio cara a variedades brancas, como pode ser o Val de Quiroga ou Pantón, xa que as zonas de ribeira non se adaptan para este cambio. Prevese que nesta vendima nos poidamos situar xa no millón de quilos de uva branca. Estimamos que con este axuste que se está facendo, a produción de uva quede nun 70% uva tinta e un 30% de branca, cando agora mesmo a branca representa un 15%.
Por outro lado, dende o ano pasado os plans de reestruturación do viñedo estanse a facer de xeito gratuíto dende a DO para aforrar estes gastos. Neste tempo, a gran maioría das solicitudes que tivemos foron para cambiar de uva tinta a branca ou nalgún caso tamén se propuxo cambiar Mencía por outras variedades tintas minoritarias.
Polo momento, é un cambio moi paulatino, xa que o ano pasado se solicitou o cambio en 7 hectáreas e este noutras tantas.
-Que variedades brancas se están a plantar?
-Principalmente Godello. Hai algo tamén de Albariño, Treixadura, Loureira e Dona Branca, pero son variedades moi minoritarias na Ribeira Sacra. Non representan nin un 15% da uva branca que hai na DO.
-Comentábanos un viticultor e enólogo da DO Ribeira Sacra que, tendo en conta que boa parte da viticultura desta DO é de fin de semana, cambiar a Mencía, menos exixente en coidados, pola Godello, moito máis demandante de atención, pode traer consigo moitos problemas. Comparte esta reflexión?
-Sen dúbida. O Godello é unha variedade que hai que pensar moi ben onde se planta e que require estar moito máis pendente dela, xa que entre outros problemas é máis susceptible ó oídio e ós golpes de calor. O Godello non é unha variedade para un viticultor de fin de semana, xa que se non se pode achegar no momento que o precisa despois pode ser moi tarde para ela. É unha variedade que require dunha ‘profesionalización’. Tamén é certo que as solicitudes que se están recibindo son de viticultores cun perfil profesional ou de pequenos empresarios adegueiros que queren contar tamén cun viño branco na súa carteira.
“Pedimos a destilación de 2 millóns de litros de viño para dar saída ós excedentes que había nas adegas debido á pandemia”
-A Xunta ven de solicitar ao Ministerio de Agricultura a medida de destilación de crise para regularizar os excedentes de viño que non atopan saída na Ribeira Sacra. Que os levou a solicitar esta medida? Como se vai implantar e que volume teñen previsto retirar do mercado?
-Cando entramos vimos que había uns excedentes que non eran normais, polo que falamos coa Xunta para darlle solución. Estes excedentes viñan provocados polo desaxuste producido durante a pandemia, xa que ata ese momento a DO tiña un equilibrio entre a oferta e a demanda, así como con colleitas de maior tamaño intercaladas con outras de menor volume. Porén, debido á pandemia, tanto no 2020 como xa no 2021, acumulouse un importante excedente de viño, sobre todo nas grandes adegas, que non tivo saída e ó que se sumou que nos últimos anos se produciu un récord de quilos nas colleitas da DO, onde se superan os 6 millóns de quilos. Estes dous factores provocaron esta situación. Nós cando chegamos e coñecemos esta situación pensamos que había que abordala con total transparencia e así llo solicitamos á Xunta, que foi a primeira sorprendida ante esta situación. Si é certo que o ano pasado houbo unha mínima baixada nas ventas, pero non é un problema de que se venda menos, senón que se debe a ese desaxuste. Solicitamos aproximadamente a destilación de 2 millóns de litros de distintas adegas. O problema é que o mercado está moi parado e por agora seguen aí. Unha vez que se lle dea saída a eses excedentes, as adegas deberán axustar a compra a esa venda real dos viños.
-Nese afán das adegas da venda dos viños, centrarán esforzos en novos mercados?
-Outro problema que atopamos cando entramos foi o mercado no que se estaba traballando e o perfil dos viños que se están a comercializar. Os viños da DO Ribeira Sacra están a venderse principalmente no mercado galego e, na maioría dos casos, cun perfil medio-baixo, o que resulta un problema se se reduce o consumo do viño. A nosa idea é facer campañas promocionais tanto en Galicia coma no mercado estatal con aqueles viños de gama media alta. De aquí a final de ano estaremos en Madrid, en Bilbao e o ano que ven estaremos na feira de Barcelona. Xa estivemos tamén en feiras como a de París ou en Alemaña para promocionar este tipo de viños de gama media alta. Este ano aínda nos queda unha acción promocional, xa que participaremos en Londres nun salón de viños galegos.
-Pese a todo, estase vivindo a entrada de novos investidores na DO, que perfil teñen? Supoñen unha ameaza ou unha oportunidade para os pequenos viticultores da DO?
-Son investidores, mesmo internacionais, pero que fan pequenos investimentos. Son principalmente adegas ou enólogos que teñen noutras DOS investimentos e que quedaron namorados dos viños da Ribeira Sacra e deciden facer estes investimentos para poder ter un viño de gama alta propio desta zona. Son xente que se implica moito coa zona. Non son grandes investimentos de grupos foráneos que estean a coller posicións con estes investimentos como está acontecendo noutras DOS. Son xente que ademais está a axudar moito á propia DO porque están a brindar en moitos casos a súa experiencia e colaboración na comercialización de viños de gama alta.
–Coma noutros sectores do agro, a remuda xeracional está a ser unha das preocupacións na DO?
-Estamos vendo que para os mozos novos non lles resulta atractivo incorporarse, xa que adoitan ser explotacións moi pequenas e cunha rendibilidade moi baixa, en parte porque na DO estivemos centrados nun tipo de viños cun perfil moi baixo, o que fai que o prezo da uva tampouco sexa alto e a rendibilidade do viticultor que vende as uvas sexa baixo. O que nos tememos é que mesmo vaia a máis, xa que a situación que atravesan os viños tintos tamén dificulta que se mellore. Ademais, na zona tampouco hai moitos mozos e a media de idade dos viticultores é alta, polo que tamén haberá máis cese da actividade.
“Nos últimos tempos perdéronse arredor duns 800 viticultores, porque se fixeron explotacións máis grandes ou se deixou a actividade”
-Están quedando viñedos abandonados por falta de remuda?
-Si, leva pasando xa dende hai uns anos. Neste momento é cando máis hectáreas temos inscritas na DO, pero é verdade que isto é a base de perder viticultores. Nos últimos tempos perdéronse arredor duns 800 viticultores, porque se fixeron explotacións máis grandes ou se deixou a actividade. Nalgunhas zonas a falta de remuda é patente dende hai anos, xa que hai pequenas parcelas que tras cesar a actividade o viticultor que as xestionaba non atoparon quen se fixera cargo delas.
-Nunha DO onde a viticultura se torna heroica en moitos viñedos e onde a mecanización no viñedo é moi complexa ou mesmo imposible, resulta un condicionante significativo para procurar esa remuda xeracional? Que están a facer ó respecto dende a DO?
-Os nosos esforzos céntranse en posicionar os viños noutro tipo de mercados para incrementar a rendibilidade e que se pague ó viticultor o que realmente vale a uva, de xeito que sexa máis atractivo para a xente nova. Se o conseguimos pode que teñamos máis remuda xeracional.
-Outro dos retos da viticultura actual son os efectos do cambio climático, con condicións climáticas cada vez máis extremas, sobre todo con episodios de seca moi significativos que causan situacións de estrés hídrico nos viñedos. Noutros territorios estase a abordar a rega do viñedo, contémplase polos viticultores da Ribeira Sacra?
-Realmente a rega en viñedos non está autorizada como tal, só se permite unha fertilización por rega, polo que non podemos impulsar ese tipo de prácticas. Creo que chegará un momento no que se deba abordar, non sei se dende a DO ou as Administracións.
“Arredor dun 70% das adegas contan cun seguro, pero poucos dos 1.200 viticultores están asegurados”
–Precisamente falando de episodios climáticos extremos, nos últimos anos xa se deron treboadas que deixaron arrasadas as viñas en varias zonas da DO, estase optando máis por asegurar os viñedos?
-Somos unha das DOS na que máis seguros se fan, pero a propia estrutura da propiedade limita que se poida incrementar ese número de asegurados. Boa parte dos viticultores son maiores e son reticentes a facer estes seguros porque teñen explotacións moi pequenas e non ven ese interese por asegurar as viñas. Moitas veces a experiencia cos seguros non é a mellor, polo que prefiren asumir as perdas que poidan producirse por un mal ano que estar pagando un seguro. Nós dende a DO xa fixemos algunha charla informativa ó respecto, pero que non tivo demasiado éxito, xa que a xente que xa tiña seguro non foi e os que non o tiñan non estaban interesados en facelo. Dende o Consello Regulador tamén contactamos directamente cos adegueiros para elaborar unha estadística sobre o tema. Así coñecemos que arredor dun 70% das adegas contan cun seguro, pero poucos dos 1.200 viticultores están asegurados, debido ás trabas que logo atopan para cobrar indemnizacións por danos.
“Se a Ribeira Sacra resulta recoñecida como Patrimonio da Humanidade, creo que ó sector do viño lle vai traer máis beneficios ca prexuízos”
-Xa para rematar, como valora que a Ribeira Sacra volva ser aspirante para ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade?
-Persoalmente sempre o valorei dun xeito moi positivo. As reticencias que houbo nun primeiro momento por parte de viticultores e adegueiros crendo que ía haber unhas limitacións á actividade creo que xa están superadas, aínda que si que hai certas limitacións sobre todo a nivel burocrático. Á marxe diso, creo que ó sector do viño vaille traer máis beneficios ca prexuízos. O primeiro intento houbo que reformulalo e agora creo que está mellor, entre outras cousas porque se está involucrando e contando coa cidadanía, xa que unha candidatura deste carácter non se debe facer de costas á xente do territorio. Saia ou non elixida a Ribeira Sacra, debemos considerarnos Patrimonio da Humanidade para seguir a conservar este patrimonio.
-Algo máis que queira comentar sobre algún tema prioritario para a DO?
-Sobre todo gustaríame insistir na importancia dos viticultores e da viticultura como mantedores da paisaxe. Toda a pirámide da viticultura baséase nos viticultores e poucas veces estiveron recoñecidos como merecen, un esforzo que moitas veces fan de xeito altruísta. Nós temos máis de 800 viticultores que non venden uvas, pero que pertencen e pagan a súa cota do Consello Regulador e isto é por un sentimento de pertenza e conservación do patrimonio. Creo que as Administracións lle deben recoñecer ese esforzo ós viticultores. Os viticultores son o sustento de parte das provincias de Lugo e Ourense e débense apoiar.