Doutor en Ciencias Biolóxicas e profesor de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e na Universidade Rei Xoan Carlos, en Madrid; Fernando Valladares leva a cabo, ademais, un importante labor de difusión científica. O impacto que o cambio climático e a acción humana teñen nos ecosistemas é un dos temas centrais das súas investigacións e artigos divulgativos.
Nos últimos meses destacou a claridade das súas explicacións sobre o papel protector da natureza fronte ameazas para o ser humano coma o coronavirus. Con el coñecemos tamén as implicacións que a actividade agrogandeira e forestal ten no medio ambiente.
-En máis dunha ocasión dixo que a vacina para o coronavirus a tiñamos nos nosos ecosistemas, que conexións hai entre a perda de biodiversidade e a aparición de novas enfermidades e pandemias como a do Covid-19?
-As conexións son moito maiores do que pensabamos. Nunca foramos tan conscientes de que ter suficientes ou un amplo número de especies nos ecosistemas reducía moito o risco de zoonose [infeccións]. Hai casos de estudos que o demostraron, como as enfermidades de Lyme, na costa este de Estados Unidos, ou a do virus do Nilo. Neste último caso era a diversidade de aves o que baixaba o risco de zoonose significativamente na especie humana. Na enfermidade de Lyme, onde a responsable é unha bacteria, tamén ocorría que a falta dalgúns animais típicos como a sarigüé facía que predominase o rato, que ten unha carga de patóxeno maior, co que acababa pasando con maior frecuencia e perigo á especie humana. Isto son só dous exemplos, pero hai moitos nos que a presenza doutras especies actúa como un cortalumes natural ao contaxio humano.
-¿Esa mesma función de cortalumes natural é a que realiza o lobo coa tuberculose no xabaril?
-Non exactamente. Neste caso é un exemplo de como a regulación cun predador, o lobo, mantiña os niveis de tuberculose animal moito máis baixos. Así, o xabaril mantíñase en números moi similares se era controlado polo patóxeno, pola tuberculose, ou se era controlado polo lobo. A diferenza radicaba en que coa presenza do lobo os niveis de infección eran moi baixos, co cal o risco de contaxio para animais domésticos e outros elementos da cadea trófica, era tamén menor. A tuberculose animal non pasa, polo momento, á especie humana, pero afecta significativamente a outros animais domésticos e salvaxes coma linces, zorros ou otros mamíferos. Sen o lobo comprobouse que a presenza do patóxeno era moito maior, o que supuña un risco tamén máis elevado para todo o conxunto do ecosistema.
“A biodiversidade constitúe as pezas necesarias do ecosistema para que funcione”
-Aínda é posible dar marcha atrás, ou a saúde destes espazos naturais está demasiado danada para seguir ofrecendo protección ante virus e patóxenos? Cales son as claves para recuperar a biodiversidade?
-Dar marcha atrás para algunhas especies xa non será posible porque se extinguiron, e iso é irreversible. Con todo, a función dalgunhas especies pódese ir recuperando por outras. Mantendo un ecosistema máis rico en especies a probabilidade de que se atopen substitutos funcionais é moito maior. A conservación, a protección da biodiversidade, a introdución, en ocasións, de especies claves, pode ter un efecto acelerador para a recuperación da biodiversidade e a funcionalidade. A biodiversidade constitúe as pezas necesarias do ecosistema para que funcione, que realice funcións como amortecer a carga vírica, reducir o risco de zoonose, pero tamén amortecer extremos climáticos e outro tipo de servizos relacionados coa nosa saúde ou comerciais como é a produción de madeira, captar CO2, regular o ciclo hidrolóxico, a polinización… Todo iso conséguese en ecosistemas que funcionen e para iso é imprescindible que conte con todas as pezas necesarias.
-En que liñas se pode incidir para que esta aposta pola biodiversidade sexa compatible co aproveitamento económico do medio natural?
-Témome que a única forma é baixar un pouco as nosas expectativas de produción a curto prazo. Conseguirémolo no momento no que baixemos a presión por producir en grandes cantidades, por exemplo, alimentos ou madeira; e teñamos unha visión máis a medio-longo prazo da sustentabilidade de todo o sistema. Trátase de non acabar coa galiña dos ovos de ouro: non acabar coa produción a longo prazo por maximizar uns anos de bonanza. Realmente, esa produción tan intensa tanto en sistemas gandeiros como forestais ou en sistemas naturais, pero moi intervidos, provoca unha perda de diversidade tanto xenética dentro das especies, como deses mecanismos que permiten que o ecosistema realice máis dunha función.
“Temos que apreciar a multifuncionalidade que nos ofrece a natureza, en lugar de querer maximizar a produción, xa que iso non é sustentable”
Nós tendemos a reducir as funcións a unha ou a dúas e a maximizar a produción para esa función e así non é como funciona a natureza, iso non é sustentable. Temos que apreciar a multifuncionalidade, aproveitar que a natureza pode facer máis dunha función, o que permite que o sistema sexa máis resilente, capaz de soportar perturbacións no futuro, que sexa máis sustentable, máis autónomo, polo que se precise mesmo menos diñeiro para mantelo. Todas estas vantaxes só chegan se non estamos obsesionados por maximizar unha ou dúas funcións, ben sexa a produción de madeira ou agrogandeira baseados en sistemas moi intensivos.
-Que papel xogan a agricultura e a gandaría nesta recuperación? Son un aliado para a recuperación de ecosistemas?
-Desde logo que poden selo, dependendo de como se leven a cabo. A agricultura moi tradicional, a que facían os pobos nativos nos Andes nunha economía de escala local, apoiábase nunha gran diversidade. Iso facía que houbese variedades para cada microclima. Agora, todo iso vaise perdendo e pretendemos pór a mesma especie, ademais sendo xeneticamente moi homoxénea, en todo o territorio, porque é a especie que coñecemos e queremos sacarlle o máximo partido. Isto obríganos a crear unha contorna moi artificial, é coma se quixésemos criar porco ibérico na tundra, sería unha crianza totalmente artificial porque non se dan as condicións necesarias.
Recuperar unha certa naturalidade e resignarnos a que non todas as especies que nos gusten ou aquelas que teñamos máis estudadas, pola súa produción, sexan as que haxa que pór en todo tipo de territorios é unha vía de medio e longo prazo moito máis sensata e sustentable. A curto prazo, estes modelos pasan por unha redución da produción, pero se integramos a produción sostida durante moitos anos entre os cales houbese efectos de seca e pragas seguramente as diferenzas no volume de produción se vaian atenuando, á vez que sumamos outras funcións que realiza un bosque, un cultivo, un sistema agrosilvopastoral ou explotacións gandeiras extensivas.
-En que debería mellorar a gandaría española intensiva en materia ambiental?
-A gandaría intensiva, en realidade, é artificializar o natural e non vai polo bo camiño. Teriamos que limitala a aqueles casos nos que non quede outra alternativa. Debemos abrir a gandaría intensiva a formas máis compatibles co medio ambiente e a sustentabilidade ambiental. A pegada ambiental das gandarías intensivas é tan grande que se mide en algo tan importante como a auga, ademais de que seguen sendo altamente demandantes de antibióticos e fármacos. Todo isto dá forma a unha pirámide artificial á hora de producir baixo estes modelos.
“Debemos ir transformando os sistemas intensivos en extensivos, porque teñen maior grao de compatibilidade con outras funcións que proporciona o medio”
Aínda que teñamos tecnoloxía para manter este tipo de produción, se no cómputo engadimos a pegada ambiental que provocan non saen as contas. Polo momento, os estados van compensando dunha forma indirecta e difusa ese custo ambiental. En xeral, debemos ir transformando os sistemas intensivos en extensivos, porque teñen maior grao de compatibilidade con outras funcións que proporciona o medio e unha pegada ambiental tamén máis reducida.
-Tanto en agricultura como en gandaría, en moitas zonas de España, estas actividades están a sufrir importantes perdas pola acción da fauna salvaxe sobre colleitas ou gando. É tamén un dano colateral dunha perda de biodiversidade? Como chegamos a esta situación?
-Realmente estes ataques, polo momento, non supoñen aínda unha contía económica moi elevada, aínda que é certo que aos gandeiros que lle afecta nas súas ovellas ou as súas vacas supón unha perda importante, pero para iso xa se habilitaron mecanismos de compensación. A idea é seguir afondando nestas medidas, para que o gandeiro non pague polos efectos colaterais da biodiversidade. Tamén hai unha certa picaresca por parte dunha parte do sector que busca compensacións aínda que non tomase as medidas necesarias para reducilos ou evitalos ou que pretende atribuír á fauna salvaxe perdas por outras causas. As dimensións do problema agora mesmo a escala do territorio non son tan grandes e temos outros problemas máis graves.
“Tendemos a ver as políticas de conservación ou reintrodución de especies coma un gasto, no canto de valoralas coma un investimento”
-Como se perfila a solución?
Esta problemática pódese abordar mediante unha xestión das políticas de compensación, baseadas na transparencia e a honestidade dos censos tanto da carga de gando e da fauna salvaxe. É verdade que a rendibilidade económica a curto prazo pódese ver reducida, pero a medio-longo prazo, unha vez máis, todos saímos beneficiados. Temos tendencia a pensar que políticas como a conservación e reintrodución de especies coma o lobo teñen un gasto, pero, en realidade, hai que empezar a valoralo coma un investimento. Ninguén pensaba, por exemplo, que a tuberculose animal a ía a regular o lobo. Está claro que non se reintroduce un lobo para que regule esta enfermidade, pero entre as múltiples funcións que realiza un lobo nun ecosistema está a de reducir a carga de patóxenos. En xeral, un ecosistema con todas as escalas tróficas e niveis é garantía de que pode realizar máis funcións aínda que non maximice individualmente ningunha delas.
“Os bosques mixtos crean unha barreira natural fronte a pragas”
-E en materia forestal, é contraproducente a repoboación dos bosques pola perda de biodiversidade que xera?
-Hai moitas formas de repoboar, coma todo, pódese facer ben ou mal. Hai repoboacións que non se fixeron ben dende un punto de vista ecolóxico, que poden estar ben feitas estritamente para a obtención da madeira. Non podemos pensar que ter unha única especie sexa un bosque, iso é unha plantación. A gran diferenza entre un e outro é que un bosque é un ecosistema e unha plantación é un artificio humano, e non podemos pretender que esta realice nin a enésima parte das funcións que realiza un ecosistema natural ou seminatural.
Un dos principios básicos en silvicultura é favorecer bosques mixtos, na medida do posible. Nas nosas latitudes, os bosques non teñen moitas especies forestais, pero abonda con que haxa 3 ou 4 especies e non se cinga a só unha. Esta variedade ofrece moitas vantaxes xa a medio-longo prazo, posto que permite que se regulen de forma natural fronte a pragas, ao crear as distintas especies unha barreira entre si, a diferenza do que ocorre na plantación dunha única especie. É o caso, por exemplo, das plantacións de piñeiros, onde a maioría de razas son susceptible da procesionaria. No canto de contar cunha plantación uniforme só de piñeiros, se se alterna con especies que non sexan coníferas, coma as sobreiras, fai que a praga non atope continuidade e, aínda que afecte a individuos a afección global é moito menor.
-Pode compensarse o impacto que xeran na biodiversidade do ecosistema as plantacións forestais de crecemento rápido, coma o eucalipto, co seu papel como sumidoiros de carbono?
-Non hai ningunha especie boa ou mala. O eucalipto foi moi demonizado porque ten impactos ambientais moi graves; como as características químicas das súas follas, que volven o chan moi acedo e moi pouco favorable á descomposición e á sustentabilidade natural. Ademais, é unha especie á que lle custa consolidar o chan e ten unha elevada necesidade de auga. O eucalipto ten graves problemas pero, indubidablemente é unha fonte de materia de polpa de papel e madeira e pode ser unha opción válida para o territorio.
“Non hai que pensar en eliminar por completo o eucalipto, pero tampouco se pode seguir na liña que se fixo en grandes zonas de Galicia”
Non hai que pensar en eliminar por completo o eucalipto, pero tampouco se pode seguir na liña que se fixo en grandes zonas de Galicia ou da costa norte de España pensando nestas plantacións como unha panacea económica, porque estas especies de crecemento rápido permiten recuperar o investimento, pero non son accións favorables para o ecosistema. Se somos capaces de realizar unha boa ordenación do territorio hai sitio para os eucaliptos, a pesar de que é unha especie moi pouco nativa no territorio español, onde non existe outra especie similar autóctona. Por exemplo, no caso do piñeiro, atopámonos con plantacións exóticas como o piñeiro de Monterrei (California), pero ao ser piñeiro polo menos ten certas similitudes cos piñeiros autóctonos, mentres que no caso do eucalipto non ten un equivalente autóctono. Temos que pensar moi ben onde metemos eucalipto, sen que se xere un problema ambiental grande.
Aínda que é certo, que as plantacións de eucalipto, coma outras de rápido crecemento, teñen a vantaxe de ser bo sumidoiro de carbono, hai que ter en conta que, ás veces, o ciclo de vida desa madeira é tan curto que case é entreter un pouco ao carbono mentres pasa dun lado a outro. Non é o mesmo que en madeiras como o carballo ou a sobreira, onde o carbono queda acumulado durante moito tempo. As especies produtivas son iso: produtivas; pouco máis van facer ben, e cada vez temos que aspirar a cubrir máis dunha función e conseguir bosques máis resilentes a problemáticas como os incendios.
-Que opinión lle merecen os selos de certificación forestal, son garantía de biodiversidade, posto que na actualidade céntranse en certificar plantacións de monocultivo?
– Son garantía do que di o contrato de certificación forestal. Non hai dúas axencias que certifiquen o mesmo. Moitas veces certifican a orixe e iso xa é importante posto que ás veces fixéronse repoboacións con variedades xenéticas procedentes de zonas moi afastadas ou moi empobrecidas. A existencia dunha axencia de certificación xa supón un primeiro paso en asegurar que a procedencia é correcta e que se cumpriron unhas determinadas condicións de diversidade xenética. Isto é un primeiro paso, pero queda aínda moito por facer, hai que ver como se planta ese bosque, como se coida, a presenza doutras especies ou se se compatibiliza con outros usos que non sexa só a produción de madeira. Todo iso lévanos a que gañe como bosque e que non quede nunha plantación de madeira.
-Nos últimos anos púxose o foco na agricultura e a gandaría como factores que contribúen ao cambio climático polo uso que fan da terra. Agora coa crise do coronavirus evidenciouse que o seu impacto en materia de emisións é bastante máis reducido que o doutras actividades, son realmente preocupantes as emisións da actividade agrogandeira e forestal?
-Si, son preocupantes, xa que debemos de multiplicar as emisións que xeran estas actividades pola inmensa superficie que ocupan. Pensemos que actividades tan sinxelas como queimar restrollos ou remover o chan provoca emisións de efecto invernadoiro. Aínda que esta cantidade non sexa moi elevada, cando se multiplica polos millóns de hectáreas en todo o mundo que ocupan o sector agrogandeiro e forestal teñen un impacto notable.
Díxose moitas veces que os bosques teñen esa función de sumidoiro de carbono e de compensar emisións, e aínda que é verdade que a teñen, xa chegou un pouco ao seu teito. É certo que se pode mellorar esta capacidade dos bosques con reforestacións, hai marxe de mellora, pero en verdade temos máis que mellorar en canto ás nosas actividades económicas asociadas.
“Non podemos esixir ós agricultores e gandeiros prezos baixos e unha produción máis sostible. Ten que ser un esforzo de todos”
Se nós para producir un quilo de proteína animal temos que pór en movemento determinada maquinaria estamos indirectamente emitindo unha cantidade importante de CO2 para producir ese produto. Por iso, a agricultura máis local, que ten unha escala na que adoita sacrificarse o volume de produción, permite reducir moito a pegada hídrica ou de carbono por cada quilo de produto. Esa é unha misión que non podemos pedir só aos agricultores ou gandeiros, non podemos pretender que sexan eles os que manteñan os prezos baixos e esixirlles unha produción máis respectuosa. Ten que ser un esforzo de todos, no que se deixe atrás a produción de comida barata, porque ten unha pegada ambiental tremenda, que polo de agora parece non estar a repercutir en ninguén, xa que non a asume nin o produtor, nin o distribuidor nin o consumidor. Ademais, proporciona o espellismo de que estamos a producir tomates a 80 céntimos, pero se lle sumamos a súa pegada hídrica e de carbono o seu prezo incrementarase.
Temos que ser conscientes diso no noso día a día, cando compramos, por exemplo, un mango procedente de Perú a 3 euros. Debemos ter presente de que ese non é o seu prezo real, tendo en conta o seu custo ao medio ambiente polas emisións que xerou tanto a súa colleita como o seu traslado. Se pagásemos 300 euros por ese capricho, e ese diñeiro a maiores se destinase a un fondo ambiental, poida que estivésemos a empezar a compensar e poderiamos permitirnos seguir facendo algunhas destas excentricidades enerxéticas, xa que son un auténtico disparate a nivel ambiental.