“Temos que mellorar a nosa formación como gandeiros e ter máis autoestima polo noso traballo”

Entrevista a Avelino Souto Rozados, un mozo de Lalín que está a realizar un amplo programa de formación para ser gandeiro, cunha recente estadía no Canadá. Referente tamén en concursos de manexo en España, ven de incorporarse ao equipo de Embriomarket.

“Temos que mellorar a nosa formación como gandeiros e ter máis autoestima polo noso traballo”

Avelino na súa gandería familiar en Lalín.

Avelino Souto Rozados é, a pesar da súa xuventude, 19 anos, un dos gandeiros máis coñecidos de Galicia. Unha das súas paixóns son as vacas, e en concreto a mellora xenética e o manexo. Dende moi novo participou en concursos de manexadores, tanto a nivel nacional como internacional, coa gandería dos seus pais, Gandería Midón, na parroquia lalinense de Barcia. Entre o seu xa amplo palmarés está o de mellor manexador de Galicia en GandAgro ou de España no XVI Concurso Nacional de Conafe.

Neste momento está a cursar un ciclo superior de gandería no Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa, en Coristanco, e acaba de rematar unha estadía de 5 meses en Canadá, onde realizou prácticas nunha das ganderías punteiras en xenética Holstein daquel país. Este luns comezou a súa andaina profesional na empresa galega Embriomarket, un dos referentes en mellora xenética no sector gandeiro.

De onde ven, Avelino, a túa vinculación co sector gandeiro?
Son a cuarta xeración de gandeiros na miña familia e dende pequeno sempre me gustou o mundo das vacas. A nosa explotación está na aldea de Midón, en Lalín, e é unha gandería pequena, con entre 50 e 40 vacas en muxido. Nos últimos anos fixemos unha importante mellora en xenética que nos permitiu mellorar a rendibilidade. É algo do que logrei convencer aos meus pais e os resultados estámolos vendo xa.

Temos algo máis de 30 hectáreas de base territorial, e aínda que moitas fincas son pequenas ou están en zonas de monte, temos a vantaxe de que están cercanas á explotación, nun radio máximo de 2 quilómetros.

Desgraciadamente, nesta parroquia, A Barcia, houbo veciños que non estiveron de acordo no seu momento en facer a concentración parcelaria, e creo que é algo que ao final nos prexudica a todos.

Estás neste momento a realizar estudos na Efa Fonteboa. Que te levou a elixir este centro?
Acabei estudos na Efa Fonteboa en Producións Agropecuarias e agora estou realizando un Ciclo Formativo de Grado Superior de “Ganadería e Asistencia en Sanidade Animal”.

Elixín a EFA Fonteboa porque me falaron ben dela e agora que levo tres anos vexo que hai moitas diferencias respecto a outros centros. En primeiro lugar, é un centro que nos permite ao alumnado realizar Erasmus en explotacións gandeiras de Francia e de Irlanda, o que, á parte de servirnos para mellorar o idioma, permítenos ampliar a nosa formación profesional e vivir unha experiencia humana enriquecedora. Un dos aspectos que máis me chamou a atención cando estiven en ganderías de Francia é que teñen datos de como funciona a explotación e son transparentes á hora de facilitarche esa información. É algo que se ve como normal, o de compartir esa información, porque axuda a que todo o sector avance e mellore.

“Noutros países a formación agraria e gandeira é moito máis práctica”

Ademais, é un centro cunha metodoloxía de ensino moi dinámica con alternancias en empresas agrogandeiras, de forma que durante os dous anos do ciclo vas facendo prácticas en varias empresas. Tamén estamos continuamente asistindo a xornadas técnicas, congresos …etc.

Valoro que a formación é eminentemente práctica, tal e como se fai nos países máis avanzados. Por exemplo, en Francia teñen só 1.500 horas lectivas e o ciclo dura tres anos porque fan moitas prácticas, pero en España os ciclos teñen 2.000 horas lectivas e duran dous anos.

Ves de rematar unha estadía de formación de 5 meses en Canadá, un dos países referentes a nivel mundial en xenética Holstein. ¿Que destacarías de como traballan naquel país os gandeiros?
Sempre tiven a ilusión de viaxar a Canadá, e á rexión do Quebec en concreto, porque considérase que é o país número un a nivel mundial en xenética Holstein. Xurdiume a posibilidade de facer unha estadía este ano e aproveiteina: estiven durante 2 meses a través de prácticas da Efa Fonteboa e outros tres meses de verán pola miña conta.

A estadía realiceina nunha gandería orientada sobre todo á venda de xenética, tanto de embrións como de xatas e de vacas, porque alí os gandeiros compiten moito por xenética e por ter animais moi bos. Tiven tamén oportunidade de viaxar coa explotación, de coñecer ao xefe dos calificadores de Canadá e tamén a algúns xenetistas, ademais de mellorar moito o meu francés.

En Canadá o sector lácteo aínda está co sistema de cotas e teñen un mercado moi protexido polo Goberno, con limitacións das importacións, o que lles permite ter moi bos prezos do leite, de arredor de 0,51 euros o litro.

Sen embargo, tanto dende Estados Unidos como dende a Unión Europea estanlle esixindo que abran o seu mercado, e os gandeiros opóñense. Non obstante, creo que teñen un punto de partida para a liberalización do sector lácteo mellor ca nós porque a maioría das explotacións teñen mentalidade empresarial -todas saben realmente os seus custos de produción- e os gandeiros están moi, moi formados, mellor que aquí. E iso, xunto á dispoñibilidade de base territorial, vailles permitir tomar mellor as decisións nun mercado libre.

A xenética é unha das áreas nas que te están especializando. Nos últimos anos o índice ICO en España está a cambiar para adaptar a selección xenética da raza Frisona á nova situación do mercado….¿Como valoras estes cambios?
Queremos buscar a través do ICO a vaca ideal e iso é complicado porque o ICO pretende meter moitos parámetros (leite, graxa, proteína, días abertos, fertilidade..) e iso complica a toma de decisións e os avances en mellora xenética.

Creo que cada explotación ten que plantearse onde está a nivel xenético e a onde quere ir, sen deixarse influír demasiado polas presións comerciais. Os programas informáticos para os acoplamentos están moi ben pero as súas recomendacións son moi básicas. Paréceme que é necesario tamén facer acoplamentos visitando as granxas, mirando as vacas e as situacións de cada gandeiro.

“Creo que á hora de realizar acoplamentos hai que centrarse nos caracteres produtivos e que se herdan facilmente”

Tamén creo que debemos centrarnos en mellorar os caracteres que son produtivos e que teñen unha alta herdabilidade. É dicir, hai caracteres como leite, graxa, proteína, ubres ou patas que se herdan facilmente. Pola contra, os caracteres secundarios como a fertilidade ou os días abertos son moi pouco herdables, e teñen que pasar varias xeracións para notarse, sendo moito máis determinantes factores como o manexo.

Neste sentido, creo que é un erro común fixarse soamente nos touros números un, que son os máis caros e tamén solen ser os máis “tiperos”, pero que pode que non se adapten á realidade da explotación e ás súas necesidades produtivas.

Por tanto, ¿Cales son os primeiros pasos que darías para mellorar a xenética dunha gandería de vacún de leite?
Primeiro sentarnos co gandeiro a falar, meternos entre as vacas e mirar a situación real da explotación. É imprescindible coñecer o punto de partida, os animais cos que se conta, e sentarse co gandeiro para saber a onde se quere chegar, a que obxectivos. Tamén hai que ter en conta que para ver resultados na xenética teñen que pasar como mínimo dous anos.

A base para poder empezar a traballar en mellora xenética é lograr establos con vacas homoxéneas, con animais moi parecidos, porque iso vai facilitar moito o traballo.

Un erro que se sole ver nalgunhas explotacións é que se centraron soamente na mellora do carácter produtivo de leite, pero que chegan un momento en que estas vacas cun potencial fantástico para producir leite, non teñen unhas patas e unhas ubres que soporten eses niveis produtivos, e empezan a ter tamén problema para preñar. Iso leva a vacas que no segundo parto xa están acabadas.

Por iso, creo que hai que darlle máis peso a caracteres morfolóxicos. Por exemplo, unha vaca cunha boa costela anterior, repercute en que terá maior capacidade pulmonar, non sufrirá tanto de pneumonías e terá maior capacidade de producir leite.

¿Ves posibilidades de que a xenética se converta tamén nunha fonte de ingresos para as nosas ganderías de vacún de leite?
Sen dúbida. Pero temos que cambiar a mentalidade de sobrevalorar o de fóra e infravalorar o de aquí. Por exemplo, temos xovencas e vacas á mesma altura que as vacas holandesas ou alemás, e que poderíamos vender tanto para o noso mercado interno como para exportar. Se producen máis graxa e proteína é polo sistema de manexo que teñen alí, pero as nosas vacas están á mesma altura e incluso por riba.

Es moi crítico cos cruzamentos, unha alternativa que se está a implantar nalgunhas ganderías para mellorar as calidades. ¿Por que motivo estás en contra?
Creo que a xente se está equivocando, porque foi unha moda que xa houbo noutros países e que aquí está chegando con moita forza, sobre todo debido ás presións comerciais. No sistema que temos en España e en Galicia as razas creo que hai que traballalas en pureza, sexan Holstein, Jersey ou outras.

“Os cruces para mellorar calidades non os aconsello porque acaban tendo un resultado impredicible”

E é que o resultado dos cruces, sobre todo a partir da primeira xeración é impredicible, e non nos asegura que teñamos nin leite nin sólidos. Ademais, unha vez que cruzaches é moi difícil volver ao punto de inicio, á raza Holstein. Traballando con mellora xenética en Frisona e con alimentación coñezo a explotacións que están nun 4% de graxa e 3,4% de proteína.

Isto dos cruzamento fíxose hai anos noutros países, e agora esta tendencia quizás estea chegando a España porque hai moita semente de Montbelier e doutras razas e hai que vendela.

Coas túas estadías noutros países, ¿Que fortalezas e que debilidades lle ves aos produtores de leite en Galicia?
A fortaleza é que os galegos, a pesar de todo, e de en moitos casos non ter formación, logramos ser grandes produtores, e contamos tamén cuns técnicos e cuns veterinarios fantásticos, á altura de calquera país avanzado.

A debilidade é que nos falta como gandeiros ter mentalidade empresarial. Tamén creo que quizás se o modelo intensivo se pon en cuestión, e hai que volver facer pastoreo, vai haber explotacións que van ter serios problemas.

Se tomaras o relevo na túa explotación familiar, ¿Que decisións estratéxicas tomarías de cara ao futuro?
No meu caso a maior parte das ganderías que hai na miña parroquia van pechar nos próximos dez anos por falta de relevo xeracional, e nese sentido debería haber dispoñibilidade de base territorial.

 “Como gandeiros debemos ter mentalidade empresarial e coñecer os datos reais da nosa explotación”

En canto a desintensificar, non descartaría nada de cara ao futuro. Tampouco creo que o pastoreo sexa a panacea e unha solución que se poda xeneralizar. É indiscutible que para a industria láctea é máis fácil vender leite de pasto aos consumidores, pero tamén é unha realidade que os gandeiros queren ter cada vez mellor calidade de vida, e non teño seguro que o pastoreo llo permita, movendo as vacas ao prado todos os días.

“Nas axudas de incorporación e nos plans de mellora debería primarse á xente máis formada e esixir un plan de viabilidade rigoroso”

Como mozo, ¿que mellorarías nas axudas de incorporación ao agro en Galicia?
Os mozos mais formados na rama agraria deberían ter máis puntos nos plans de mellora e maior prioridade nas axudas de incorporación. Creo que se debería dar máis facilidades e máis puntos á xente con mellor formación na rama agraria e gandeira.

Estiven en Francia con mozos e alí, a parte de formación, esíxenlle un plan de viabilidade moi rigoroso, de forma que cando se incorporan fano de verdade. Creo que iso falta en Galicia, que a xente se incorpore realmente á actividade agrogandeira. É dicir, deberíase esixir un plan de viabilidade máis completo e rigoroso, onde figure a quen lle van vender o leite, canto van producir, en canto se van endebedar….etc, para ver se realmente esa incorporación ou ese plan de mellora é viable.

E en canto aos bancos, á xente nova póñennos moitas dificultades para lograr financiamento. E creo que quizás se foramos solicitar un crédito con plans de viabilidade serios teríamos mellor acceso ao financiamento.

A única forma de fixar poboación no rural é tendo traballo, e se a xente gana cartos no rural vai quedar aquí. Pero para iso fai falta ser profesionais.

Asistindo a xornadas técnicas, algunhas incluso en Galicia, dá a sensación de que as explotacións lácteas galegas non teñen futuro, de que a clave está en macrogranxas de 1.000 vacas situadas en zonas de regadío da Meseta, con producións moi intensivas, a base de silo de millo e concentrado…
Creo que hai que mirar a realidade e a situación de cada pais. E en España e en Galicia non lle vexo futuro ás explotacións de 1.000 vacas, porque dende o o punto de vista medioambiental e de base territorial é difícil de xestionar, por non falar de que son máis sensibles á oscilación das cotizacións das materias primas e do prezo do leite.

É certo que as hai en Estados Unidos ou en Canadá, pero alí a realidade é moi distinta, xa que alí teñen moita base territorial e a problemática medioambiental non ten a mesma preocupación social que en Europa.

 “Non vexo moito futuro ás granxas de 1000 vacas en Galicia e en España”

O que importa son os custos de produción e a rendibilidade. Neste sentido, hai explotacións en Galicia que con 80 vacas en muxido, e dúas persoas titulares e un empregado, e que son moi rendibles, e outras que con 400 vacas son un desastre.

Creo que houbo moita presa por dobrar o número de vacas antes do 2015, con moitos gandeiros que pasaron en pouco tempo de 60 a 150 ou mesmo 400 vacas en muxido, porque facían o razoamento de ían triplicar ou cadruplicar as ganancias, e non foi así sempre. E non só é un problema da débeda que arrastran, senón que non saben manexar esas explotacións, porque ao chegar a ese tamaño o gandeiro ten que ser non só un bo profesional, senón ser un empresario, saber de vacas e de levar recursos humanos, porque xa se pasa a varios empregados.

Como ves o futuro das ganderías de vacún de leite en Galicia dentro de 10 anos?
Creo que imos seguir cun número parecido de vacas, aumentando un pouco, pero con maior produción. O que si está claro é que soamente van quedar os que sexan profesionais do sector. Moitas explotacións nas que non hai relevo xeracional van pechar e das 8.000 explotacións lácteas pode que queden 5.000 ou menos. Isto véxoo na miña zona, onde incluso hai explotacións novas, rendibles, pero todos os seus socios son maiores e 50 anos e os fillos non os educaron para que tivesen a opción de quedar na explotación. É un problema que os que peor falen do propio sector sexamos os gandeiros, isto non ocorre noutros países.

Non se trata de negar a realidade dos prezos baixos do leite, pero se non temos autoestima no sector non imos a ningures e vai ser moi difícil que axente se quede.

Acabas de formalizar a túa incorporación a Embriomarket. ¿Como afrontas esta nova etapa?
Ao final vou traballar no que a min me gusta, en mellora xenética e no que estou máis formado. Estou convencido de que vou estar encantado porque traballar con vacas e con gandeiros é algo co que disfrto.

No futuro non descarto incorporarme á gandería familiar, pero os máis pais aínda son novos, e o día que me incorpore teremos que aumentar rabaño e facer cambios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información