O mercado da carne de vacún vive un momento álxido, con forte demanda e cotizacións en ascenso. A venda de animais vivos para Marrocos deixou sen xatos o sur de España e os compradores están a desprazarse cara ao norte en busca de subministro, o que fixo que os matadoiros galegos tivesen tamén que reaccionar nas últimas semanas subindo prezos para non quedar sen becerros.
A protección que a IXP Ternera Gallega lles outorgaba (perden o selo todos aqueles animais sacrificados fóra da comunidade) non foi suficiente para evitar a competencia de industrias de Madrid, Cáceres ou Alacante, que chegaron en setembro ofrecendo prezos sensiblemente máis altos que os pagados polas industrias asentadas en Galicia.
Distintas ganderías integradas na asociación Gandeiros Galegos da Suprema buscaron saída para os seus xatos con estes envíos realizados desde A Fonsagrada e Becerreá e hoxe, perdido o medo inicial, valoran o trato recibido e están dispostos a seguir comercializando fóra.
Queren xatos grandes e culóns, non nos penalizan como fan aquí
Falamos con catro ganderías da provincia de Lugo para que nos expliquen os motivos, que pasan pola venda por quilo vivo, no canto do peso en canal, e por menores limitacións no tamaño e a idade e tamaño dos animais, que non son penalizados se pasan dos 10 meses ou acadan pesos elevados.
Os primeiros tráilers que saíron de Galicia fixérono a 3,75 e 3,80 euros quilo vivo pero os que marcharon a semana pasada xa foron a 4 euros. Con ese prezo, un xato culón de 500 kg de peso vivo deixaría 2.000 euros. Pode ter un rendemento do 62% (310 quilos/canal), polo que o prezo pagado de 4€ quilo/vivo sería o equivalente a 6,45€ quilo/canal.
Un prezo de 4€ quilo/vivo nun animal cun rendemento do 62% sería o equivalente a 6,45€ quilo/canal
O rendemento dos xatos varía dependendo da conformación e o peso do animal, podendo situarse nun 57% no caso dun animal de Suprema estándar, de categoría R, un 60% para un semiculón e un 62% para un culón. A máis peso, tamén máis rendemento, podendo chegar ao 65% no caso de animais por enriba de 500 quilos.
O Consello Regulador celebra Pleno este xoves
Mentres o ambiente en Galicia está cada vez máis crispado, cun notable enfado das industrias e os tratantes contra os gandeiros díscolos, o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega ten convocada unha reunión para este xoves cun punto na orde do día sobre as “tendencias de mercado”.
As industrias galegas comezan a ter falta de becerros e na Mesa de Prezos desta semana pactouse unha nova suba das cotizacións
Os distintos elos da cadea volveranse ver as caras pero o entendemento semella difícil. As industrias adheridas á IXP comezan a ter falta de animais mentres os gandeiros están dispostos a seguir subministrando o mercado de fóra, cunha nova viaxe prevista para esta semana, que sairá cara Asturias.
“Aquí en Galicia castigáronos durante moito tempo e agora ao mesmo prezo case preferimos mandalos fóra”
Andrés Fernández é un mozo de 36 anos da Veiga de Logares que manexa unha explotación de 600 cabezas de gando, sumando 200 vacas nodrizas en ecolóxico, os seus becerros e os 250 xatos que mete tralo destete no cebadeiro da explotación.
El foi o primeiro gandeiro que se decidiu a mandar os seus xatos para fóra unha vez se puxo fin á folga de entregas do mes de agosto. “Carguei un tráiler completo con 40 xatos que tiña acumulados con destino a Orihuela a 3,80€ máis IVE quilo vivo, pero agora teño outros 40 animais para vender e xa temos ofertas de diferentes matadoiros de 4,10, 4,15 e incluso 4,20 euros”, asegura.
Era a primeira vez que Andrés vendía os seus becerros para fóra de Galicia (salvo algúns que tiña mandado nalgunha ocasión para Asturias, onde existe un mercado que demanda xatos de máis quilos que os que se venden aquí) e tamén a primeira vez que o matadoiro de Orihuela, un dos de referencia na Comunidade Valenciana, viña mercar xatos a Galicia, pero Andrés augura que non será a última.
Teño outros 40 xatos para saír agora e vendereillos a quen acepte as miñas condicións
“Viñeron porque teñen falta de animais pero unha vez que viñeron, agora ven a calidade que temos e aprecian este tipo de gando, que din que non lles é doado de atopar por alá. Dixeron que viñan para quedarse, polo que é de supoñer que este tipo de mercado vai seguir aberto e as tendencias nas lonxas non son á baixa”, asegura.
“Lévanse rindo de nós toda a vida”
Salvados os medos iniciais, Andrés está disposto a seguir vendendo os seus xatos a industrias doutras latitudes. “Nós tiñamos reticencias a mandalos para fóra, non só eu, senón todos en xeral, polo tema do cobro e demais, pero a experiencia foi moi boa e descubrimos unha liña de mercado da que non eramos coñecedores. Aquí en Galicia castigáronos durante moito tempo e agora ao mesmo prezo case preferimos mandalos para fóra”, indica.
“Todos os que mandamos xatos para fóra estamos dispostos a seguir mandándoos. Desestabilizamos o mercado e de repente agora aquí os de Galicia subiron os xatos porque estanse quedando sen animais, pero lévanse rindo de nós toda a vida”, quéixase.
A IXP está acomodada e non está facendo nada polo gandeiro porque non está saíndo fóra a vender a nosa carne
“Non pode ser que venderamos os xatos a 4,80€ quilo/canal como os estivemos vendendo durante moito tempo. A IXP non está facendo absolutamente nada polo gandeiro, porque non está saíndo fóra a vender a nosa carne. Nós a calidade témola, só hai que chegar ao consumidor que estea disposta a pagala”, di.
Xatos de 15 meses e máis de 500 quilos
“Andrés comercializaba até agora os seus xatos dentro de Ternera Gallega pero sen a marca de Suprema, tanto por metelos ao cebadoiro como pola súa idade. “Nós traballamos normalmente a máis dun ano vendendo animais de 15 meses e eses xatos aquí penalízannolos moitísimo. Até agora todo eran problemas e desculpas para baixarnos o prezo”, afirma.
Até agora todo eran problemas e desculpas para baixarnos o prezo
Os 40 animais que cargou para Orihuela pasaron pola báscula do mercado gandeiro da Fonsagrada antes de subir ao camión e pesaron 564 quilos de media. “Eses xatos aquí en Galicia terían un rendemento dun 60% pero fóra ese rendemento é dun 65%. Hai unha diferenza dun 5-6% de matalos fóra a matalos en Galicia. Nós cebamos entorno a 500-600 xatos cada ano e a diferenza de prezo nesa cantidade de animais supón moitos cartos”, recoñece.
Hai unha diferenza dun 5-6% no rendemento de matar fóra a matar en Galicia; son moitos cartos
A posibilidade de mandar os seus xatos á marxe da IXP tamén supón un aforro para a explotación nos custos de produción. “Para fóra abarátase a alimentación, porque o penso non é necesario que estea rexistrado na IXP e sáenos máis barato”, explica.
Andrés agarda que a situación actual de demanda se manteña no tempo. “A non ser que Marrocos cerre a importación, isto vaise manter porque hai menos gando. A curto prazo porque a EHE matou moitas vacas en toda España e moitas outras que contabas preñadas están baleiras e a longo prazo porque as explotacións van moito a menos e aínda que algunhas medremos, por cada unha que quedamos pechan 3 ou 4”, asegura.
“Os becerros agora sinto que son meus, antes tiñas un xato e non sabías de quen era”
Hilario Núñez Soto coida de 50 vacas xunto á súa muller, Lidia, en Torés (As Nogais). Leva toda a vida sendo gandeiro, desde que se incorporou no ano 1995 e colleu o relevo do seu pai, pero até agora nunca vendera directamente gando para fóra.
Pero na primeira semana de outubro colleu dous dos seus xatos, que tiñan xa máis de 10 meses, cargounos no remolque e levounos a Becerreá para subilos nun camión con destino a Madrid. Pesaron 450 e 480 quilos e pagáronllos a 3,75€ o quilo.
“Saíron mellor do que estabamos acostumados a vender aquí os marcados de Suprema”, asegura. “Quedei moi contento, pero sobre todo por vender a peso vivo. Para min é moi importante porque vendes o que levas e cóbralo ese mesmo día, que tamén é importante. Non te engana ninguén. Despois como se o meten en picadillo ou no que queiran. O máis importante para min é a legalidade. Doutro xeito ti levas un becerro ao matadoiro aquí e as canais varían moitísimo. No matadoiro iso non o controlas e 15 ou 20 kg supón moito. Aquí a pel non a contan, o rabo tampouco, nin a riñonada, pero nada se tira”, di.
O máis importante para min é a legalidade e vendendo a peso vivo non te engana ninguén. Despois como se o meten en picadillo ou no que queiran
“Os becerros agora sinto que son meus, antes tiñas un xato e non sabías de quen era. Fai poucos días cando pediamos o do peso vivo ríanse de nós e agora aquí aínda viñeron onte a mercar e dixéronme que iso non sería problema. Tomaron a cachondeo a folga, pero foi unha das cousas polas que sempre pelexamos e non imos ceder tan fácil”, avanza.
“Perdemos a marca pero aínda así compénsanos”
José Manuel Villar, da gandería Casa Pardo SC de Baleira, foi un dos gandeiros que estivo en folga en agosto. Desde entón, mandou 6 xatos e todos para fóra de Galicia, en concreto para Cáceres, en dous envíos distintos.
“As industrias de Galicia estaban esperando que se acabara a folga para comprarnos eses xatos a metade de prezo, así que se mirou o mercado para fóra e estanse conseguindo moito mellores prezos. Aquí agora a carne sóbena porque quedan sen ela. O que está a pasar tenlles que servir para abrir os ollos e valorar o que teñen”, recoméndalles aos matadoiros da comunidade.
A explotación de José Manuel e a súa muller Ana conta con 70 vacas, a maioría de raza rubia galega e algún cruce con asturiana e está situada no lugar de Valinfolgueiro, na parroquia de Córneas. Desde alí levou os xatos até A Fonsagrada para cargalos con destino a Estremadura. “Perdemos a marca pero compénsanos. Eu para que quero os 200€ da subvención da Xunta se perdo 300€ no prezo”, di.
Queren xatos grandes e págannos os añojos ao prezo que aquí pagan a Ternera Gallega Suprema con 10 meses
“Fóra de aquí queren xatos grandes e págannos os añojos ao prezo que aquí pagan a Ternera Gallega Suprema con 10 meses. Todos os requisitos que temos na IXP (aleitamento até os 7 meses, sacrificio antes dos 10) deberían ser valorados, pero as esixencias da marca despois non se pagan”, quéixase.
A IXP ten que cambiar; non é lóxico que non che permitan facer animais grandes, que son os que che fan gañar diñeiro
“Ternera Gallega ten que cambiar, a marca ten que sufrir modificacións. Non é lóxico que non che permitan facer animais grandes, que son os que che fan gañar diñeiro. Animais que desarrollan moi ben e chegan aos 10 meses con 280 kg poslles 5 meses máis e case che dobran o peso. Ademais, é cando menos dan que facer”, argumenta José Manuel.
“Os tratantes hoxe son comerciais das industrias”
Defende que a situación actual e os envíos fóra de Galicia están a servir para “recuperar un mercado que perderamos con Ternera Gallega”. “Antes tiñamos un mercado aberto ao que entraban operadores de calquera punto de España, pero ese mercado pechouse a raíz da creación da IXP e a esixencia de sacrificio en Galicia”, asegura.
José Manuel non só apunta ás industrias como responsables do estancamento no prezo vivido nos últimos anos, senón tamén aos tratantes. “Os tratantes están enfadadísimos, están que botan lume, porque se lle acaba a bicoca. Eles debían ser os primeiros en facer a folga ao noso lado, pero desentendéronse do prezo e de defender aos gandeiros. Digamos que se aburguesaron coa industria, non son tratantes, son comerciais das industrias, polo que eles tamén contribuíron á situación actual que temos hoxe. Foron importantes no seu momento para o sector, facían a súa labor, sacaban animais para carnicerías e para fóra, buscando o mellor prezo, pero agora van ao cómodo. Ao nacer Ternera Gallega convertéronse en meros comisionistas e pasaron a ser unha peza inútil do taboleiro”, afirma.
“Non somos uns desertores; nós non é que nos vaiamos, bótannos da casa”
Juan Pérez Castro e a súa muller Rocío Torres son titulares dunha explotación no Teixo (Triacastela) pero os dous teñen outra actividade. “Os dous traballamos fóra porque a rendibilidade da explotación non era suficiente con 50 vacas para vivir dignamente unha familia”, aseguran.
Agora decidiron empezar a vender para fóra de Galicia. No seu caso, mandaron 3 xatos para Madrid a semana pasada e van volver mandar outros 2 esta semana para Asturias. “Os tres que mandamos tiñan 12 meses e pesaban 500 quilos e cobrámolos a 3,75€ quilo vivo. Os que imos mandar agora teñen 10 meses e pesan 450 quilos”, detalla Juan.
Estamos moi contentos; mandamos 3 xatos para Madrid a semana pasada e imos volver mandar outros 2 esta semana para Asturias
Di estar “moi contento”, non só polo prezo, senón polo sistema de venda e “polo simple feito de romper a cadea que nos ata tal como está montada aquí en Galicia”. Teñen o negocio montado á conta nosa”, opina.
“Esta é unha iniciativa feita por gandeiros e xorde como consecuencia de machacarnos tanto. Se non, non nos dariamos organizado. Pero cada vez somos máis xente. Non é que sexamos uns desertores e que nos queiramos ir de Galicia. Nós non é que nos vaiamos, bótannos da casa”, asegura.
“Teño 43 anos e, aínda que me incorporei no 2017, sempre traballei nisto. E vexo que nos están roubando. Teñen montado algo sistemático. A carrillera, o rabo, a riñonada, todo iso aprovéitase. Calquera que vaia mercar á carnicería sábeo. E sen embargo a nós non se nos paga. Iso non pode ser”, di contundente.