Temor a unha guerra de prezos do leite entre as cadeas de supermercados

Carrefour reduce a 78 céntimos a súa marca branca, a fin de competir con Mercadona, que a situou en 79

Temor a unha guerra de prezos do leite entre as cadeas de supermercados

Naturleite envasa en Galicia a marca Hacendado. / Arquivo.

Nos últimos meses, o progresivo aumento de custos de produción nas granxas atopou unha válvula de escape na suba en cadea do prezo do leite. No campo, os prezos do leite incrementáronse arredor de 10 céntimos / litro no que vai de ano. Esa suba do leite extendeuse ó longo de toda a cadea e deixou no supermercado os prezos das marcas brancas por riba dos 80 céntimos / litro. Así as cousas, o sector gandeiro observa agora con preocupación a posibilidade dun abaratamento do leite nas cadeas da distribución.

Mercadona, a cadea española con máis cota de mercado na comercialización de leite, fixou o prezo da súa marca branca (Hacendado) en 79 céntimos. En consecuencia, Carrefour, que chegou a cobrar o seu leite de marca branca a 84 céntimos, decidiu reducir o prezo ós 78 céntimos, a fin de competir con Mercadona, segundo interpreta a organización agraria Enba (filial vasca de Asaja), que advirte da necesidade de deter unha posible guerra de prezos entre os grupos de supermercados.

Se o leite se volve a convertir nun produto reclamo, posto a baixos prezos para atraer consumidores, tal escenario tensionaría de novo os prezos do leite ó longo de toda a cadea, chegando en último termo ás granxas, xa moi afectadas polo encarecemento de pensos, enerxía e fertilizantes.

Inflación e propostas para poñer tope ó prezo de alimentos básicos
Entre tanto, o encarecemento dos alimentos entrou esta semana no debate político, pois a inflación de produtos como os lácteos ou o pan, que superan o 20%, interprétase como un problema para os consumidores. A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, propuxo que se estableza un tope de prezos para 20 – 30 alimentos básicos da cesta da compra.

Díaz tamén amosou a súa preocupación polo diferencial de prezos entre o campo e o supemercado, poñendo como exemplo as laranxas, “que se poden pagar no campo a 15 céntimos e no supermercado a 1,40”. Se ben, habería que precisar que co leite ese tipo de problemas non se da, pois como demostran os estudos da cadea de valor do leite, o aumento de prezos do campo ó supermercado a penas cubre os custos de transformación e distribución.

Desde o Ministerio de Agricultura, o seu titular, Luis Planas, descartou a proposta de tope de prezos de Díaz, pois entende que a normativa comunitaria de Competencia non permitiría establecer esos límites. Planas recordou tamén que sería perxudicial para toda a cadea alimentaria, desde agricultores e gandeiros ata industrias e distribución, que tiveron que enfrontar importantes aumentos de custos.

As asociacións de supermercados, pola súa parte, tamén se pronunciaron en contra da proposta de Díaz e aludiron á forte competencia de prezos que, ao seu xuízo, xa se dá entre as cadeas de supermercados para captar clientes. En lugar dun tope de prezos, as asociacións de supermercados propoñen baixadas no Iva da alimentación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información