Temor nas granxas de coellos a quedaren fóra das axudas do Goberno a pesar de producir a perdas

Temor nas granxas de coellos a quedaren fóra das axudas do Goberno a pesar de producir a perdas

Concentración dos productores galegos de coello nunha anterior crise. / Foto: Arquivo

Os produtores de carne de coello temen quedar excluídos da repartición de axudas extraordinarias por parte do Goberno Central e Comunidades Autónomas para os sectores agrogandeiros máis afectados pola forte suba de pensos e demais insumos (gasóleo, electricidade e plásticos), agravada pola guerra de Ucraína.

Un temor máis que xustificado pois segundo a información que transcendeu até agora dos 194 millóns cuxo reparto o Goberno central está a negociar coas autonomías, non figuran como beneficiarias as granxas de coellos.

“De confirmarse sería un reparto totalmente inxusto e discriminatorio pois as granxas cunícolas son das máis afectadas pola suba dos pensos, xa que a alimentación dos coellos baséase nun 100% en cereais; é dicir, en concentrados, e necesitamos un alto consumo de electricidade para manter aos animais nunhas axeitadas condicións de benestar”, advirte María Antonia Ramos, gandeira e presidenta de Progacun, a primeira organización galega de produtores de carne de coello.

A falta de axudas por parte do Goberno, coma si se destinarán a outros sectores igualmente intensivos como a avicultura, afecta a nada menos que 3808 granxas cunícolas en España, segundo o censo do Ministerio de Agricultura, das que 230 están en Galicia, comunidade que representa o 6% das granxas a nivel estatal pero o 19% do censo de animais, con algo máis de 1 millón de exemplares.

En todo caso, a presidenta de Progacun matiza que “granxas en activo que estean a pagar a extensión de norma, de obrigado cumprimento, soamente quedan en Galicia 166 granxas, o que nos dá unha idea da crise que vive este sector, que tampouco conta con axudas da PAC”.

Os produtores de coello perden 0,6 euros por quilo de carne

E é que a crise de suba dos pensos e demais custos de produción está a afectar especialmente ás granxas de coellos. Aínda que é certo que o prezo do coello subiu -de media en 2021 alcanzou os 1,93 euros/Kg vivo, e nos tres primeiros meses deste 2022 a media rolda os 2 €/kg vivo- porén incrementouse en menor proporción que os custos de produción.

Así, segundo un informe de PROGRACUN, no ano 2021, o prezo medio do penso de engorde de coellos situouse en 283.26 €/tm, (aprox +50€/tm) o que significou un +21,19% de incremento con respecto ao ano 2020. No caso do penso para coellas a subida o pasado ano foi de máis de 50€/tm (+21.85%) quedando o prezo medio en 2021 en 303.18 €/tm.

Un encarecemento do penso -que supón case o 53% dos custos de produción- que continúa no que levamos de ano 2022 e que están ao redor dunha subida do 25,79% de media entre os dous tipos de penso con respecto ao mesmo período do pasado ano. A suba continuou en abril con incrementos interanuais nalgunhas fábricas de pensos de +100 €/Tm.

Nesta situación, e tal como reflicte o informe que manexan os produtores galegos de carne de coello, as granxas están a vender a perdas, unha situación que non ten perspectivas de mellorar até finais de ano.

En concreto, se en 2021 por cada quilo de carne de coello que producían perdían 0,32 euros, en 2022 as perdas duplicáronse até situarse nuns resultados negativos de 0,65 euros por quilo de carne de coello que producen, debido a uns custos de alimentación disparados.

PREZOS COELLO PROGACUN

Fonte: PROGACUN

“Espero que o Goberno non se esqueza de nós nestas axudas porque sería a puntilla para o sector”

Con estes datos, María Antonia Ramos reclama ao Ministerio de Agricultura e Comunidades Autónomas que teñan tamén en conta ao sector cunícola na repartición de axudas ao sector gandeiro.

“Non oio falar de axudas ao noso sector a pesar de que os produtores estamos a sufrir como o que máis a suba dos pensos pola guerra de Ucraína, da luz ou do gasóleo. Espero que non se esquezan de nós porque somos poucos, porque se é así concluirá que os que nos gobernan non coñecen a realidade do sector e estannos dando a puntilla para acabar coas granxas de coellos”, advirte a presidenta de PROGACUN.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información