Temen forte baixada no prezo do polo debido ao peche do turismo e da hostalaría

A interprofesional de carne de polo (PROPOLLO ) teme unha forte caída nos prezos da carne de polo debido ao peche da hosteleria e do turismo polo que piden á administración unha serie de medidas para paliar a grave crise que cren que se aveciña para o sector.

Desde PROPOLLO lembran que “a produción total de aves cada mes en España está ao redor dos 44 millóns de exemplares, dos que un 25% derívanse á canle HORECA”. “O desplome da demanda desta canle -advirten- ten un efecto especial no apartado de polos asados. Segundo cifras do ano anterior, só a demanda de polos asados representou un 65% das vendas no verán de 2019, moi ligado a grandes eventos e turismo na costa”.

Neste sentido, a interprofesional advirte de que “as perdas derivadas da caída da demanda da canle HORECA poderían supor até 600 millóns de euros para o sector avícola, e os seus efectos nótanse xa nas compañías, das que moitas delas son pemes e empresas familiares”.

Co obxectivo de paliar estes efectos, desde a interprofesional solicítanse as seguintes medidas á administración:

1. Liñas de subvención para incentivo de almacenamento en frío (conxelado), dado o alto impacto que tería nos prezos de produción, para así non perder o produto procesado.

2. Apoio para manter poboacións parentais, que se verán minguadas se non se posibilita a súa crianza como medida de protección.

3. Incorporación da carne de ave ao programa sectorial do ICEX para campañas de apoio á exportación, pois é dos poucos sectores non considerados.

4. Redución de impostos que gravan a actividade dos gandeiros e dos industriais do sector de carne avícola, en consonancia co seu papel como sector esencial para abastecer de produtos alimentarios á poboación.

Caída dos prezos da carne de polo nos mercados internacionais

A crise do coronavirus xa está a provocar unha caída de prezos do polo nos mercados internacionais. Na Unión Europea o prezo medio do broiler situábase a pasada semana en 1,84 euros o quilo, o que supón unha caída do 6,5% con respecto a hai un mes.

Moito peor situación afrontan nos dous principais exportadores mundiais de carne de polo: Brasil e Estados Unidos. Este último sufriu nas últimas semanas un esborralle no prezo da carne de pito, que caeu até os 1,12 euros o quilo e no caso de Brasil baixou no último mes até os 0,78 euros o quilo.

polo coronavirus prezos 2 polo coronavirus prezos 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información